luns, 2 de maio de 2016

A Xunta desvela os seus contratos menores 'a dedo' só unha semana e logo bórraos

David Reinero
David Lombao
http://praza.gal/


Pagamento de Educación pola escultura en Silleda
Pagamento de Educación pola escultura en Silleda Praza Pública
Compra da cadeira de Medio Rural
Compra da cadeira de Medio Rural CC BY-SA Praza Públic
O pasado marzo entrou en vigor a nova Lei de Transparencia, que amplía varios dos preceptos do texto vixente dende 2006 e obriga a Xunta a difundir contidos e documentos que ata agora non eran públicos, así como a publicar dun xeito máis claro e agrupado, nun único portal, outros que antes se atopaban espallados. Como veu informando Praza.gal, a nova norma trouxo consigo, por exemplo, a publicación por primeira vez dos soldos de cada membro do Parlamento ou dos altos directivos da Administración autonómicas. Tamén é unha novidade a difusión en internet das empresas beneficiarias dos contratos menores, aqueles que polo seu importe reducido poden ser adxudicados 'a dedo' sen consultar ofertas alternativas. No entanto, esta publicación está a realizarse cunha relevante limitación temporal.

O Goberno galego só fai públicos durante unha semana cada un dos seus contratos menores. Despois, bórraos. Dende a entrada en vigor da devandita lei de transparencia, cada departamento autonómico comezou a publicar os seus respectivos contratos e facturas menores. Véñeno facendo a través da web de contratacións da Xunta, que permite realizar buscas específicas ou activar alertas segundo o importe, data ou estado de calquera tipo de contrato, agás dos menores. Para acceder a eles hai que revisar todos os contratos dun determinado departamento, onde os menores aparecen mesturados e sen identificar. Deles só se publica unha referencia con parte do obxecto do contrato ou factura, o importe e a razón social da empresa ou particular ao que se adxudicou.

A publicación dos pequenos contratos 'a dedo' realízase ao abeiro da nova lei de transparencia

Ao contrario que no resto dos contratos, non é posible descargarse os documentos oficiais. Ademais, esas referencias superficiais desaparecen da web de contratación da Xunta pasada unha semana e xa non é posible acceder a un contrato determinado nin a través do suposto enlace directo que identificaba cada procedemento nin revisando a totalidade dos contratos de cada departamento. A transparencia, pasados uns días, desaparece neste eido.

O proceder do Goberno galego xoga coa ambigüidade da Lei de Transparencia no seu artigo 13.2: “A información relativa a todos os contratos menores, con indicación do obxecto, a duración, o importe de licitación e adxudicación, o número de licitadores participantes e a identidade do adxudicatario publicaranse, polo menos trimestralmente, no portal web de transparencia”.

A Xunta argumenta razóns de operatividade informática para borrar os contratos pasada unha semana

A Xunta argumenta razóns de operatividade informática para borrar os contratos menores pasada unha semana da súa publicación. Outras administracións tamén obrigadas a facer públicos os contratos menores solucionan o problema do gran volume de datos informáticos que xera tal cantidade de procedementos publicando listados en formato PDF ou similares nos que inclúen de xeito permanente os mesmos conceptos que a Xunta opta por incorporar á súa web de maneira individualizada, cunha pantalla para cada un, e polo tanto ocupando máis espazo, pero só durante uns días. Listados de contratos menores que non caducan senón que seguen sendo accesibles meses despois como os que divulga, por exemplo, o Concello de Santiago dende hai dous anos.


Balance do primeiro mes

Malia que boa parte deles xa non son accesibles, Praza.gal leva un mes revisando centos de contratos menores que a Xunta foi publicando na súa plataforma de contratación e facendo copias desas páxinas antes de que fosen borradas. A análise dese primeiro mes de transparencia con caducidade permite extraer algunhas conclusións do proceder do Goberno galego.

Os contratos menores permiten comprobar como determinados departamentos da Xunta adxudican a dedo determinados subministros ou servizos a firmas do entorno do domicilio do seu titular, malia que que poderían ser contratados con empresas de calquera lugar de Galicia. Así, a Consellería de Política Social, dirixida polo ferrolán José Manuel Rey Varela, mercou caixas por 19.000 euros a unha empresa de Narón. E a secretaria xeral de Igualdade, a chantadina Susana López Abella, gastou 585 euros en figuras de Sargadelos nunha tenda de Chantada gastando 70 euros máis que se as mercase por internet. Igualdade,como contou Praza, tamén adxudicou un contrato menor, de 6.171 euros, á súa ex xefa de prensa.

Os contratos menores amosan adxudicacións de determinados subministros a firmas da contorna do domicilio dalgúns conselleiros

A Consellería de Cultura, dirixida por Román Rodríguez, de Lalín, achegou 1.500 euros á homenaxe que se realizou na vila veciña de Silleda ao ex alcalde do PP Juan Salgueiro. Nela descubriuse un busto que segundo os organizadores tería custado 3.000 euros achegados por doazóns cidadás. Porén, a metade do busto pagouna a Consellería a través da antedita factura de 1.500 euros aboada a unha empresa de moldes e esculturas de Madrid. Cultura asegurou a preguntas desde medio que realizou a achega polo labor de dinamización cultural realizado polo rexedor falecido e non pola súa militancia política, e engadiu que foron os organizadores do acto os que suxeriron que a súa achega fose para pagar parte do busto supostamente sufragado con doazóns particulares. Cultura, como contou Praza, tamén adxudicou outro contrato menor, de 6.147 euros, á empresa dun ex asesor do PP de Lalín.

Nestes contratos mestúranse facturas por pequenos subministros e outros de maior importe, como os 20.000 euros da AMTEGA para elaborar 15 vídeos

Entre os contratos menores son habituais facturas de moi pequeno importe por subministros como papelería, material de oficina ou auga. Hai cadeiras de todo tipo e importes, ata 530 euros por un sillón hergonómico que pagou Medio Rural. Nese ámbito destacan ducias de facturas de pequenos subministros sanitarios do Sergas. En boa parte deses subministros abundan as referencias vagas ao concepto dos mesmos. Por exemplo, son varias as facturas do IGAPE por “necesidades operativas”, sen máis concrecións, a nome dun centro de impresións dixitais por importes como 23,23 euros ou 3,15 euros.
Fronte a esas facturas por pequenas cantidades, que sumadas xa non son tan insignificantes, en particular no Sergas, hai contratos menores por importes que noutras ocasións merecen a convocatoria de concursos públicos por parte doutros departamentos. Así, a Axencia de Modernización Tecnolóxica (Amtega), adxudicou un contrato menor, sen pedir máis ofertas, de 20.000 euros para elaborar 15 pequenos vídeos para internet.






Os datos en formato aberto, materia pendente

Unha das principais eivas do Portal de Transparencia creado ao abeiro da nova lei é a carencia de formatos abertos para presentar datos que ata agora non eran públicos ou se atopaban espallados polos diferentes sitios web da Xunta e do Parlamento. Así, información relativa a eidos como o número e salarios do persoal asesor, publicada en documentos pdf, que non permiten realizar procuras ou reutilizar os datos con liberdade.

Un exemplo de información que xa era pública ao abeiro da anterior lei e que agora segue difundíndose en formatos pechados é a dos datos salariais do presidente, dos conselleiros e do persoal que ten consideración de alto cargo, 63 persoas en total cuxas remuneracións suman 3,6 millóns de euros ao ano. Esta información foi publicada o pasado marzo por Praza.gal en formato aberto, con posibilidade de realizar procuras neste mapa interativo.

As remuneracións do Goberno xa eran públicas antes da nova lei, que incorporou a difusión dos soldos dos altos directivos e, especificamente, a de cada membro do Parlamento

Algo semellante sucede con duas áreas de información que ata agora non eran públicos: os soldos específicos de cada membro do Parlamento -antes só eran públicos datos xerais da composición dos salarios de deputados e deputadas- e do persoal que realiza o seu labor na Xunta con contratos de alta dirección. A información salarial da Cámara galega, negada con vehemencia polo PP durante anos, pode ser consultada agora no portal de transparencia do Parlamento, coa mesma eiva en canto a apertura e reutilización dos datos que o da propia Xunta. Nesta guía publicada por Praza eses datos son abertos, descargables e reutilizables.

O mesmo acontece cos altos directivos -as persoas á fronte de entidades como a CRTVG, o IGAPE ou diversas fundacións e axencias-, 64 postos cuxo custo é practicamente o mesmo que o do Goberno mesmo. Ao contrario do presidente e os conselleiros e conselleiras, a difusión desta información non se realizaba de xeito completo ata a entrada en vigor da nova lei. No entanto, faise en formato pechado. A táboa elaborada por Praza.gal ofrece os mesmos datos en vía aberta.


El presidente de la Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante su intervención ante la junta directiva del Partido Popular de Galicia, donde comunicará su decisión de optar o no a un tercer mandato, esta mañana en un hotel de Santiago. EFE/Lavandeira

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha intervención ante a directiva do PP de Galicia. EFE/Lavandeira jr

Ningún comentario:

Publicar un comentario