luns, 20 de novembro de 2017

Desmantelan e privatizan outro servizo hospitalario, os arquivos das historias clínicas da Mariña

Denuncian que os datos “máis sensibles” dos veciños desta comarca de Lugo “estarán en mans privadas”. A CIG denuncia que, omo noutros servizos privatizados no Sergas, tamén neste caso aparece o nome da empresa Servizo Móbil S.A.

http://www.galiciaconfidencial.com/

O goberno do PPdeG avanza na privatización de servizos hospitalarios. Así, avanza na privatización da xestión dos arquivos clínicos dos centros hospitalarios, a última, no Hospital da Costa, na Mariña. 

Privatización das historias clínicas no Hospital da Costa Privatización das historias clínicas no Hospital da Costa | Fonte: CIG

Así o denuncia a CIG que critica que os datos dos pacientes van quedar en mans privadas. “A confidencialidade dos datos que se atopan recollidos nas historias clínicas, que son de especial sensibilidade, recollen información que non pode ser utilizada máis que nos casos e nos supostos para o que os usuarios deron consentimento”, apunta.
Neste sentido indica que a importancia que ten no funcionamento dun centro sanitario o arquivo de historias clínicas “é vital”, máxime cando non está informatizada toda a documentación para que esta se atopase, a tempo real, a disposición dos profesionais que a precisen para unha atención sanitaria axeitada.
“As historias clínicas dos mariñaos e mariñás estarán en mans privadas a máis de 100 km de distancia, historias clínicas que non están totalmente dixitalizadas polo que desde CIG Saúde a Mariña fanse algunhas preguntas: ¿Se acudimos a Urxencias ás 3 da madrugada chegará a nosa historia clínica que se atopa a máis de 100 km de distancia ese mesma noite, ao día seguinte, ou cando? ¿Sen historia clínica pódese facer un bo diagnóstico que pode ser vital para a nosa saúde?”, pregunta este sindicato.
Por iso, denuncia que a historia clínica dos pacientes “non pode ser obxecto de negocio e externalizarse” e nunca, en ningún caso, “debe saír do ámbito público que é o que, de verdade, garante a confidencialidade e protexe os datos persoais relacionados coa saúde e o estado sanitario da cidadanía”.
As historias clínicas de pacientes do Sergas empaquetadas para ser xestionadas por unha empresa privada As historias clínicas de pacientes do Sergas empaquetadas para ser xestionadas por unha empresa privada | Fonte: CIG
A empresa privada
Como noutros servizos privatizados no Sergas, tamén neste caso aparece o nome da empresa Servizo Móbil S.A., con sede nas Pontes. “Todo o que se move ou se xestiona no ámbito da privatización de servizos no Sergas aparece por medio esta empresa”, di o sindicato. “Abundando nos riscos que supón esta fórmula de xestión de documentos públicos, unha empresa privada non ten como fin o servizo publico senón o beneficio empresarial e canto máis elevado sexa este, mellor”, aclara.
Por iso, anuncia que estará especialmente vixiante para evitar que se perda algún posto de traballo ou se modifiquen as condicións de traballo do persoal. “Non consentiremos que se amortice ningunha desas prazas porque son necesarias no Hospital”, conclúe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario