Marcos Pérez Pena
O peche de camas nos hospitais do Sergas durante os tres meses do verán non é algo novo. Durante os últimos anos a Consellaría de Sanidade adoita deixar inoperativas ao redor dun milleiro de camas hospitalarias nun tempo que se supón de menor actividade. Hai dous anos foron entre 787 (segundo a Xunta) e 1105 (segundo os sindicatos), o pasado ano a cifra dada polo Goberno galego elevouse até 923, un 13% do total, e o número máis alto dos últimos anos. Neste 2014 a Consellaría aínda non fixo pública a cantidade exacta, pero as primeiras informacións e os primeiros peches xa espertaron as primeiras críticas en sindicatos e forzas políticas, e en varias áreas sanitarias.
O caso máis grave, ao igual que noutros parámetros relacionados coa atención sanitaria, atopámolo en Vigo. A Xerencia da área sanitaria de Vigo admitiu hai uns días que este verán, entre o 15 de xullo e o 31 de agosto permanecerán pechadas no Chuvi "máis camas ca nunca", exactamente 219 das 1.240 existentes, o 17% do total. Segundo a dirección da área sanitaria, o peche busca "racionalizar recursos" e non xerará problemas na prestación do servizo, pola redución da demanda que se produce nestas datas. O pasado verán a onda de calor saturou o servizo de Urxencias do Meixoeiro, con esperas de até 24 horas nos corredores deste centro hospitalario para algúns pacientes ser ingresados.
No caso de Vigo estes peches únense á falta de camas que se mantén dende hai anos, unha necesidade que se cifra en 1.450 espazos, e que serve para xustificar o concerto con Povisa ou a derivación de pacientes a outras áreas sanitarias
Dende a Xerencia fixéronse importantes esforzos por desvincular estes peches de camas dos recortes orzamentarios sufridos pola sanidade pública galega e, en concreto, pola Consellaría de Sanidade. Entre 2011 e 2014 o orzamento do Sergas viuse reducido en 270 millóns de euros, un 16% menos, co agravante de que os cartos restantes cada vez se empregan nunha proporción maior para pagar externalizacións e servizos privatizados (absorben ao redor da metade do orzamento, uns 1.900 millóns de euros). Neste senso para sindicatos e forzas políticas, os peches de camas implican un "importante retroceso" na calidade do servizo e un risco de que se produzan "colapsos" coma o do pasado ano en Vigo, como lembrou a deputada de AGE Eva Solla.
No caso de Vigo estes peches únense á falta de camas que se mantén dende hai anos, unha necesidade que se cifra en 1.450 espazos, e que serve para xustificar o concerto existente co privado Povisa (que achega 400 camas) ou a derivación de pacientes a outras áreas sanitarias, coma a de Santiago. Povisa ingresa cada ano 75 millóns de euros procedentes dos cartos públicos por dar servizo a ao redor de 150.000 persoas. O polémico novo hospital de Vigo, un proxecto de financiamento público-privado, achegará unicamente 900. Porén, nas últimas semanas a propia conselleira Rocío Mosquera, sinalou que o 80% das 576 habitacións previstas se instalarán como individuais, o que aínda recortará máis o número de camas dispoñibles.
Nos últimos meses tamén se denunciaron recorrentemente outras deficiencias, como que o 10% das camas do hospital do Meixoeiro permanecían pechadas e o seu servizo de Urxencias colapsado por mor das pingueiras e filtracións de auga. Un problema que se vén denunciando dende hai seis anos, e ante o que a Xunta aínda non adoptou medida ningunha.
"Calquera día dinnos que pechan o hospital por vacacións, porque lle toca pechar a Lugo e que vaiamos a Monforte, total no verán ben chega, e como sigamos así ata nos parecerá normal"
O pasado ano, no momento en que a Consellaría anunciou o peche de 900 camas no verán, CIG-Saúde respondeu a algunhas das xustificacións ofrecidas polo Goberno galego e sinalou que "os centros sanitarios non funcionan só a demanda" e que "a maioría da actividade é programada". "Que vai pasar durante estes 3 meses e medio coa actividade programada?", preguntábase o sindicato. Tamén retrucaba o argumento da "eficacia" utilizado polo Sergas: "Pode haber algo máis ineficaz que ter unas instalacións sanitarias de alta tecnoloxía a baixo rendemento durante este tempo? Instalacións pechadas non levan a un maior beneficio, senón a un maior custe. Mentres, empeoran os niveis de saúde da poboación: incremento das listas de espera cirúrxicas, de consultas, de realización de probas diagnósticas". CIG-Saúde tamén criticaba a non contratación de persoal para a cobertura das substitucións dos e das profesionais de vacacións: "Co peche de camas e a non substitución do persoal no período vacacional, o SERGAS está a incrementar o paro sanitario, condenando aos/ás aspirantes das listas de contratación a non ter nin un só contrato durante o ano".
Catro unidades pechadas en Lugo
"Calquera día dinnos que pechan o hospital por vacacións, porque lle toca pechar a Lugo e que vaiamos a Monforte, total no verán ben chega, e como sigamos así ata nos parecerá normal"
De igual xeito, o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) prevé pechar catro unidades hospitalarias durante os tres meses de verán, como denunciou hai uns días a responsable de CIG Saúde en Lugo, Carmen Aira. A Xunta de Persoal do HULA, a proposta da CIG, esixirá "explicacións" sobre esa decisión na próxima reunión coa xerencia do hospital, pois esta medida acabará por repercutir na calidade asistencial do propio hospital. Esta decisión uniríase a outra situación que segundo o sindicato se vén dando no centro nos últimos meses, nos que non se están cubrindo as baixas de persoal en varias unidades do HULA. "As condicións profesionais e laborais do persoal empeoran día a día pola política de reducións e aforro que, por encima de todo, leva esta dirección", sinalan.
Dende CIG-Saude en Lugo sublíñase que "agora xa nin se molestan en argumentar o peche pola baixa ocupación, permítense facer unha rotación de plantas nos peches, simplemente iso" e engaden que"calquera día dinnos que pechan o hospital por vacacións, porque lle toca pechar a Lugo e que vaiamos a Monforte, total no verán ben chega, e como sigamos así ata nos parecerá normal".
Éxito da folga no Hospital de Santiago
Pola contra, este martes os sindicatos médicos CESM e O'Mega anunciaron a desconvocatoria da folga que convocaran no servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e que estaba previsto que comezase este martes. Os sindicatos salientaron que acadaran o compromiso da dirección do hospital para reforzar inmediatamente a quenda de noite e, nuns meses, as restantes quedas de traballo. Tamén se garantiu "espazo para traballar", o que fará que "non haxa pacientes agardando nos corredores".
Ningún comentario:
Publicar un comentario