martes, 28 de abril de 2020

Os 8 animais que só poderás atopar na Galiza

Sabías que hai especies tan nosas que só existen aquí? Descobre neste artigo a saramaganta, o sapiño pinto, a escribenta das canaveiras e o resto das especies que só poderás albiscar nos montes galegos.

Só un pequeno e selecto grupo de animais son tan, tan nosos, que non se poden albiscar fóra das fronteiras da Galiza (Foto: Nós Diario)
Só un pequeno e selecto grupo de animais son tan, tan nosos, que non se poden albiscar fóra das fronteiras da Galiza (Foto: Nós Diario)

H. PENA

Existen animais moi nosos. O can de palleiro, a donicela, a pita do monte, o raposo, o porco celta, a marta, o percebe ou a vaca –que até ten un lugar de honra no centro de moitas bandeiras galegas- asócianse historicamente coa Galiza tanto como a Torre de Hércules á Coruña ou a muralla romana con Lugo.
Mais só un pequeno e selecto grupo de animais son tan, tan nosos, que non se poden albiscar fóra das fronteiras da Galiza, no que a bioloxía define como endemismo, é dicir, que a súa actividade está limitada a un ámbito xeográfico reducido –neste caso o galego- e que non se poden atopar de forma natural en ningunha outra parte do mundo.
Eis os oito endemismos da fauna galega recolle no seu catálogo dixital a Consellaría de Medio Ambiente:

8. A Lesma (Geomalacus maculosus)

Lesma, lerma, lermia limacha ou limaco son algúns dos nomes que en distintos lugares do país recibe este gasterópodo terrestre atractivamente apencado de branco ou amarelo.
Lesma
Este animal é unha especie non antropófila que se alimenta dunha ampla variedade de algas, liques, brións ou fungos e pode atoparse en zonas montañosas e moi húmidas, estabelecendo o seu fogar nas fendas das rochas ou baixo a codia de vellos castiñeiros, ben afastada da superficie.
Cun estado de conservación categorizado como “vulnerábel” polas autoridades, a principal ameaza que padece a lesma é a destrución dos bosques autóctonos nos que vive.

7. Esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai)

Semellante ao esgonzo común, pero co corpo máis curto (consegue tamaños de 60 a 89 mm), cilíndrico e groso, este réptil é recoñecíbel polo seu característico dorso de cor semellante ao bronce e o ventre de cor branca.
Esgonzo Ibérico
O esgonzo ibérico vive especialmente en zonas de dunas e areosas do límite interior das praias, onde a vexetación dominante sexa a matogueira rica en toxos, as xestas ou as camariñas.
A súa poboación é tan escasa que apenas pode verse en escasos puntos da costa atlántica, o interior de Ourense ou nas illas Cies e Ons, estando considerado en perigo de extinción nestes dous últimos lugares.

6. Ra vermella (Rana temporaria subsp. Parvipalmata)

A pesar dos efectos adversos que os lumes teñen provocado na súa poboación, a diferenza do que acontece co esgonzo ibérico, a súa poboación aínda non presenta problemas serios de subsistencia.
Ra Vermella
Para poder ver a ra vermella no seu medio natural teremos que desprazarnos, segundo indica a Consellería de Medio Ambiente, até “o centro e norte das provincias de Lugo e A Coruña”, quedando no sur restrinxida ás serras.

Recoñecerémola, ademais de polo seu pequeno tamaño, por presentar unha cor dorsal ocre, amarela, laranxa, vermella ou parda, pero especialmente pola marca ao xeito de “V” invertido que presenta a nivel das patas dianteiras.

5. Lagartixa leonesa (Iberolacerta galani)

O animal máis misterioso do listado, até o punto de que aínda hoxe eidos como o da súa reprodución resultan practicamente descoñecidos para a comunidade científica.
Lagartixa Leonesa
Sábese que vive en zonas como a Serra do Eixo ou Pena Trevinca, e a súa presenza no pasado documentouse tamén nas zonas fronteirizas de León e Zamora.

O seu corpo está composto de numerosos ocelos axilares azuis cuxo número e tamaño incrementan coa idade. No caso dos machos, en período de celo o seu dorso pasa de verde a gris verdoso, cunha banda vertebral irregular ben desenvolvida e unida ás bandas costais, o que lle dá ao animal un aspecto reticulado. Fóra da época de celo, a cor da especie é lixeiramente máis escura. As femias presentan tons mais pálidos e moitas menos manchas que os machos.

4. Caracol de Quimper (Elona quimperiana)

Caracol terrestre hermafrodita e ovíparo, ten unha cuncha aplanada e delgada, lisa e brillante, cunha coloración na que o que máis abunda son os tons marróns clariños.
<Digimax i6 PMP, Samsung #11 PMP>
Herbívoro e coprófago, aliméntase sobre todo de fungos e cogomelos, atopando bo acomodo nos bosques caducifolios galegos logo da súa extinción en zonas como o suroeste de Francia.

Non obstante, o seu tamaño poboacional parece reducido e con tendencia á diminución debido ás repoboacións forestais e os incendios.

3. Sapiño pinto (Discoglossus galganoi)

Moi abundante en todo o país, non é raro topar con el na proximidade de regatos, charcos, charcas e todo tipo de cursos de auga de pouca profundidade. Mesmo é posíbel divisalo en medios moi humanizados e con alta carga de contaminación, como as cidades e vilas.
Sapiño Pinto
O sapiño pinto ten un tamaño medio, con patas traseiras longas, cabeza ancha, fociño aguzado, ollos moi saltóns e unha pel lisa e brillante, de tons pardos e agrisados que o fan tan recoñecíbel.

Na súa dieta entran todo tipo de invertebrados e até xuvenís da súa propia especie, comendo por exemplo insectos, arañas, caracois ou vermes.

2. Saramaganta (Chioglossa lusitanica)

A Consellería de Medio Ambiente defínea como “unha das xoias, non só da herpetofauna, senón de todo o patrimonio natural galego”, e con moita razón. Rara, única, esta especie nútrese como ningunha da natureza ancestral do país: bosques densos e húmidos con regatos cheos de liques.
Saramaganta
Para sobrevivir precisa dunhas precipitacións medias anuais superior aos mm/m2, o que fai de practicamente toda Galiza –con excepción das comarcas de Verín, Viana ou A Limia-, un lugar idóneo para a súa supervivencia.
Aliméntase de arañas, moscas, mosquitos, larvas de insectos, escaravellos e eirugas de bolboreta, que captura coa súa lingua, que actúa a xeito de pinza, e distínguese doutras especies similares por presentar un dorso con dúas liñas douradas lonxitudinais que se xuntan nunha soa na cola.

1. Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica)

Segundo un censo publicado na revista ‘Braña’, que edita a Sociedade Galega de Historia Natural, na Galiza só quedan 20 parellas reprodutoras de escribenta das canaveiras, fronte ás case 70 que había no 2005, e iso a pesar de ser unha das poucas especies que contan cun plan de recuperación por parte da Xunta da Galiza.
Aniña en carriceiras, canaveiras ou espadanais, e o seu hábitat varía segundo a estación do ano, pois en verán acode ás áreas húmidas de ríos, lagoas, estuarios..., mentres que en inverno prefire campos, cultivos e xunqueiras.
De tamaño é aproximadamente como un pardal, e caracterízase por ter a rabadilla agrisada, patas e pico escuros e a cabeza, a garganta e o papo de cor negra cun bigote branco que se prolonga polo peito e o ventre.
Escribenta das canaveiras

Ningún comentario:

Publicar un comentario