xoves, 7 de decembro de 2017

A Fronte Noroeste


Xosé Manuel Pereiro
http://luzes.gal/
Desde que Fraga deixou de percorrer mundo e despachos que non eran o seu, a política exterior de Galicia (con minúsculas, se a Constitución o esixe, pero exterior e política) quedou en nadiña. Tempos aqueles en que Don Manuel visitaba 17 ministerios ─non sei se había tantos, pero el visitounos, eu fora detrás─ en dous días, e nos que tanto lle facía queimadas a Fidel na Habana como se lle instalaba debaixo da jaima ao defunto Gadafi. O de agora é un triste remedo. O último, o cumio de Oviedo, onde se xuntaron os tres líderes do Noroeste, os presidentes de Galicia, Asturias e Castela e León.
Pese ao gran esforzo de luz, son e tipografía da prensa concertada, a cimeira tivo unha relevancia similar á que de seguro terá calquera cea de empresa de Nadal das que se estará planificando nestes momentos. Que o dos incendios forestais é unha cousa moi mala, e polo tanto, mellor coordinarse (suponse que os gobernos, de ter un mando único os que os apagan non falamos). Que hai que repartir os cartos do Estado sen agraviar a ninguén nin beneficiar a Cataluña, e tendo en conta que no Noroeste hai moito vello, e moi espallado (co cal terían que cobrar menos os que teñen unha poboación máis nova e máis xunta). E que hai que ter máis xente nova, e xa que non dá nacido, polo menos que non se vaian os que si veñen ao mundo.
A foto xa dá idea do nivel da tal cimeira do Noroeste. Unha reunión, unhas declaracións, e un paseíño con sesión de fotos. Xa que estaban, podían sacar a relucir o mapa das conexións europeas, que deixa o Noroeste como aquela terra incógnita que non viña detallada nos mapas, porque non había viaxeiros que a recorreran e describiran.
Ese mapa si que merecía un cumio, ou unha visita a Fomento, ou a Bruxelas, e unhas reclamacións que non foran contra o clima, a propia desidia ou para que non se lle dea a quen pide, senón a quen cala. Pero a política galega consiste en non molestar e darlle voltas á boina en posición de descanso cando veñen de Madrid. Todo iso sós ou en compañía de outros.


Ningún comentario:

Publicar un comentario