Rodolfo Irago
https://luzes.gal/
O espectacular éxito da serie Fariña estanos permitindo revivir uns anos cruciais na historia recente de Galicia e do Partido Popular, entón Alianza Popular. O seu impacto sobre a opinión pública está aínda por ver.
A metade dos galegos que sentaron un mércores perante a tele viron como todo un presidente da Xunta, como Gerardo Fernández Albor, quen por certo acaba de cumprir 100 anos entre homenaxes de Rajoy e Feijóo, reuníase nos anos 80 en Portugal cos capos do contrabando fuxidos da xustiza e pactaba con eles o seu regreso a Galicia a cambio de impunidade.
Á semana seguinte escoitaron como diñeiro do narcotráfico se desviaba para «botar a Rajoy da Deputación de Pontevedra» ao parecer porque non lle gustaba o que estaba pasando cos capos. Iso si, na serie aclaran que Fraga si estaba con eles e por iso díxolle ao hoxe presidente do Goberno que casase, aprendese galego e fose a Madrid.
Ou sexa que Rajoy sabía que o seu partido se financiaba con diñeiro dos Terito, Oubiña, Miñanco e compañía; non estaba de acordo, pero sabíao e como faría anos máis tarde coa Gürtel mirou para outro lado e seguiu coa súa carreira política.
Fariña rememora tamén a escandalosa conexión cos narcos de alcaldes populares como Nené Barral ou avogados como Pablo Vioque e, por suposto, o financiamento do partido, primeiro co tabaco de batea e logo con todo o que chegaba ás rías.
«A Xunta está comprada» dise con total naturalidade na serie. Todo así, sen anestesia. O libro de Nacho Carretero, insolitamente secuestrado tras unha denuncia doutro ex-alcalde popular, Bea Gondar recolle tamén a non explicada amizade entre o hoxe presidente galego, Núñez Feijoo e outro dos capos históricos, Marcial Dorado.
Preguntado o outro día polas consecuencias políticas e sociais da serie, Feijóo sacudiuse o espiñento asunto de enriba dicindo que unha cousa é a ficción e outra a realidade. Un argumento que non vai a lado ningún porque neste caso parece que a realidade foi incluso peor que a ficción.
No medio do afundimiento do PP pola corrupción, a crise de Estado en Cataluña e escándalos como o de Cifuentes, resulta que agora os espectadores están vendo ou rememorando como o partido que, a día de hoxe aínda goberna en Madrid e en Santiago naceu, creceu e desenvolveuse primeiro a lombos do contrabando e o narcotráfico e logo grazas ao financiamento ilegal da Gürtel.
Parece difícil que todo isto non teña consecuencias, aínda que hai quen pensa tamén que estamos xa demasiado anestesiados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario