mércores, 8 de abril de 2020

Quen está detrás das residencias privadas?

Ausencia de medios para a correcta atención, persoal nunha situación de máxima precariedade e as empresas obtendo beneficios millonarios. Así é o panorama das residencias privadas.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde entrega o premio Galiza Global 2019 a Josefina Fernández, máxima executiva de DomusVI.
(asociacióndedirectivos.org)O conselleiro de Economía, Francisco Conde entrega o premio Galiza Global 2019 a Josefina Fernández, máxima executiva de DomusVI. (asociacióndedirectivos.org)

XACOBE FERREIRO

As residencias da terceira idade son un punto quente na epidemia do coronavirus.  Os últimos datos coñecidos dan conta de cando menos 315 persoas infectadas (a Xunta non informou das cifras actualizadas após coñecerse o contaxio masivo na residencia de DomusVi en Cangas), na súa meirande parte usuarias, pero tamén traballadoras e traballadores. As previsións da propia Administración competente na materia, a Xunta da Galiza, son pesimistas. Alberto Núñez Feixoo, nunha comparecencia pública realizada o domingo, sinalou que "non vai ser fácil nin vai diminuír" o número de contaxios, senón que "vai medrar". Diante das últimas cifras, a Xunta decidiu intervir as residencias de DomusVi O Barreiro, en Vigo, e de Aldán, en Cangas, epicentros do coronavirus neste tipo de infraestruturas. Só nestes dous centros confirmáronse 176 casos de coronavirus entre usuarias e traballadoras.
O impulsor e presidente de San Rosendo, Benigno Moure, foi condenado en 2008 a cinco anos de prisión por apropiarse de 573.673 euros e de 60 propiedades dunha residente
O elevado número de persoas infectadas nestes xeriátricos outórgalles unha singularidade a estes dous centros, cuxas condicións asistenciais son criticadas desde hai meses por familiares das residentes. Porén, non representan un caso illado, como amosan as cifras da expansión da enfermidade noutras residencias da Galiza. Un exemplo é o da Fundación San Carlos, en Celanova, con perto de 60 afectadas entre as residentes e de 20 nas traballadoras.
Outra dotación do grupo DomusVi, neste caso a San Lázaro, en Compostela, encabeza a cifra de falecementos, cun total de 7, segundo os últimos datos fornecidos pola Consellaría de Política Social. O total de mortes relacionadas coa COVID-19 en residencias ascendeu onte a 17 (7 en DomusVi San Lázaro; 3 no Portazgo, na Coruña; 2 en Fogar Bellolar, tamén na Coruña, e 1 en Castro Caldelas, Celanova, DomusVi O Barreiro e DomusVi Carballo).

Os donos de DomusVI

DomusVI é o principal grupo de centros de maiores da Galiza e do Estado. A compañía conta con 29 estabelecementos repartidos entre Vimianzo, Compostela, Ribeira, Cabanas, Noia, Narón, A Coruña, Ferrol, Carballo, Oleiros, Vigo, Ribadumia, Lalín, Cangas, Monforte, Viveiro, Lugo, Chantada, Castro de Rei, Ourense, Bande, Larouco e Coles. A súa importante penetración na Galiza non se pode desligar da súa orixe, vinculada á compra de Geriatros, a franquía fundada por Caixanova para xestionar as súas residencias, vendida en 2012 por Novagaliza Banco, en plena crise do sistema financeiro galego. A relación coas caixas galegas explica que varias destas residencias estean construídas en terreos cedidos polas Administracións públicas, moi particularmente, as corporacións locais.
DomusVi é propiedade do fondo británico Intermediate Capital Group (ICG) e do magnate francés do negocio da xeriatría Yves Journel. O primeiro, ligado á banca de investimento centra os seus fondos no sector sanitario e dos servizos a maiores, declarando en 2017 beneficios por 197 millóns de euros. O segundo participa do negocio a través da súa sociedade instrumental SRS, cunha significada presenza no capital de PAI Partners, o fondo galo dono de sociedades como Cortefiel. A sede da súa filial no Estado español, Geriavi SAU, está en Vigo, e conta cun patrimonio de 210 millóns de euros e cunha facturación declarada en 2018 de 625 millóns de euros.
As familiares de usuarias dos centros de maiores DomusVi cualifican estas residencias como “auténticos aparcadoiros” de anciáns
As queixas sobre o funcionamento do grupo DomusVi non son novas. As protestas das traballadoras dos centros desta compañía sucédense ao longo da Galiza, denunciando unhas condicións laborais moi duras. Así, en xuño do ano pasado, Iria Estévez, membro do comité de empresa da compañía criticaba publicamente que estaban “facendo quendas de traballo de até 10 día sen descanso”. Naquela altura, o colectivo ASFAREBA, entidade que agrupa familiares de residentes en centros de maiores tamén deu a voz de alarma sobre as condicións nalgúns destes centros, cualificándoos como “auténticos aparcadoiros” de anciáns.

Os escándalos da Fundación San Rosendo

A Fundación San Rosendo é o segundo operador de servizos de xeriatría da Galiza. A entidade dá emprego a máis de 1.670 persoas, dispón dun orzamento de 53,8 millóns de euros, declara 3.600 prazas asistenciais e conta con 67 centros, a maioría deles na contorna de Ourense, onde xorde o grupo baixo o patrocinio do bispado e o impulso do crego Benigno Moure. A realidade da Fundación San Rosendo non se explica sen a relación de apoio mutuo co Partido Popular, e moi particularmente co clan Baltar.
José Luís Gavela Varela, presidente da entidade, non esconde a súa proximidade á familia Baltar. Así, en xuño de 2012 é unha persoas que toma a palabra na homenaxe a José Luís Baltar celebrada en Expourense, coa participación de máis de 3.000 persoas. O arquitecto Luís Antonio Chao Gómez é directivo da fundación desde a súa constitución e unha persoas de máxima confianza de Benigno Moure. Foi candidato de Alianza Popular ao Congreso, concelleiro deste partido en Ourense e senador en varias lexislaturas durante a década dos 90 nas filas do Partido Popular.
O escándalo acompaña a Fundación San Rosendo desde a súa constitución. En 2008, Benigno Moure, presidente e impulsor da entidade, é condenado a cinco anos de prisión por apropiación indebida. O tribunal considera probado que entre 1998 e 2001engana unha muller con alzheimer ingresada nunha das súas residencias, até arrebatarlle 573.673 euros e traspasar á Fundación San Rosendo a titularidade dunhas 60 propiedades. Anos máis tarde, o PP non dubida en mobilizarse para impedir a súa entrada en prisión, manténdolle, malia o acontecido, a Medalla Castelao entregada no seu día polo presidente galego Manuel Fraga.

A Xunta beneficia as residencias privadas

A situación actual dos centros de maiores só se explica pola conivencia da Xunta da Galiza. A definición dun sistema asistencial que favorece a atención privada fronte á pública, a aposta por un modelo de prazas concertadas en detrimento da creación de dotacións públicas ou a ausencia dun réxime de inspección eficaz que poña en primeiro lugar os intereses das residentes e das traballadoras, en detrimento da conta de resultados dos grupos propietarias dos xeriátricos, caracterizan a política do Goberno galego ao respecto.
A Xunta da Galiza dispón de competencias plenas en materia de residencias da terceira idade. Ao longo destes últimos anos, fronte ás denuncias das traballadoras e das familias das residentes, a Administración galega renuncia á súa función de tutela sobre as mesmas e mira cara a outro lado diante das queixas sobre os incumprimentos dos operadores privados. Pola contra, felicita o labor das grandes empresas do sector, como acontece na entrega do premio Galiza Global de 2019 a Josefina Fernández, primeira executiva de DomusVI.
Entre as tarefas que ten por diante o Executivo de Feixoo atópase garantir a saúde e unhas condicións dignas para residentes e traballadoras dos centros xeriátricos, adoptando as medidas necesarias para paralizar a extensión do coronavirus. Ao tempo, ten pendente iniciar a revisión do actual modelo asistencial, apostando por convertelo nun servizo público que facilite a súa universalidade, con independencia do poder adquisitivo das usuarias e que poña freo ao traballo precario no sector.

Ningún comentario:

Publicar un comentario