http://www.21noticias.com/
As organizacións sindicais CIG-Saúde, UGT, CCOO, CSIF, SAE e SATSE anunciaron este mércores en rolda de prensa a convocatoria de folga no SERGAS para os días 2 (o inicio efectivo será ás 22:00 horas do día 1, cando comeza a quenda de noite) e 3 de novembro e concentracións previas os días 19 e 25 de outubro
Segundo explicou a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, a convocatoria responde á negativa da consellaría de Sanidade e da propia Xunta de Galiza “a sentar sequera a negociar un calendario para recuperar os acordos retributivos e a carreira profesional”.
Abuín denunciou que con esta negativa “o sr. Feijóo condena ao persoal do SERGAS, non só a ter peores salarios que o resto de servizos de saúde do Estado, senón tamén do conxunto de empregados/as da Xunta de Galiza”. Por iso, sinalou, “non nos queda máis remedio que convocar folga para reclamar uns salarios que realmente retribúan as nosas condicións de traballo”.
A secretaria nacional de CIG-Saúde Abuín lembrou que no ano 2008 –durante o goberno bipartito- as organizacións sindicais asinaron un acordo de equiparación salarial que permitía situar os seus complementos retributivos de atención continuada, polos que se pagan as noites, os festivos e as gardas, na media dos servizos de saúde do Estado español. Ese acordo contemplaba ademais un incremento salarial, en cinco anos, para igualar –case- o complemento específico do persoal do SERGAS co resto de traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza.
Porén eses acordos foron suspendidos tras da chegada ao goberno do PP e a día de hoxe, malia o propio Feijóo asegurar que xa se superou a crise, non hai intención algunha de recuperalos. A consecuencia é que, segundo sinalou Abuín, mentres todo o persoal da administración pública ten, xunto co salario base, os trienios, o complemento de destino -que se articula en niveis- e o complemento específico -que se paga en función dese nivel atendendo ás condicións particulares do posto de traballo: dificultade técnica, responsabilidade, dedicación e penosidade- “a maioría do persoal do SERGAS teña unha retribución equivalente ao nivel 10 que cobra o persoal da Xunta de Galiza, independentemente do nivel que teñamos”.
A modo de exemplo, Abuín asegurou que, “sexas enfermeiro/a especialista ou de coidados xerais, que teñen nivel 23 ou 21, o seu nivel de complemento específico é de nivel 16, igual que un auxiliar administrativo da Xunta de Galiza”.
O mesmo ocorre co resto de categorías: técnicas/os superiores de radioloxía ou laboratorio, traballadoras/es sociais ou auxiliares de enfermería que, segundo a secretaria nacional de CIG-Saúde, teñen un nivel de complemento específico de grupo E “igual que un ordenanza da Xunta de Galiza”.
Ao seu entender “é moito máis grave no caso das/os médicas/os”, que teñen un nivel 24 de complemento específico, mentres que “un/ha administrativo/a da Xunta que teña unha Xefatura, ao que se lle pide como requisito de acceso o Bacharelato, pode ter nivel 25”. Xunto a isto subliñou a peor situación na que se atopa o persoal de atención primaria porque “só cobra o 80% do valor dun festivo ou dunha noite respecto do que cobramos o resto”.
A secretaria nacional de CIG-Saúde tamén reclamou a recuperación da carreira profesional, recollida no Estatuto Marco desde o ano 2003 e tamén suspendida, e asegurou que estes datos poden ser comprobados na orde de confección de nóminas que publica cada ano a consellaría de facenda. “Estas son as retribucións que nos merecemos os excelentes profesionais que di Feijoo que ten o Servizo Galego de Saúde”, concluíu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario