venres, 13 de outubro de 2017

As antigas caixas galegas venderon propiedades a directivos e ás súas familias por 1,5 millóns de euros

David Lombao
http://praza.gal/

 Núñez Feijóo, entre Gayoso e Méndez en novembro de 2009
Núñez Feijóo, entre Gayoso e Méndez en novembro de 2009

A intensísima axenda política ligado ao proceso soberanista catalán deixou nas últimas semanas nun plano aínda máis secundario do habitual a actividade parlamentaria galega e, moito máis aínda, os traballos da aparentemente durmida comisión de investigación sobre a fusión de Caixanova e Caixa Galicia, o nacemento e rescate de Novacaixagalicia e as indemnizacións millonarias que levaron ao cárcere a algúns dos seus ex-directivos. Entre os múltiples atrancos que está a atopar este órgano parlamentario figuran as negativas de diferentes institucións a achegar documentación abeirándose en motivos como a protección de datos. Malia todo, entre parálise e silencios si transcenden, a pingas, algúns datos elocuentes. O último, o valor dos activos das caixas que foron mercados polos ex-directivos ou as súas familias.
Como adiantou Praza.gal, o pasado xuño a entidade nada dos restos das antigas caixas tras a compra de Novagalicia Banco por parte do venezolano Banesco, Abanca, respondeu ao requerimento de información formulado dende o Parlamento indicando que, por mor da lexislación en materia de confidencialidade bancaria e protección de datos, non podía achegar a maior parte dos documentos e información incorporaros ao novo plan de traballo a comisión a petición do BNG. Tratábase de coñecer "toda a documentación relativa á indemnización" do que fora director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, ao abandonar a entidade xusto antes da fusión, compensación que se estima nuns 18 millóns de euros. O Bloque pedía ademais unha lista de "bens e activos" cedidos ou vendidos a directivos e ás súas familias.
Abanca reitera que a lei lle impide revelar datos e documentos sobre a indemnización de José Luis Méndez, estimada nuns 18 millóns de euros
Tras aquela primeira negativa a comisión de investigación, tras consultar cos Servizos Xurídicos do Parlamento, acordou reiterar a petición de información a Abanca, suxerindo que "disocie da información pedida inicialmente" os "datos persoais sensibles", para poder achegar ao lexislativo todo o que legalmente non sexa confidencial. A carta asinada polo presidente da Cámara, Miguel Santalices, o pasado 20 de xullo foi respondida o 5 de setembro polo conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, e entrou formalmente no Parlamento este 10 de outubro. Nela Botas reitera que, aínda coas cautelas suxeridas polos letrados parlamentarios, a lei de protección de datos "impide achegar información" e documentos sobre a indemnización de Méndez.
A entidade herdeira das caixas indica que tampouco pode achegar a lista completa de activos das caixas vendidos ou cedidos a directivos e familiares, como pedía o BNG
As "mesmas" prohibicións desa lei e mais da lexislación bancaria estatal, agrega, "tamén nos impide achegar á comisión de investigación" a "información de carácter persoal relativa á venda ou cesión de activos aos membros dos comités de dirección das extintas caixas de aforro galegas ou aos seus familiares". Isto é, proporcionar ao órgano parlamentario que indaga na fin das caixas unha lista dos produtos financeiros, propiedades inmobiliarias ou calquera outro activoque Caixanova, Caixa Galicia ou Novacaixagalicia decidiron poñer nas mans dos seus directivos ou parentela destes, así como o importe destas vendas ou as razóns das cesións, en caso de existiren.
A CIG recibiu en 2014 documentos que acusaban a Méndez de vender inmobles de Caixa Galicia á súa esposa por baixo do prezo de taxación
Neste restritivo marco Abanca agrega que, "sen prexuízo" do cumprimento dos límites legais, a entidade ten a "vontade" de "ofrecer a máxima colaboración" á comisión de investigación. E por iso, "en atención á suxestión" dos letrados, si accede a revelar o devandito importe global. "Segundo a documentación á que puidemos ter acceso nos arquivos das antigas caixas de aforro galegas, o importe das operacións de venda de activos de devanditas entidades aos membros dos comités de dirección das mesmas ou aos seus familiares ata o terceiro grao de consanguineirade ou afinidade, realizadas dende o 1 de xaneiro de 2004, ascende á suma total de 1.528.201 euros", conclúe o documento.
Fica así constatado, daquela, que activos das caixas si foron vendidos a directivos ou as súas familias. No entanto, a comisión non conseguirá -cando menos por esta vía-, aclarar un dos aspectos máis controvertidos dos saídos á luz tras a fin das caixas, a denuncia feita pública pola CIG tras recibir ampla documentación sobre supostas vendas irregulares de inmobles da Corporación Caixa Galicia a Rosa Pascual, esposa de José Luis Méndez, por baixo do seu prezo de taxación, segundo advertira o sindicato en 2014. Méndez non tivo que acudir a comparecer de novo ao Parlamento para responder ante esas acusacións porque o PP se negou a incorporar novas comparecencias á comisión.
Resultado de imagen de Abanca

Ningún comentario:

Publicar un comentario