venres, 15 de decembro de 2017

COMUNICADO PLATAFORMA SANITARIA DE VALDEORRAS

COMUNICADO
PLATAFORMA SANITARIA DE VALDEORRAS



A retirada do anteproxecto de lei de modificación da Lei 8/2008 do 10 de xullo de Saúde de Galicia, foi o que pediron os veciños en multitudinarias manifestacións, enchendo por milleiros as rúas das súas vilas. Mobilizacións de apoio á proposta das plataformas de Valdeorras, do Salnés, da Mariña lucense e de Monforte de Lemos de defensa e mantemento das actuais áreas sanitarias

Este xoves, sete de decembro, o Consello de Goberno da Xunta do Partido Popular aprobou contra a vontade maioritaria dos cidadáns destas comarcas o seu proxecto de reforma á actual lei de saúde. Con covardía ratificouse na ponte da Constitución a reforma da Lei de Saúde que consolida a integración de Burela, Salnés, Monforte e Valdeorras nas áreas das grandes cidades. A escondidas porque se sentiron inquedos por tantos veciños na rúa que desaproban a súa xestión. Con cinismo chaman exercicio de participación, ca intención de acalar aos votantes e cargos electos do PP das comarcas, que vían con preocupación a deriva do anteproxecto que o sacaron á luz pública en pleno mes de agosto. O Goberno Galego carece de sensibilidade política e social coas nosas comarcas ao impoñer a desaparición das áreas comarcais .

Desde a Plataforma Sanitaria de Valdeorras seguimos mantendo que esta volta de torca nas prestacións sanitarias abre un camiño de grande incerteza sobre o futuro da sanidade pública nas comarcas e no seu medio rural. Pon en situación de risco tanto a atención primaria como a atención especializada e hospitalaria, repercutindo negativamente na calidade de vida polo feito de residir na periferia das capitalidades e no rural galego. A reforma potencia, en maior medida, o incremento da desigualdade entre galegos das cidades e galegos do rural. Divide a sociedade galega a través dos recortes do raquítico Estado de Benestar ao pór os servizos nas mans dos fondos privados sanitarios e da industria farmacéutica.

E a pinga que colma ou vaso dunha reforma presentada en pleno verán, vetando o debate non Parlamento e pechándose a calquera achega en procura do consenso que unha reforma que afecta tan profundamente a poboación merece.

Seguiremos dicindo, e a veciñanza sabeo, que coa perda do concepto Area, o que tecnicamente se perde é a capacidade de decisión, a capacidade de organización, a posibilidade de contar cos recursos necesarios e propios que as características do mundo rural precisa. De alí vén a grande incerteza que nos leva a pensar que dentro de poucos anos o Hospital Comarcal non será máis que un centro de especialidades de consultas externas e un centro de urxencias con escasa capacidade de resolución. Sometido a decisións sempre tomadas desde os “hospitais de referencia provinciais”. E no que a adecuación dos recursos: persoais, investimento, desenvolvemento de programas, atención, etc, serán centralizados, primando criterios extra sanitarios.

A reforma reforza o hospital-centrismo. Esquece ás estruturas de Atención primaria e non aporta solucións eficientes que é a razón de ser dun Servizo de Sanidade Público nos actuais tempos da medicina. Isto que parece unha frase feita é moi importante. É aí onde deberiamos centrar as bases do consenso sanitario. Porque de non ser así a actual deriva afecta profundamente ao rural galego, ás zonas sanitarias, estruturas básicas de atención sanitarias unidas na actualidade a cada concello: os centros de saúde municipais. Por iso non podemos permitir que se abra ningunha porta para que os recursos rurais vaian desaparecendo. Necesitamos un proxecto sanitario de futuro. Hai que buscar solucións para responder ás necesidades asistenciais da poboación rural condicionada polo despoboamento, a dispersión e o envellecemento.

A atención primaria, as políticas de saúde preventivas, os aspectos sociais do medio rural, as comunicacións, etc, son cuestións técnicas e políticas no que un sistema público de saúde debe arrouparse dun amplo consenso. Falamos de orzamentos e polo tanto de disposición de recursos económicos. De financiamento do sistema de saúde público ou de derivar inxentes partidas a un sistema privado neoliberal, como o norteamericano que tanto gusta mencionar e pór de exemplo ao presidente Feijóo. Fronte a Galicia rural sen impostos que nos vende a publicidade da Xunta a realidade futura esconde unha Galicia rural sen servizos para a cidadanía.

Non renunciaremos á capacidade de participación e de control da xestión desde as comarcas. As concentracións masivas de cidadáns reclamaron “Somos Áreas”. Non podemos desvirtuar esa reivindicación, temos que enchela e darlle o contido político correcto.

Non houbo por parte da Consellería sensibilidade política e non a hai por parte do Goberno da Xunta do PP ao aprobar o seu ante proxecto. Non valoraron a realidade das comarcas, a súa historia de loita polos seus dereitos, que teñen que ver coa súa existencia como área sanitaria.

Só queda esixir a retirada desta reforma. Esta solicitude está dirixida cun sentido de responsabilidade política. Desfacer un camiño precipitado de solucións fáciles para un tema difícil. Artellar unha nova vía que os cidadáns por miles pediron na rúa: "A creación de grupos de traballo que inclúa a representantes de todos os partidos do Parlamento de Galicia, á FEGAMP, aos sindicatos, ás asociacións de pacientes e usuarios, aos colexios profesionais da sanidade, e outros colectivos de relevancia na contorna sanitaria galega, coa finalidade de elaborar un informe de conclusións, un Libro Branco, de acceso público, que propoña posibles melloras normativas para o sistema sanitario galego.

A Plataforma Sanitaria de Valdeorras seguirá loitando por unha Sanidade Pública, solidaria, de calidade, e de proximidade aos cidadán. Chamamos á poboación a salvagardar ese dereito coas súas decisións e accións e a transformar as mentiras desta Consellería en verdades.
Porque, a día de hoxe, a igualdade e o dereito a atención sanitaria no rural galego atópase en perigo.

Xogámonos a saúde, xogámonos a vida!


Barco de Valdeorras, 13 de Diciembre 2017.



Ningún comentario:

Publicar un comentario