mércores, 8 de novembro de 2017

COMUNICADO OFICIAL: CUAC FM APAGA O 103.4

Logo

CUAC_ASEMBLEA_PECHE_FM


Dende Cuac FM temos o enorme pesar de comunicar que o pasado día 21 de setembro, despois de 21 anos de emisión, a Xunta de Galicia, a través da súa Secretaría Xeral de Medios, comunicou a Cuac FM a incoación dun expediente sancionador por emitir “sen dispor da correspondente licenza”. CUAC exponse a unha sanción administrativa que vai dos 100.001 aos 200.000€.

Ante tales feitos, o Colectivo de Universitarios Activos quere sinalar o seguinte:
  1. Nestes 21 anos de servizo á comunidade, Cuac FM nunca recibiu ningún comunicado, queixa ou notificación de ningún tipo respecto da súa actividade, e nunca interferiu nin perxudicou a emisión de ningunha outra estación de radio en Galicia.
  2.  A Xunta de Galicia ten constancia da existencia de Cuac FM dende antes de comezar as súas emisións, o 27 de marzo de 1996. As relacións desta emisora coa Secretaría Xeral que abre o nomeado expediente foron numerosas e sempre no mesmo sentido. CUAC solicitou en reiteradas ocasións a reserva de espazo radioeléctrico para servizos de comunicación comunitario sen ánimo de lucro e licenzas, aínda que fosen provisionais, para salvagardar a actividade das poucas emisoras libres comunitarias que existen en Galicia.
  3. CUAC vén reivindicando e traballando, dende hai dúas décadas, a nivel galego, estatal e europeo, pola defensa do exercicio ao dereito fundamental á liberdade de expresión e de información, un dereito inalienable que está recoñecido pola Declaración de Dereitos Humanos (ONU, 1948) e polo artigo 20.1.a) da Constitución Española. Este traballo realízase de maneira coordinada coa Rede de Medios Comunitarios (REMC) e coa Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC), das que CUAC forma parte.
  4. CUAC ten reclamado en varias ocasións á Xunta de Galicia a aplicación na nosa comunidade da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual 7/2010 que recoñece, no seu artigo 4º, aos medios comunitarios coma un dereito da cidadanía, e establece na súa Disposición Transitoria 14 o dereito dos servizos de comunicación audiovisuais comunitarios de radio e televisión preexistentes, que emitían antes do 1 de xaneiro do 2009, a acceder a licenzas ou autorizacións no ámbito de cobertura no que viñan prestando a súa actividade. 
  5. CUAC denuncia o incumprimento por parte das administracións públicas da nomeada Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2010, en grao de omisión, ao non outorgarse ningunha licenza para servizos de comunicación comunitaria sen ánimo do lucro nos sete anos despois da entrada en vigor da lei. O estado incumpre de xeito reiterado o mandato de desenvolvela regulamentariamente pese ao recordatorio que en 2012 fixo a oficina do Defensor del Pueblo nese sentido. 
  6. O exercicio da liberdade de expresión a través de calquera medio é un dereito da cidadanía que non pode ser coartado nin pode estar eternamente demorado pola inactividade dos poderes públicos, como así teñen recoñecido os tribunais de xustiza. O espazo radioeléctrico é un ben de dominio público xestionado pola administración para o beneficio de toda a cidadanía. Numerosas lexislacións e resolucións internacionais en materia de dereito á comunicación, tales como as declaracións do Parlamento Europeo (2008), Consello de Ministros Europeo (2009), ou dos relatores da liberdade de expresión da ONU, da OSCE ou a UNESCO, sinalan o dereito das persoas para fundar os seus propios medios de información. En España e en Galicia dito dereito está secuestrado pola inactividade da administración que, porén, si ten convocado concursos para a concesión de licenzas comerciais a empresas con ánimo de lucro. 
  7. O dereito de existencia dos medios comunitarios está maioritariamente apoiado polo Parlamento Español. Tal apoio manifestouse coa aprobación de todos os partidos políticos (co único voto en contra do Partido Popular) dunha Proposición Non de Lei presentada o 21 de xuño de 2017 na Comisión de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital do Congreso dos Deputados. Dita PNL insta ao Goberno do estado a “Regular el otorgamiento de autorizaciones temporales a Servicios de Comunicación comunitarios radiofónicos y televisivos que estuvieran en funcionamiento con anterioridad al 1 de enero de 2009”. 
  8. Cuac FM é unha emisora comunitaria, sen ánimo de lucro, que nace en 1996 co fin de garantir o exercicio do dereito de acceso á comunicación e a liberdade de expresión da cidadanía, desenvolvendo a súa actividade de maneira continuada, os 365 días do ano. Temos alcanzado os 452 programas en emisión, sendo máis de 1.200 as persoas que fixeron radioe centos de asociacións, colectivos e centros educativos que pasaron polas nosas ondas. Nestes case 22 anos, Cuac FM non rexeitou nin un só dos proxectos presentados para a súa emisión. 
A Xunta de Galicia vén de facer oídos xordos a todo este itinerario legal e aposta polo exterminio do único Servizo de Comunicación Comunitario sen ánimo de lucro existente na cidade da Coruña, contradicindo tamén a moción aprobada en 2016 polo Pleno do Concello da Coruña, orientada á protección destes servizos, e nomeadamente, de Cuac FM.

Onte, 28 de setembro de 2017, a Asemblea Xeral de socios e socias do Colectivo de Universitarios Activos decidiu cesar as súas emisións en frecuencia modulada (FM) ata que se resolva esta situación, mais mantendo a súa actividade en Internet, tanto en streaming coma en podcasting.

Aprobou tamén desenvolver nas vindeiras datas unha estratexia de defensa do dereito a comunicar da cidadanía, tanto no eido xurídico, coma no político e no social, para o cal mobilizará todos os seus recursos materiais e humanos, na convicción de que o único xeito efectivo de defender os dereitos humanos e a través do seu exercizo.

Finalmente, Cuac FM quere facer un agradecemento a todas as persoas e institucións que nos apoiaron durante estes anos e que con seguridade seguirán acompañándonos no futuro, con especial mención á Universidade da Coruña. Facemos, por último, un chamado a todos os axentes sociais, colectivos, asociacións e persoas individuais para que nos axuden a defender o seu dereito a unha comunicación libre, democrática e plural. Hoxe é Cuac FM, mañá poderá ser calquera outro espazo de comunicación social.

Quen teña honra, que nos siga.

A Coruña, a 29 de setembro de 2017

A asemblea de socias e socios do Colectivo de Universitarios Activos


Escoita o noso streaming en directo as 24 horas do día e sigue as últimas novedades da emisora nas redes sociais ou chateando cos programas activando o chat de abaixo. Tamén podes participar  a través do teléfono de directo 881012232 ou deixando mensaxes e audios no Whatsapp no número 644737303 dende o teu móbil.


DIRECTO:

https://streaming.cuacfm.org/cuacfm.ogg
CUAC RESISTE!!



Comunicado da Rede de Medios Comunitarios en apoio á CUAC FM



Escoita o Especial #CuacResiste de Radio Vallekas



Ningún comentario:

Publicar un comentario