sábado, 21 de abril de 2018

"Na vindeira lexislatura teremos unha lei sobre dispoñibilidade da propia vida"

O doutor Luis Montes, presidente da Asociación Derecho a Morir Dignamente falecido este xoves (19/04/2018) tras sufrir un infarto cando se dirixía en vehículo a Molina de Segura (Murcia) Foi acusado polo Goberno de Esperanza Aguirre na Comunidad de Madrid (PP) de 400 "sedacións terminais irregulares". A Xustiza sobreseu o caso, pero o linchamento moral contra el xa se tiña producido.

Redacción Mércores 14, Outubro 2015
http://praza.gal/

O caso de Andrea volveu poñer sobre a mesa o debate sobre a morte digna en España. O seu caso, a pesar de que tanto os pais coma o Comité de Ética pedían a retirada do soporte vital, acabou nos tribunais e tivo que ser un xuíz o que determinase -despois de varios días- a resolución. E todo isto a pesar de que a A Lei Básica da Autonomía do Paciente establece que os usuarios poden "decidir libremente, despois de recibir a información adecuada, entre as opcións clínicas dispoñibles" e que tamén teñen "dereito a negarse ao tratamento". E a pesar de que Galicia, coma outras comunidades autónomas, conta cunha lei propia que regula os dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais.
Porén, o caso de Andrea demostrou as lagoas aínda existentes neste campo en España, motivadas principalmente pola pervivencia do artigo 143.4. do Código Penal, que castiga a eutanasia e o suicidio asistido. Demostrou tamén unha posición cada vez máis maioritaria na sociedade que entende que non se debe prolongar innecesariamente a vida se isto leva aparellado un grande sufrimento. A asociación Derecho a Morir Dignamente (DMD) leva anos traballando para conseguir que se despenalicen a eutanasia e o suicidio asistido e promovendo "o dereito de toda persoa a dispoñer con liberdade do seu corpo e da súa vida, e a elixir libre e legalmente o momento e os medios para finalizala".
A entidade pronunciouse sobre o caso de Andrea, destacando que "lamentablemente, o conflito entre unha familia que desexa exercer os seus dereitos e un equipo asistencial que ignora o que establece a lei e impón as súas crenzas persoais aos valores e á vontade do paciente é unha ultraxe habitual" e criticando o "inmobilismo dos grupos de poder fundamentalistas da sacralidade da vida, afeitos a impoñer os seus valores". O seu presidente, Luis Montes, intervirá este mércores en Cangas, nun coloquio sobre os dereitos e garantías dos enfermos terminais organizado pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública. O acto comezará ás 20 horas no Salón de Plenos do Concello, coas intervencións de Emilia Irimia Fernández (presidenta de DMD Galicia), Carmen Nores (portavoz da Plataforma en Cangas) e o propio Luis Montes, con quen falamos.
"Este caso provocou un sufrimento colateral que se podía ter evitado, se o equipo asistencial -trala deliberación mantida coa familia ao longo do verán- tivese retirado as medidas de soporte vital"
Que valoración final fas do caso de Andrea?
Este caso provocou un sufrimento colateral que se podía ter evitado, se o equipo asistencial -trala deliberación mantida coa familia ao longo do verán- tivese retirado as medidas de soporte vital. Esta foi a resolución final do xuíz e non podería ter sido outra, pois a posición da familia -rexeitar un tratamento que consideraban inútil e desproporcionado- axustábase ao dereito. Ao final o equipo asistencial, presionado por toda España, viuse obrigado a cumprir o ditame do Comité de Ética do hospital. Quero destacar a valentía e o cariño demostrado polos pais de Andrea. Por fin Andrea pode ter un descanso, que ben o merece. A valoración final é positiva.
Como se podería ter evitado ese sufrimento? Como se pode evitar noutros casos?
A solución pasaría por cumprir o ordenamento xurídico, que non se teña que chegar a unha xudicialización dun tema médico. Os familiares deben poder retirar o consentimento a medidas que non fan máis que ampliar o sufrimento.
"O que cambiaría de verdade as prácticas é un código penal non punitivo coa morte a petición"
Temos unha Lei de Autonomía do paciente que lle recoñece unha serie de dereitos, temos tamén en Galicia unha recente Lei de garantías da dignidade dos enfermos terminais... Ata que non se modifique o Código Penal seguiremos asistindo a este tipo de situacións?
Os parlamentos autonómicos teñen unha competencia limitada neste campo e dependen dun marco xurídico máis amplo. A lei galega non pode legalizar a eutanasia nin o suicidio asistido porque o código penal as prohibe no seu artigo 143.4. O que cambiaría de verdade as prácticas é un código penal non punitivo coa morte a petición. Poderíase regular a limitación ao esforzo terapéutico, estarían claras as pautas de sedación paliativa terminal nos pacientes que o solicitaran, e dentro dun protocolo de morte a petición os pacientes de intenso sufrimento poderían pedir terminar a súa vida. A derrogación dese artigo aclararía moito máis o estado normativo desta cuestión.
Cres que na vindeira lexislatura, cunha composición distinta das cámaras, se poderá mudar este artigo? 
Na próxima lexislatura parece que rematará o bipartidismo, parece que non haberá estas maiorías absolutas e eses rodillos. E parece, ademais, que a cidadanía quere participar e exercer a democracia. Eu son positivo sempre, e creo que vai estar sobre a mesa unha lei de dispoñibilidade da propia vida. Vai haber debate e posiblemente antes de que remate a lexislatura teremos esa lei. É unha demanda da cidadanía e os partidos van ter que aceptar ese plantexamento que temos a maioría.
"Hai que retirar dos comités de ética asistencial toda tendencia confesional que limite os avances de dereitos da cidadanía"
Que valoración fas da acción dos comités de ética? As súas decisións deberían ter máis peso?
As decisións dos comités de ética non son vinculantes, pero a min cústame crer que un equipo asistencial ignore un ditame dun comité de ética e faga o que fixo o do Hospital de Santiago. Para opoñerse a un ditame do comité de ética hai que dar razóns de por que te opós. E neste caso non deron esas razóns. Os comités de ética van ter moita importancia no futuro, non só en temas relacionados coa morte digna, senón tamén en asuntos ligados ás células nai e a terapia rexenerativa. Hai que darlles máis peso ás entidades cidadás e menos a organizacións confesionais. Hai que retirar dos comités de ética asistencial toda tendencia confesional que limite os avances de dereitos da cidadanía.
"Os debates sempre son abertos polos cidadáns, coa súa coraxe, o seu protagonismo e as súas demandas. En España o debate sobre a dispoñibilidade da propia vida abriuno Ramón Sampedro"
Nos últimos anos a sociedade española avanzou no debate sobre a morte digna? 
Avanzouse, sen dúbida. Os debates sempre son abertos polos cidadáns, coa súa coraxe, o seu protagonismo e as súas demandas. En España o debate sobre a dispoñibilidade da propia vida abriuno Ramón Sampedro e despois continuárono Jorge León, Inmaculada Echevarría, Carlos Santos, Madeleine Z... Co seu testemuño esixiron o cumprimento dos nosos dereitos constitucionais, pois temos dereito á vida pero contra as agresións de terceiros. A vida convértese nun mal indesexable se non se corresponde coas nosas peticións. Vivir nunhas condicións de intenso sufrimento non se pode permitir. E a cidadanía é moi clara neste punto: máis no 80% quere que os médicos poidamos atender estas peticións cando se dan nun contexto de gran sufrimento. Ninguén pode obrigar a vivir a ninguén.

Ningún comentario:

Publicar un comentario