Suso de Toro
O que podía dicir de Adolfo Suárez xa o dixen, pero tentar dicir o que estamos a ver e vivindo, describir estas ruínas políticas, iso é unha tarefa tan desesperante como inacabable. Precisamente Adolfo Suárez era, xa desde hai anos, unha pantasma que roldaba e aparecíase nunha apartada torre polas noites para denunciar o seu asasinato.
Quen liquidou este intruso que creu que tiña dereito polos votos a gobernar? Todos os que conspiraban, desde o Exército e o rei, até os partidos que aceptaron a Armada formar un Goberno de concentración nacional presidido por el. Naquel tempo podíanlle pór a pistola no peito a un presidente de Goberno, Suárez sabía que as pistolas xa estaban cargadas (Gutiérrez Mellado, tamén; case ninguén lembra aquela figura enxoita sempre á beira de Suárez).
Aquel tempo criminal é a orixe desta democracia, unha democracia que naceu amedrentada e con pánico á liberdade
O medo do que ninguén fala agora. Aquel tempo criminal é a orixe desta democracia, unha democracia que naceu amedrentada e con pánico á liberdade. O propio Suárez, tan sincero, espía en 1980 a realidade dunha sociedade refén do medo: "E eu non opino, como moitos, que o pobo español estaba a pedir a berros liberdade. En absoluto, a ansia de liberdade sentíana só aquelas persoas para as que a súa ausencia era como a falta de aire para respirar. Pero o pobo español, en xeral, xa tiña unhas cotas de liberdade que consideraba máis ou menos aceptables... Puxéronse detrás de min e envorcáronse no referendo do 76, porque eu afastábaos do perigo dunha confrontación á morte de Franco. Non me apoiaban por ilusións e anceios de liberdades, senón por medo a esa confrontación; porque eu apartábaos dos cornos dese touro". Esta democracia e a reiteradamente cualificada de "modélica" Transición son fillas do medo, o medo a un monstro chamado "Exército". E o medo, nin entón nin agora, pode parir a liberdade.
Esta democracia e a reiteradamente cualificada de "modélica" Transición son fillas do medo, o medo a un monstro chamado "Exército"
Enterran a Suárez, ademais do seu fillo toureiro, aqueles que foron donos destas décadas. A súa figura complexa, discutible, pero apaixonada, sincera e con algunhas conviccións de fondo retrata por contraste aos protagonistas da política española de agora. Observen quen preside o Goberno, observen ao Goberno, observen á oposición formal... Observen o tempo de Rajoy e Rubalcaba, pantasmas nun cemiterio político.
Suárez non era un profesor constitucionalista, era un político. Acusóuselle e acusa a Suárez de ser demasiado versátil, oportunista, pouco fiable, pouco serio, arribista..., pero, partindo das súas orixes e do seu punto de vista, o que lle interesou foi conseguir un marco para a convivencia. Os científicos da cousa política acúsano tamén de indocumentado e falto de preparación ou cousas polo estilo, coma se a Constitución e todas as súas leis fosen unha obra de valor científico, cando foi unha consecuencia dese intento de dar con algo que fose aceptable para uns e aceptado por outros. Dependendo das circunstancias e da correlación de forzas, da demanda social, a Constitución sería doutra maneira. Non foi unha verdade revelada, non era a palabra divina, foi o apaño que lles pareceu posible aos seus redactores entón.
A Constitución non foi unha verdade revelada, non era a palabra divina, foi o apaño que lles pareceu posible aos seus redactores
Falando en prata: a Constitución e as súas leis foi o que permitiu o Exército. E sabiámolo todos, absolutamente todos. Aquilo, a Transición, non foi un exemplo de nada, foi pura supervivencia en circunstancias adversas, foi facer política institucional cando non había liberdade senón tolerancia. En realidade, redactar unha Constitución que se quere democrática baixo a ameaza do Exército é unha vergoña, pero quen defenda a democracia e tamén vivise aquilo quizá concorde en que probablemente non era posible outra cousa naquel momento. Ou quizá si, quizá conseguísemos máis, pero pagariamos un prezo maior en sangue. Esa é a realidade.
Redactar unha Constitución que se quere democrática baixo a ameaza do Exército é unha vergoña
Suárez, ese intruso arribista, incómodo para todos, ese mutante político, recoñeceu a Generalitat no seu exilio e legalizou o PCE e a todas as organizacións de ideoloxía comunista e anarquista. Moitas organizacións legalizadas daquela e que puideron participar na vida política, cos límites que se queira, hoxe serían acusadas de terrorismo ou de calquera outra infamia e probablemente ilegalizadas: esa foi a deriva que tomou aquela democracia que nacía baixo a sombra do medo e que continuaron até hoxe xeracións que seguen amedrentadas. Esa etapa democrática acabou aquí, cun Goberno presidido por quen entón facía campaña contra esa Constitución que agora esgrimen contra as aspiracións democráticas e facíao desde o franquismo.
Esa etapa democrática acabou aquí, cun Goberno presidido por quen entón facía campaña contra esa Constitución
Así acaba aquela etapa, os que piden política social, os que piden democracia e os que piden liberdade son ilegais ou ilegalizables. Todos terroristas, menos os donos da Constitución, do Tribunal Constitucional, do Goberno, da policía...
Este baleiro político. Suárez utilizou a política para dialogar, pactar e integrar nun proxecto compartido; hoxe este Goberno fai política policial. A utilización da policía que fai Rajoy e os seus ministros é de libro, de libro franquista. En lugar de escoitar a quen reclaman o que cren que é xusto, criminalización e pau. Iso complétase cuns medios de comunicación que son a voz do Ministerio do Interior. Acabamos de ver a actuación da prensa madrileña coas marchas sobre Madrid, deron as cifras e a versión da policía. Grazas a que existe internet, se non habería que volver tirar panfletos e arriscarse, como entón, a ser xulgados por propaganda ilegal, organización ilegal e, se aplican o estado de excepción do que xa falan para Catalunya, por terrorismo.
Desengánense, en España hai que seguir sendo antifranquistas. Isto é unha maldición que se prolonga por xeracións.
Unha imaxe que é un reconto e un final. Seguramente ninguén previra a fotografía de catro presidentes do Goberno e o rei ante o féretro de Suárez, pero esa imaxe espida o baleiro político deste momento: é unha involuntaria coincidencia que narra as décadas pasadas e tamén é un intento de encher o baleiro político que creou esta etapa de Rajoy, a redución da política a gobernación policial. Unha volta ao medo, unha volta á orixe. Onde, se non, poderíannos conducir os franquistas.
Falan de reformar a Constitución. Non, xa non abondará cunha chapuza para atopar unha saída a esta crise do sistema político.
Ningún comentario:
Publicar un comentario