domingo, 12 de abril de 2020

Como residencias xa comezan un rexistrar peores cifras de coronavirus que o resto da poboación



Persoal do servizo contra incendios da Xunta, realizando labores de desinfección contra a covid-19 nunha residencia de maiores da Peroxa CC-BY-SA Xunta

https://praza.gal/

Dos 80 casos positivos activos que se sumaron no último día en Galicia, 49 rexistráronse entre residentes de centros sociosanitarios, que nos últimos cinco días viron aumentar os falecementos un 89% fronte ao 28% do resto da cidadanía
O pasado domingo o presidente Feijóo aclaraba por primeira vez cantas persoas falecidas por coronavirus vivían en residencias sociosanitarias e morreran nelas ou tras seren trasladadas a hospitais. Eran 66, fronte a 150 falecidos que non vivían nese tipo de establecementos. Segundo as cifras ofrecidas este venres polo Sergas, os falecementos de persoas que vivían en residencias ascenden xa a 125, un 89% máis que cinco días antes, fronte a 193 entre o resto da cidadanía, un 28% máis. Ademais, dos 80 casos positivos activos que se sumaron no último día en Galicia, 49 rexistráronse entre residentes de centros sociosanitarios, novos casos que aumentaron especialmente nun centro do Barco de Valdeorras e na residencia Domus Vi de San Lázaro, en Santiago.
O Sergas comezou a incluír os falecementos en residencias na contabilidade que fai pública esta semana, tras esixirlle o Goberno central eses datos
Desde os primeiros días da chegada da pandemia a Galicia expertos e administracións xa advertiron de que as residencias de persoas maiores ou discapacitadas con outras patoloxías eran o principal foco de preocupación. Porén, inicialmente o Sergas só incluíu na contabilidade que facía pública as mortes de persoas que vivían en residencias que acababan falecendo en hospitais tras seren trasladadas, pero non as das que falecían nos propios centros sociosanitarios. Comezouno a facer esta semana, despois de que o pasado sábado o Goberno central o establecese como unha obriga para todas as comunidades autónomas. 
Ao tempo, o aumento significativo de casos en residencias como as xestionadas por Domus Vi en Vigo e Cangas, que a Xunta acabou intervindo como fixo esta semana con outra na Fonsagrada, levou ao Goberno galego a habilitar centros integrados, como os denominou, cos que alixeirar a carga de persoas infectadas nos centros con peores cifras.
As persoas que viven en residencias que deron positivo na última semana foron supoñendo cada vez unha maior porcentaxe a respecto dos novos positivos entre o total da cidadanía
Malia esas e outras actuacións, como as desinfeccións que se veñen realizando, as residencias seguen a empeorar as súas cifras en comparación co resto da poboación. As persoas que viven en residencias que deron positivo na última semana foron supoñendo cada vez unha maior porcentaxe a respecto dos novos positivos entre o total da cidadanía, ata o punto de que no último día se converteron no grupo maioritario de novos casos. Ao tempo, se o domingo pasado os falecementos entre persoas que vivían en residencias supuña o 30% do total (66 fronte a 150 mortos do resto da poboación), este venres a porcentaxe se aproximaba xa ao 40% (125 fronte a 193).
Nas residencias de persoas maiores hai xa 791 casos, e 76 en centros de discapacidade, aos que hai que sumar 365 traballadores dos dous tipos de centros sociosanitarios
Segundo os datos divulgados pola Xunta este venres, nas residencias de persoas maiores de Galicia rexistráronse 791 casos, 46 máis que un día antes, aos que hai que engadir outros tres novos casos en residencias de discapacidade, nas que hai xa un total de 76. Os dous tipos de centros suman ademais 365 positivos entre o seu persoal. As algo máis de 1.200 persoas afectadas relacionadas con eses centros supoñen xa preto dunha cuarta parte da poboación total afectada en Galicia.
Entre as residencias de maiores, a de Nuestra Señora de la Esperanza de San Rosendo, en Ourense, está á cabeza, con 105 casos. Por detrás, á residencia de Domus Vi en Cangas, con 96 casos, comeza a achegarse a de Domus Vi de San Lázaro, en Santiago, que na última xornada pasou de 82 a 92 casos. O maior aumento do último día rexistrouse na residencia Nuestra Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras, que pasou de 30 a 62 casos confirmados. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario