luns, 16 de outubro de 2017

Eucaliptos, política forestal e incendios

A ausencia dun modelo para os nosos montes e proliferación do eucalipto para destinalo aos negocios da pasta de papel e do sector da biomasa están a empobrecer o país. Neste eido, a Xunta está a facer o que mellor sabe: mirar para outro lado ignorando o imcumprimento da lei.



Fins Eirexas
http://revistaluzes.com/

1 Cal é o actual modelo forestal da Xunta? Velaí un dos problemas! A resposta é que non o ten, ou cando menos ninguén sabe cal é, nin o seu modelo forestal nin o seu modelo para o rural. O que si sabemos é cal non é: aquel que persegue un rural vivo e con oportunidades para combater o abandono e o envellecemento; nin o que acredita na multifuncionalidade dos usos do monte; nin o que aposta por producións de calidade (madeira, froitos, cogomelos, turismo, patrimonio…); nin pola conservación dos ecosistemas naturais e os servizos que estes prestan á cidadanía… A Xunta ten un non-modelo, que xorde dunha morea de normas que ninguén cumpre nin interesa que se cumpran. Un desinterese que enchen outras comenencias, o desleixo, a nada… Hai uns anos o subconsciente dun conselleiro (do medio rural) traizoouno. Ao parecer dixo que «el mundo rural no tiene futuro y está condenado a desaparecer». Esa frase pode que conteña implícita a resposta a cal é o modelo da Xunta para o rural galego: xestionar ordenadamente a súa extinción.

2 Que está a acontecer co eucalipto en Galicia? Que está absolutamente desbocado, sen freo. As hectáreas plantadas con eucaliptos roldan xa (oficiosamente) as 500.000, cando o Plano Forestal aínda vixente (de 1992) prevía unhas 240.000 no horizonte do 2032… Con datos oficiais, dende principios dos anos 90, cando se realizou o segundo Inventario Forestal Nacional (II IFN), esta árbore ocupaba en Galiza 141.000 hectáreas. Apenas 20 anos despois, en 2009, o IV IFN apunta que xa se estende por 288.000 hectáreas, duplicando pois a súa superficie. En termos relativos, o eucalipto está presente nun 17% da superficie galega. Ollo! Non do monte, do total do noso territorio… En Portugal, outro país cunha alta e rápida penetración do eucalipto, a superficie ocupada non chega ao 8 %.
Co eucalipto en Galiza acontece algo inusitado: que está a ser cada vez máis cuestionado. As voces de alarma e denuncia xorden dende o propio medio rural, dende as comunidades de montes, asociacións de produtores, sindicatos agrarios… Estase a rachar coa omertà do eucalipto imposta durante décadas pola patronal pasteiro-enerxética e os seus brazos seculares con cadeiras en consellerías e ministerios.

3 Estamos a vivir unha nova vaga eucaliptizadora? Estamos. Foi a árbore milagreira que hai 40 anos comenzou a inzar os nosos montes para, fundamentalmente, subministrar madeira a ENCE e fabricar pasta de papel. Co negocio recentemente consolidado grazas á prórroga por 60 anos concedida polo Goberno español á fatoría de Lourizán, esta pode xa desenvolver outro dos seus obxectivos estratéxicos: o aproveitamento enerxético da biomasa. Para isto, a pasteira pretende empregar os cultivos enerxéticos forestais (plantar‑queimar-plantar) en ciclos de 4 a 6 anos. E o instrumento que lle está a permitir facerse rapidamente co stock é o eucalipto, nomeadamente da variedade nitens. Esta especie, ao contrario que o globulus, pode medrar en altura e soportar mellor o frío e os parásitos. A súa penetración está a ser moi intensa avanzando rapidamente cara o interior do país. Para facelo precisa da cooperación necesaria dos seus factótums políticos. O PP vén de liberalizar a potencia das plantas de biomasa, antes limitada a 10MW, aumentando a presión sobre o territorio para subministrar as inxentes cantidades de madeira que demandarán as instalacións (xa hai 3 de 50 MW en construción). Feijóo está a cumprir un vello anceio de ENCE: ter a medio país producindo eucalipto para pasta e ao outro medio madeira para queimar…

4 Cales son as consecuencias deste proceso de eucaliptización? O que todo o mundo pode ver en cada vez máis lugares de Galiza: unha ferida aberta na paisaxe, un monótono deserto verde periodicamente convertido nun mar de cinzas e borralla. Menos visíbel é o deterioro dos servizos ecosistémicos que comporta o aproveitamento intensivo desta especie: diminúe a diversidade natural, a dispoñibilidade de auga ou a fertilidade do solo. Incide tamén na maior frecuencia e intensidade dos lumes; na contaminación de terras e rías con agroquímicos e subprodutos das celulosas, provocando perdas económicas directas e contribuíndo a fosilizar importantes cantidades de recursos públicos adicados á extinción dos incendios.
A eucaliptización e o abandono do rural retroaliméntanse. Moitos montes e terras abandonadas (por despoboamento, envellecemento, peche de explotacións…) rematan virando a eucaliptais, que requiren pouco ou nulo mantemento fomentando así o absentismo. Naquelas fincas eucaliptizadas, sometidas á héxira de ENCE, os propietarios xa non teñen a capacidade de decidir: os prezos da madeira márcaos a patronal, e o exceso de oferta fai que estes baixen.

5 Cal é a relación entre o eucalipto e os lumes forestais? Na complexa ecuación dos incendios, o monocultivo de eucalipto é un dos termos máis importantes. Ao contrario do que acontece nun marco xeral de cambio climático acelerado, o modelo forestal é un factor sobre o que podemos actuar directamente. O eucalipto é unha árbore pirófita que favorece a propagación do lume e, ao tempo, aproveita os incendios para prosperar. Está na súa natureza, froito de millóns de anos de adaptación a un entorno hostil no seu continente de orixe. Este feito é algo que nin sequera ENCE pode agochar. As cifras son teimudas: tendo en conta a superficie forestal queimada en relación coa ocupada por cada especie (datos do IV IFN e do informe oficial Los incendios forestales en España, decenio 2001‑2010), atopamos que na Galiza o eucalipto arde 1,14 veces máis que o piñeiro e 3,55 veces máis que o carballo e demais frondosas. Polo tanto, se apostamos por un modelo forestal baseado nos monocultivos de pirófitas estaremos contribuíndo a aumentar a incidencia dos lumes no monte.

6 Quen vive do eucalipto? Boa pregunta! A chave está precisamente en «quen». O eucalipto é unha árbore que ten un mercado e reporta uns ingresos. Outra cuestión é a que elo da cadea monte-industria chegan os auténticos beneficios, e a quen favorece máis o seu cultivo. E a resposta está clara: en xeral, é a industria transformadora de grandes cantidades de madeira de baixa calidade —en particular o lobby pasteiro-enerxético— a que acapara a demanda, fixa os prezos e tira maior valor engadido do monocultivo do eucalipto. Ten que dar réditos dabondo para poder sufragar os retiros dourados nos consellos de administración de ex-ministras e ex-conselleiros!
Anualmente ENCE «procesa» uns 3,3 millóns de toneladas de eucalipto, o que lle reporta 662 millóns de euros en vendas (2015). Pola súa banda, os propietarios que venden á pasteira ingresan arredor de 7.500 € por hectárea e ciclo de corta de 15 anos (considerando unha produción de 250 tn / ha e un prezo de 31 € / tn). Xa que logo, unha hectárea eucaliptizada produce uns 500 € / ano. Nun país cunha enorme atomización da propiedade rendementos tan escasos fan que a maioría non «viva» senón que «sobreviva» co seu cultivo que supón un feble complemento doutros ingresos, nomeadamente das escasas pensións. A isto habería que engadirlle o lucro cesante e o emprego derramado que este modelo está a causar, mesmo en sectores alleos ao monte. De cuantificarmos as perdas debidas ao deterioro dos servizos ecosistémicos, ao aumento da erosión, á perda de biodiversidade, á contaminación por agroquímicos e verteduras das celulosas, ao estragamento da paisaxe e do patrimonio, á perda de calidade turística, e os custos directos da loita contra o lume, é evidente que o eucalipto non é un bo negocio para o país.

7 Que alternativas economicamente viables se poderían poñer en marcha? O monocultivo do eucalipto, non é unha aposta económica intelixente, cando menos para os produtores. O intelixente sería diversificar os usos do monte, hoxe excesivamente orientado cara a produción de forestal, e de madeiras de baixa calidade. As receitas son coñecidas: apostar pola súa multifuncionalidade, conxugando usos produtivos diversos coa conservación dos seus valiosos ecosistemas. Algúns deles, como os bosques maduros e as zonas húmidas (brañas, turbeiras, matorrais ácedos), son chave para amortecer os efectos do cambio climático, polo que a súa conservación debería ser estratéxica.
É posíbel termos un monte, e por extensión un medio rural, multifuncional e sustentábel como por certo acontece noutras comunidades do Estado, sen ir máis lonxe. Mais para iso hai que acreditar primeiro nas nosas propias potencialidades como país e na vontade de transformar un modelo perverso que nos conduce ao desastre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario