Medio Ambiente deixou sen executar o 62,8% dos orzamentos deste departamento. A oposición di que isto puido influír nos incendios de outubro e pídelle a posta en marcha inmediata da recuperación dos espazos protexidos queimados este outubro.
Por Galicia Confidencial
http://www.galiciaconfidencial.com/
A consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio executou, ata o 30 de setembro deste ano, tan só o 37,2 por cento dos investimentos previstos para Medio Ambiente. Quedaban, polo tanto, máis do 62% das partidas sen executar, a maior parte delas, relativas á protección e posta en valor das grandes parques naturais de Galicia.Uns parques, especialmente os do Courel, Ancares e Baixa Limia- Xurés, que quedaron moi afectados pola intensa vaga de lume deste outubro.
De feito, na comparecencia da titular deste departamento na Cámara este xoves, Beatriz Mato, un dos principais argumentos que utilizaron os grupos da oposición para criticala, foi, precisamente, a falla de investimento nos grandes parques e areás protexidas de Galicia. De telo feito, apuntaron, “a traxedia tería sido menor”.
A responsable socialista, Patricia Vilán, reivindicou unha nova Lei do Patrimonio Natural de Galicia para acadar “unha protección máis eficaz do patrimonio natural e da biodiversidade” e urxiu a comezar “de inmediato” coa restauración das zonas protexidas afectadas polo lume, como foi o caso da Serra do Xurés e os Ancares. Ademais, reclamou un informe do impacto dos lumes sobre estes espazos, así como sobre as especies de flora e fauna ameazadas, as árbores senlleiras e os animais silvestres afectados por uns incendios que calcinaron 35.000 hectáreas, de acordo cos datos oficiais.
Ademais, puxo en dúbida ademais o funcionamento dos dispositivos de alerta polas previsións meteorolóxicas, e advertiu que “esta mesma fin de semana hai risco extremo de incendio”, polo que reclamou a toma de medidas preventivas con relación ás actividades forestais, circulación de vehículos ou actividades que poidan afectar á masa forestal.
En Marea e o BNG tamén criticaron que a vaga de lumes do 15 de outubro “puxo en evidencia a mala planificación” da ordenación do territorio porque arderon moitos montes “sen ningún tipo de planificación” e instaron a Mato a actuar ante a grave traxedia dos espazos naturais.
Obxectivos da Xunta
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, que é candidata á Alcaldía da Coruña, insistíu en que os orzamentos do vindeiro ano fixan como materias prioritarias a conservación do patrimonio natural e a loita e mitigación do cambio climático. Ademais, detallou os principais eixos das contas do seu departamento, entre os que destacou a protección, a conservación e a posta en valor do patrimonio natural e de todos os seus ecosistemas.
A conselleira Beatriz Mato concluíu que “o patrimonio natural é a mellor carta de presentación que ten Galicia e por iso imos apoiala e protexela, combinando a preservación coa promoción dun turismo de natureza sostible”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario