mércores, 11 de outubro de 2017

Pero, que é o pergamiño Vindel?

XESÚS ALONSO MONTERO 
ACADÉMICO DA RAG 
https://www.lavozdegalicia.es/


O martes, día 26 de setembro, chegou a Vigo, o seu verdadeiro lar, procedente dos Estados Unidos, un venerable manuscrito do século XIV que vai ser exposto no Museo do Mar de Galicia desde hoxe ata marzo do 2018. Se se promociona a súa presenza entre nós coa pericia condigna e se organizan as visitas didácticas cos criterios axeitados, podemos poñer a man no lume de que o Pergamiño Vindel (O Vindel por antonomasia), vai concitar unha peregrinatio cultural de milleiros e milleiros de persoas que regresarán, confortadas, coa idea de teren contemplado unha das grandes alfaias do patrimonio literario galego (galego e europeo).
Trátase do manuscrito que contén o cancioneiriño do gran poeta do século XIII Martín Codax: as súas deliciosas sete cantigas de amigo, as sete cancións postas na boca dunha mociña namorada («amiga») que agarda, coitada, a chegada do seu namorado («amigo»). É como unha noveliña de amor en sete secuencias, que debería ser filmada. Vigo, o topónimo Vigo, aparece mencionado, nos 98 versos do cancioneiriño, 21 veces, o que ten feito pensar aos estudosos que o autor deste prodixioso relato poético, Martín Codax, ou era de Vigo ou tivera relación estreita con Vigo, daquela unha viliña.

Os eruditos de fins do século XIX coñecían estas sete cantigas por figuraren en dous dos tres Cancioneiros que recollen a nosa lírica medieval profana: O Cancioneiro da Vaticana e o Cancioneiro de Colocci-Brancuti, denominado, desde 1924, Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (adquirírao Portugal nese ano). Moitos eruditos e algúns dos mellores letraferidos europeos percibían que Martín Codax era unha das voces máis orixinais e delicadas da nosa poesía medieval: quizais un dos capítulos máis fermosos da lírica europea da Idade Media: un capítulo, por exemplo, no que a amiga, a namorada, no seu desespero, interpela ás ondas do mar -«do mar de Vigo»- preguntándolles polo paradeiro do seu «amigo», do seu namorado.
Aquí as causas, en 1914, un libreiro madrileño non leigo en bibliografía medieval, Pedro Vindel (1895-1921), bateu cun códice do século XIV que contiña un texto de Cicerón de non especial interese (De officiis), texto encadernado cun pergamiño de vitela (de xuvenca) no que figuraban unha presa de versos coa súa notación musical. Vindel, aínda non sendo paleógrafo nin medievalista, tiña olfacto de bo anticuario e supuxo que aquel achado podía ser un tesouro literario-musical. Pedro Vindel, ademais de supoñer ben, consultou en Madrid a un experto, ao noso paisano Víctor Said Armesto (1871-1914), que foi o primeiro catedrático universitario de Literatura medieval galego-portuguesa.
O tesouro consistía nas sete cantigas de Martín Codax xa coñecidas, consignadas na mesma orde dos dous cancioneiros citados. Agora ben, por primeira vez eses textos, que naceron como «cantigas», como cancións (letra e música), deixaron de ser poemas para volveren a ser o que foran no século XIII: cantigas. Eran os primeiros textos de lírica profana que nos chegaban completos, non desprovistos da música.
En efecto, os textos do Pergamiño Vindel puñan nas nosas mans as sete composicións (agás a sexta) na súa feitura orixinal: o texto literario co texto musical. Era unha revolución na historia da transmisión da nosa lírica medieval. Entre as novidades, despois da notación musical, había unha de especial importancia: o Vindel ofrecía aos filólogos as grafías -ll (para elle) e -nn- (para eñe), que respondían aos usos tradicionais da escrita galega), e non -lh- e -nh-, das normas portuguesizantes dos Cancioneiros mencionados. En canto á música -a gran novidade- terían que pasar moitas décadas para que o investigador estadounidense Harvey L. Sharrer, atopase, na Torre do Tombo (Lisboa), en 1990, fragmentos con música de sete cantigas de amor de Don Dinís, o Rei poeta.

Case oitenta anos antes, en febreiro de 1914, o benemérito Pedro Vindel, oídas as observacións de Said Armesto, deu noticia, na revista Arte Español, do seu extraordinario achado, noticia que asina cun desconcertante criptónimo anagramático: L. D'Orvenipe. Meses despois, en decembro dese ano, publica, xa co seu nome, Las siete / canciones de amor / Poema musical del siglo XII / Publícase en facsímil, ahora por primera vez, / con algunas notas recopiladas por Pedro Vindel (o do XII, por XIII, é lapsus do editor). Desde esta data, o Vindel foi cobizado por filólogos e bibliófilos e codiciado polos mercaderes literarios, hispanos ou foráneos. En outubro de 1918, o libreiro Vindel vendeu a Rafael Mitjana, musicólogo, o valiosísimo Pergamiño por seis mil pesetas: «El documento de más valor histórico-literario de cuantos he tenido». Non deron froito as xestións feitas por dona Emilia Pardo Bazán para que aquel tesouro poético-musical e filolóxico non emigrase. Emigrou a Upsala (Suecia), onde residía o musicólogo catalán, e logo, durante catro décadas, o Vindel estivo fóra do alcance mesmo dos investigadores. Foi no ano 1977 cando a The Morgan Library de Nova York o mercou, e alí está desde ese ano, e foi hai dúas semanas cando as autoridades desta institución o entregaron, en préstamo, a don Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e a don Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura. Desde hai algún tempo, as xestións directas e indirectas ante a Morgan de determinadas persoas, (nomeadamente o doutor Cipriano Jiménez e a profesora Camiño Noia), fixeron posible que o Vindel, o valiosísimo e celebérrimo Vindel, volvese, aínda que por pouco tempo, á beira da ría que foi escenario da historia amorosa contada no XIII polo segrel Martín Codax. Dentro de seis meses, o peregrinante Pergamiño retornará ao exilio.
Resultado de imaxes para Pergamino Vindel

Ningún comentario:

Publicar un comentario