Afundimento do 'Casón'
Marcos Pérez Pena
http://praza.gal/
O 5 de decembro de 1987 o Cason, un cargueiro panameño que transportaba unha carga de 1.100 toneladas de produtos químicos, distribuídos en 5.000 bidóns clasificados como inflamables, tóxicos e corrosivos, acabou varando na Punta do Castelo da praia do Rostro por mor dun temporal fronte ás costas de Fisterra. Morreron 23 dos 31 tripulantes do navío, todos de nacionalidade chinesa. Nos días seguintes houbo desinformación, descoordinación e mentiras oficiais por parte dos gobernos, e a pesar do temor da poboación polo contido da carga, as autoridades insistían en que todo estaba baixo control e que non había perigo ningún. Porén, aos poucos días comezaron a producirse explosións.
Na noite do día 10, o Goberno central decidiu evacuar a poboación de Fisterra, Cee e Corcubión (unhas 15.000 persoas). Con todo, apenas tres horas despois de comunicar a necesidade de evacuar a zona, o Goberno anulouna explicando que novas análises demostraran que non existía ningún perigo para as persoas: os niveis de contaminación non eran tóxicos, asegurou. Como era esperable, estas mensaxes contraditorias incrementaron aínda máis a desconfianza. O documental Cason 1987, de Luís Montenegro e Xabier R. Blanco, recolle ao detalle todos os eventos que tiveron lugar neses días de decembro, nos que a situación semellaba complicarse por momentos. E non só na Costa da Morte, senón que nas semanas seguintes o temor aos bidóns tóxicos estendeuse por outras comarcas de Galicia.
A veciñanza de Guitiriz tampouco aceptaron ser o depósito dos bidóns tóxicos e interceptaron o convoi, que viña protexido pola Garda Civil, colocando barricadas nas estradas e parándose diante dos camións
Durante os primeiros días sacáronse do barco 255 bidóns de distintos produtos que se almacenaron no porto de Brens, en Cee, pero o Goberno central decidiu levar a carga lonxe, ante a sensibilización da poboación. O destino inicialmente previsto foi unha base que o Exército tiña en Parga, no concello de Guitiriz, unhas antigas instalacións militares nas que a carga tóxica estaría segura. Porén, a veciñanza de Guitiriz tampouco aceptou ser o depósito dos bidóns tóxicos e interceptaron o convoi, que viña protexido pola Garda Civil, colocando barricadas nas estradas e parándose diante dos camións, polo que se decidiu entón trasladar a carga ó peirao de Alumina-Aluminio (hoxe Alcoa) en San Cibrao e despois a Xove, onde se repetiron as protestas e as concentracións de veciños. Finalmente foron trasladados a Amberes.
En San Cibrao a chegada dos bidóns do Cason tivo tamén consecuencias e foron o detonante do primeiro despedimento na súa totalidade dun comité de empresa no estado español
En San Cibrao a chegada dos bidóns do Cason tivo tamén consecuencias e foron o detonante do primeiro despedimento na súa totalidade dun comité de empresa no estado español, como destacaba nesta entrevista Tamara García García, filla dun dos 23 despedidos e autora do libro As inxustizas do Casón. Os bidóns chegaron á daquela Alúmina-Aluminio, agora Alcoa-San Cibrao, o 12 de decembro sobre as nove da mañá, pero o comité de empresa acorda co director da factoría que os bidóns non entren na fábrica. "Se eran tan perigosos que mesmo a xente marchara das súas casas na Costa da Morte, eles tampouco os queren no seu lugar de traballo", destacaba Tamara García. Porén, houbo presións para meter os bidóns na planta, ante o que os traballadores responden bloqueando as entradas do recinto. Finalmente, a empresa decidiu o despedimentos de 135 traballadores, aínda que tras un xuízo viuse obrigada a readmitir a 111. Tamara García salienta que o que se buscaba era "dar un escarmento a todo o sindicalismo. Ata daquela nunca se despedira un comité de empresa ao completo", nun contexto de protestas na factoría que duraba xa dous anos.
O Cason, hoxe
Os restos do Cason permaneceron mergullados a escasos metros da costa, en Fisterra, e seguen dando que falar. A finais do ano pasado o Estado abriu a convocatoria para a súa extracción, unha operación pola que esperaba obter un certo beneficio económico: o 20% dos ingresos obtidos pola venda da ferralla recollida. Porén, esta extracción segue a xerar grandes críticas entre partidos políticos, grupos ecoloxistas e nos concellos da comarca. Durante meses numerosas entidades solicitaron que non se procedese á extracción dos restos do barco, pois este xa se converteu nun biotopo (refuxio de moitas especies e alimento doutras), e pedían que se considerase tanto ao Concello de Fisterra como á Asociación de Veciños de Fisterra Costa da Morte como partes interesadas neste proceso. EnMarea solicitou no Congreso a paralización da extracciónpois "o dano que se lle fará ao medio natural e pesqueiro é moito maior que o valor destes restos".
Numerosas entidades solicitaron que non se procedese á extracción dos restos do barco, pois este xa se converteu nun biotopo (refuxio de moitas especies e alimento doutras)
Porén, a operación comezou na primeira semana de novembro, tras rexeitar o Goberno a petición, Yolanda Díaz instou ao Executivo "a respectar o sentimento maioritario de que o pecio do Cason permaneza no fondo, xa que forma parte da historia recente de Fisterra e da Costa da Morte e da xente que o viviu e o sufriu, e existen, ademais, argumentos ambientais e turísticos para deixalo onde está", lembrando ademais que “estes restos tampouco supoñen xa ningún perigo para a navegación polo lugar e profundidade nos que se atopan”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario