domingo, 15 de abril de 2018

Fernández Albor: o centenario dun piloto da Luftwaffe

O ex presidente da Xunta de Galicia cumpre 100 anos, un siglo que inclúe a súa formación en Alemaña na aviación de Hitler

Eduardo Rolland
http://www.gciencia.com/

Un avión Focke Wulf como os que pilotaba Albor na Alemaña de Hitler.
Un avión Focke Wulf como os que pilotaba Albor na Alemaña de Hitler.

O expresidente da Xunta Gerardo Fernández Albor cumpre 100 anos. E unha parte da súa biografía permanece practicamente inédita. Trátase dos anos nos que se converteu en piloto da Luftwaffe, recibindo formación na Alemaña nazi e acumulando horas de voo a bordo dos mesmos avións Focke-Wulf e Junkers que, meses máis tarde, serían protagonistas na II Guerra Mundial.
Fernández Albor.
Fernández Albor.
Poucas veces Albor falou sobre a súa etapa como piloto no III Reich. E menos veces preguntáronlle sobre o tema. Pero o historiador Carlos Fernández Santanderdedícalle un capítulo na súa obra ‘Alzamento e Guerra Civil en Galicia (1936-1939)’, practicamente o único libro de historia que trata do tema. Editado en 2000 por Edicións do Castro, atópase esgotado.
Fernández Albor tiña 19 anos cando estalou a Guerra Civil, en 1936. Chamado a filas, é enviado ás frontes de Brunete e Belchite, por fortuna cando xa están practicamente pacificadas. Máis tarde, embarca no buque Baleares, pero cesa antes do 9 de marzo de 1938, cando o navío é afundido polos torpedos dunha escuadra republicana á altura do cabo de Palos. “É o que se di ‘nacer de pé’ -comenta o historiador Fernández Santander- co Baleares afúndense moitos amigos do mozo Albor, que recibirán, a título póstumo, a medalla militar colectiva”.
É en 1938 cando, xa como alférez provisional da aviación de Franco, Fernández Albor marcha á Alemaña nazi a facer ‘cursos de perfeccionamento’ na Luftwaffe. É rotundamente falso o rumor de que puido participar no bombardeo de Gernika xunto á Lexión Cóndor -a forza aérea que Hitler enviou na axuda do Caudillo- porque a data é moi anterior: 26 de abril de 1937.
Albor pilotou os cazas ‘Stuka’ e ensaiou bombardeos e ataques en voo rasante
“Un día, a finais de 1937 -lembra un compañeiro de Albor, tamén estudante de Medicina-, atopámonos en Sevilla para un recoñecemento médico para o ingreso na Escola de Pilotos da Aviación. Naquela época, os ‘vellos’ (eu teño aproximadamente un ano e medio máis de idade que Albor) efectuabamos os cursos de piloto en España, e os ‘mozos’ facíanos en Alemaña e Italia. A Gerardo correspondeulle facelo en Alemaña e ao rematar xa acabara a guerra civil”.
O historiador Fernández Santander pregúntase logo pola vida de Albor na Alemaña nazi: “Que fixo Albor durante a súa longa permanencia na Luftwaffe nazi? Evidentemente, nin fixo exercicios espirituais nin compuxo poesías para recitar nuns xogos florais”, apunta con ironía.
“Na Luftwaffe -explica o autor-, Albor aprendeu os métodos de bombardeo máis modernos, incluso os incendiarios con ametrallamientos en voo rasante, dos que a versión máis coñecida sería a citada Guernica, ou os sistemáticos sobre cidades abertas, como os de Barcelona, que causarían miles de vítimas”.
Stukas como os pilotados por Albor.
Stukas como os pilotados por Albor.
Os oficiais alumnos, da promoción ‘novena bis’, na que estaba integrado o ex presidente da Xunta de Galicia, voaron en vinte modelos distintos de avión e efectuaron un mínimo de 180 horas de voo. No nivel Elemental, usábanse avionetas Heinkel, Bücker e Focke-Wulf. No nivel de Transformación, manexábanse avións Arado-66, Heinkel-51 e Junker. Con eles, facíanse voos por toda Alemaña.
O propio Albor lembraría aqueles adestramentos a bordo dos avións da Luftwaffe, nunha das escasas mencións que fixo publicamente. Nunha entrevista de febreiro de 1992 en Faro de Vigo narra: “O temor máis grande paseino cando había néboa e non se vía. Ao meterse o avión entre as nubes ou nun temporal non había posibilidade de saber o que ía pasar, porque non tiñamos os aparellos de radar que hai hoxe para poder voar a cegas. E os veteranos poñíanse máis nerviosos que nós; os mozos sempre tiñamos a esperanza de que se resolvese a situación porque eramos máis insensatos”.
Nos arquivos xerais da Luftwaffe figura que a promoción de Albortitulouse o 26 de febreiro de 1939 (a seis meses de que comezase a II Guerra Mundial). Neste curso noveno bis saíron titulados 21 alféreces pilotos.
Avión Arado 66.
Avión Arado 66.
Fernández Santander cre que aquela estapa de formación en Alemaña deixou fonda pegada no futuro médico e político: “Asimilei as virtudes de organización e traballo que posúe o pobo alemán”, diría máis tarde. Tamén se afeccionou á música de Wagner. E o historiador recolle o testemuño dun amigo de Albor: “Gerardo era un namorado da orde e do metodismo alemán, pois cría que era a mellor solución para o progreso do mundo”.
“Rematei a guerra coa gradación de tenente piloto de Aviación e con tres condecoracións”, manifestou Albor a outro diario en 1985. “Cabería preguntarse como, sen participar en accións bélicas, recibiu esas tres medallas”, comenta o historiador Fernández Santander.
Gerardo Fernández Albor cumpre agora 100 anos. Entra no selecto club dos centenarios de Galicia, integrado por máis de 1.600 persoas. Entre os seus recordos, estarán aquelas longas xornadas de voo sobre a Alemaña de Hitler a bordo dos caza-bombardeiros da Luftwaffe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario