Redacción | @prazapublica
As eleccións europeas son uns comicios que habitualmente tenden a dispersar o voto. A circunscrición única incrementa as opcións para as candidaturas minoritarias e o propio perfil das eleccións leva a facer un voto máis ideolóxico ou de simpatía ca ligado á xestión. Este domingo PP e PSOE só sumaron o 56,89% dos votos en Galicia (fronte ao 85,3% de hai cinco anos), pero de igual xeito un bo número de galegos e galegas optaron por alternativas distintas tamén a AGE, Podemos ou BNG, en concreto un 16,35% do total, ou 191.400 persoas. Esta cifra é a suma dos resultados das distintas candidaturas, dun tres por cento de voto en branco (29.927) e dun número semellante de votos nulos (26.714, o 2,58%). A porcentaxe de votos nulos ou brancos foi moi semellante á rexistrada nas últimas eleccións autonómicas.
Un bo número de galegos e galegas optaron por alternativas distintas a PP, PSOE, AGE, Podemos ou BNG, en concreto un 16,35% do total, ou 191.400 persoas
Destaca, para comezar, o crecemento experimentado por UPyD, que cun 3,47% e 35.099 votos acada o seu mellor resultado relativo en Galicia, multiplicando por 2,5 os seus resultados de hai cinco anos. A formación liderada por Rosa Díez está lonxe, iso si, da súa media de voto en todo o Estado (6,5%), pero consegue resultados moi notables, sobre todo nas cidades. O 4,39% ao que chega na Coruña, o 3,84 de Ferrol, o 4,06% de Santiago, o 3,74 de Ourense, o 4,45 de Pontevedra, ou o 3,96 de Vigo deixaría a formación maxenta preto de obter un concelleiro nas eleccións municipais. Tamén son destacables as súas cifras en Ames (5,32%), Arteixo (5,18%), Cambre (5,65%), Narón (4,64%), Oleiros (5,53%) ou Marín (4,1%)
Nestas eleccións UPyD mantivo unha competencia moi intensa con Ciudadanos, outra das formacións que acadaron un éxito importante nos comicios, obtendo dous escanos. En Galicia os seus resultados foron máis modestos que en Catalunya e que noutras zonas do Estado, pero aínda así o 1,61% dos votos obtidos na nosa comunidade (16.309) son dende logo unha cantidade notable de apoios. Ao igual que UPyD, C'S obtén os seus mellores resultados nas cidades, destacando o 2,95% que levou na Coruña, o 2,17% de Ferrol, o 2,67% de Santiago, o 2,21% de Ourense, o 2,49% de Pontevedra, ou o 2,21% de Vigo. Tamén son destacables as súas cifras en Ames (3,05%) ou Cambre (2,45%)
A oitava forza política en Galicia foi o Partido Animalista, PACMA, que tamén superou o un por cento dos votos (1,07%), cun total de 10.871. Galicia foi, de feito, unha das comunidades autónómas nas que esta forza obtivo os seus mellores resultados, só por detrás dos que levou en Canarias, Baleares ou a Comunidade Valenciá. PACMA superou o un por cento en case todas as cidades galegas, destacando por exemplo os máis de mil votos obtidos na Coruña ou os máis de dous mil que levou en Vigo (1,89%).
O caso de Compromiso por Galicia é singular neste capítulo de outros. A diferenza doutras formacións, esta si ten unha forte implantación en varios concellos, o que fai que acade importantes porcentaxes de voto nalgunhas localidades. En conxunto, CxG obtivo 9.641 votos, o 0,95% do total, un resultado lixeiramente inferior ao obtido nas eleccións autonómicas de hai dous anos (1,01% e 14.459 votos). Os seus resultados máis importantes acádaos en Vilar de Santos, onde foi a forza máis votada, cun 63,41% dos votos, pero tamén en Muros (6,66%), Lalín (4,1%) e Betanzos (3,09%), ou noutras localidades coma Ames (1,83%), Compostela (1,6%) ou Carballo (1,3%).
Vox non acadou o eurodeputado que buscaba, e tampouco en Galicia se pode dicir que destaquen os seus resultados, apenas 7.790 votos, o 0,77% do total. Porén, si chama a atención o 1,81% que levou na cidade da Coruña, 1.648 votos. Nas restantes cidades galegas rolda o un por cento, pero por debaixo dos datos da urbe herculina.
Outras formacións que tamén obtiveron un bo número de votos en Galicia son Escanos en Branco (7.914 votos, o 0,78% do total); Movimiento Red, con 7.560 (o 0,74%); Primavera Europea, a coalición na que se integraba Equo, con 6.952 (o 0,68%); o Partido X, con 5.006 (o 0,49%); os Piratas, con 3.284 (o 0,32%);Recortes Cero, con 2.428 (o 0,24%); o PCPE, con 2.223 (o 0,22%); ou o Partido da Terra, con 2.185 (o 0,21%)
Ningún comentario:
Publicar un comentario