David Reinero
http://praza.gal/
Aspecto do parque do Xurés, afectado por tres incendios
@BMarroxo
Os tres incendios que afectan ao Parque Natural da Baixa Limia-Xurés, dous deles aínda sen control, levaban queimadas unhas 800 hectáreas a primeira hora da tarde deste mércores, o dobre que a primeira hora da mañá, segundo os datos facilitados pola Xunta. Neste contexto, o presidente da Xunta, Albert Núñez Feijóo, rexeitou que o despedimento a semana pasada dos 436 brigadistas que só son contratados durante o verán estea a afectar á loita contra o lume. Segundo di, o dispositivo autonómico prioriza o seu despregamento segundo o perigo existente no territorio, que nesta época se concentra só en Ourense.
Segundo informou a Xunta con datos das 9.30 horas da mañá deste mércores, o maior dos tres incendios do Xurés, iniciado o domingo e no que está a intervir a Unidade Militar de Emerxencias, levaba queimadas 300 hectáreas, mentres que o segundo, iniciado o mesmo día, sumaba 90 hectáreas. Cinco horas despois, o incendio principal duplicouse e, segundo datos da Xunta das 14.00 horas, sumaba xa 650 hectáreas. Sumadas ás 90 en que se seguían estimando as hectáreas do segundo lume tamén activo e ás 51 dun terceiro incendio xa controlado pero aínda non extinguido máis de unha semana despois de iniciarse, o terreo queimado no interior do Parque Natural segundo a propia Xunta achégase xa ás 800 hectáreas, cifras que a Xunta mantiña intactas no seu último parte do día, con datos das 19.30 horas. En toda a provincia son xa máis de 1.500 as hectáreas queimadas no que vai de outono só sumando os incendios de máis de 20 hectáreas, os únicos dos que informa a Xunta. Ademais, este mércores iniciouse outro lume en Folgoso do Courel que a última hora da tarde afecta xa a cen hectáras.
O presidente xustifica que o dispositivo prioriza o seu despregamento segundo o perigo de cada momento, que limita a Ourense
Ao presidente Feijóo preguntóuselle por esta situación na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, na que se lle pediu unha valoración sobre as críticas dos sindicatos polo recente despedimento de parte do persoal do dispositivo de loita contra o lume. Hai dez días deixaron de traballar os 436 brigadistasque só son contratados durante os tres meses de verán, permanecendo activos outros 1.400, dos que 800 traballan todo o ano e 600 só nove meses. Feijóo eludiu inicialmente referirse á redución de persoal e agradeceu o traballo dos brigadistas, salientando as “condicións climatolóxicas extremas”.
“O risco é máximo neste momento, e cada día que pasa con menos chuvia e con máis temperatura, é superior ao día anterior”, dixo o presidente, o que motivou unha nova pregunta sobre a redución do persoal precisamente nunha situación de “risco máximo”. Feijóo rexeitou nesa a súa segunda resposta a expresión “desmantelamento” empregada polos sindicatos e asegurou que “na zona atlántica o risco baixou de forma evidente” mentres que se concentra agora só no interior de Ourense.
Feijóo tamén lamentou “que algún incendiario forme parte dalgunha cuadrilla”, en referencia á detención esta mesma semana dun brigadista por supostamente provocar numerosos incendios na zona en que el mesmo traballaba. O presidente criticou que haxa quen queira “culpar dos lumes” a “os bombeiros e non os incendiarios”, sen explicitar a quen se refería.
Incendio de Folgoso do Courel
@BrifLaza
OUTRAS NOVAS RELACIONADAS:
Os incendios no que vai de outubro duplican os habituais e volven a cifras de hai vinte anos
Os oito incendios iniciados nos últimos días queimaron xa 1.500 hectáreas
Tres incendios distintos queiman xa máis de 400 hectáreas do Parque Natural do Xurés
Os incendios queiman máis de 700 hectáreas en Ourense no que vai de outono
O servizo de loita contra o lume ten dende esta semana 436 traballadores menos
A Xunta informa tres días despois de cinco incendios simultáneos en Ourense
A Xunta oculta información dos incendios forestais por noveno ano consecutivo
Ningún comentario:
Publicar un comentario