luns, 9 de abril de 2018

Estas obras levan unha década nos orzamentos do Estado e aínda nin empezaron

O investimento do Estado en Galicia segue no nivel máis baixo en 15 anos pola fin das grandes achegas ao AVE

David Reinero
http://praza.gal/

Pedro Solbes, daquela ministro de Facenda, na entrega dos orzamentos de 2008 no Congreso
Pedro Solbes, daquela ministro de Facenda, na entrega dos orzamentos de 2008 no Congreso

As contas de 2008 xa recollían unha vintena de proxectos que hoxe seguen a recibir partidas menores similares ás de hai dez anos sen que neles se movese aínda unha soa pedra
Se unha actuación non aparece nos orzamentos do Estado, é moi difícil que nese ano avance. Pero que unha actuación si estea reflectida neles tampouco é ningunha garantía de que se faga, nin nese ano nin nos seguintes. Iso é o que pasa con preto dunha vintena de actuacións que de xeito sistemático veñen aparecendo nas contas públicas ao longo da última década, tamén nas presentadas esta semana para este mesmo ano.
Un repaso aos orzamentos de 2008, cando non era o popular Cristóbal Montoro senón o socialista Pedro Solbes o ministro encargado de presentalos, permite comprobar como xa daquela aparecían neles unha serie de actuacións que tamén están presentes nos deste 2018 con pequenas contías moi similares, en moitos casos simbólicas ou para estudos previos que supostamente levan realizándose desde hai máis dunha década, ano tras ano con importes semellantes. Neste tempo o partido gobernante en cada momento tentou xustificar o reducido dos importes de cada ano para algunha destas actuacións argumentando que era o que se podía executar nese momento, pero que na programación plurianual para os exercicios seguintes prevíase un incremento das partidas. Porén, nestes casos nada diso pasou e, unha década despois, as partidas para estas actuacións seguen a ser, ano tras ano, similares sen que aínda se movese unha soa pedra.
Ademais das grandes infraestruturas, nas contas de hai unha década tamén aparecían actuacións de menor entidades, como unha serie de variantes de estradas nacionais ou circunvalacións de vilas das que aínda nada se sabe
Así, en 2008 xa aparecían con partidas menores similares ás deste ano proxectos de envergadura que aínda seguen se data de inicio das súas obras como as liñas de AVE Ourense-Vigo por CerdedoOurense-Lugoou a saída sur de Vigo, as autovías Ourense-Ponferrada (A-76) e Monforte-Chantada (A-72) ou a prolongación da Autovía das Rías Baixas (A-52) do Porriño ata Vigo que esta mesma semana volveu prometer o presidente Rajoy.
Pero naquelas contas de hai unha década tamén aparecían actuacións de menor entidades, como unha serie de variantes de estradas nacionais ou circunvalacións de vilas, que neste tempo non deixaron de recibir contías menores similares sen que aínda haxa expectativas de que se inicien as obras. É o caso das variantes de Redondela, A Estrada, Ordes, Caldas de Reis, Cerdedo e Pontecesures e Valga. Do mesmo xeito, xa en 2008 consignábanse cartos para a conversión da estación de tren de Santiago nunha terminal intermodal ou para a construción dun bypass ferroviario ou enlace directo en Betanzos para facilitar a comunicación entre A Coruña e Ferrol. Unha década despois, todos eses proxectos seguen a recibir partidas similares sen que pasasen aínda dos planos.
A práctica de consignar durante anos partidas menores para actuacións que nunca comezan a construírse non é exclusiva do Ministerio de Fomento
A práctica de consignar durante anos partidas menores para actuacións que nunca comezan a construírse non é exclusiva do Ministerio de Fomento, aínda que este sexa o que máis o faga por asumir o impulso da maioría das infraestruturas. Os orzamentos de 2008 xa reflectían, por exemplo, partidas para a biblioteca do Estado en Vigo ou depuradora de Santiago que unha década despois seguen sen iniciarse.

Ningún comentario:

Publicar un comentario