sábado, 6 de agosto de 2016

Cando as Cíes eran couto de caza


A nova Lei de Parques Nacionais prorroga ata 2020 a caza nalgúns espazos, pero non nas Cíes, que no século XX foron couto de coellos

Co pulo do turismo, remataron as cacerías da Sociedade de Caza La Viguesa
Eduardo Rolland
http://www.gciencia.com/



O Congreso aprobou no 2014 a nova Lei de Parques Nacionais. Naceu co rexeitamento da oposición e dos ecoloxistas, sobre todo por unha controvertida prórroga. A que permitirá, ata 2020, a caza nalgúns parques, como os de MonfragüeGuadarrama Cabañeros. A norma, non obstante, non afecta ao único parque galego, o das Illas Atlánticas, onde está vedada tanto a caza como a pesca deportiva. Pero isto non sempre foi así. Porque as Cíes foron durante décadas un auténtico couto, no que foron botados coellos que aínda hoxe nos atopamos corricando por Faro ou Monteagudo.
Xa dende o século XIX hai testemuños da caza en Cíes, a raíz da súa repoboación. En 1810 situouse nas illas un almacén de artillaría, un Cuartel de Carabineiros do Reino e un cárcere, próxima á praia da Nosa Señora. O resultado foi que a poboación da ría de Vigo gañou confianza e decidiu volver asentarse no arquipélago. En 1840, cando pasan a depender da cidade de Vigo, instálanse dúas fábricas de salgadura que atraen novos poboadores, ao igual que a inauguración do Faro de Cíes, en 1853, ou a creación dun viveiro de lagostas no lago.
Aquela poboación, maioritariamente chegada de Cangas, vivía da agricultura e da pesca de autoconsumo, pero tamén cazaban como diversión.
Vista das illas Cíes a comezos do século XX.

A Sociedad de Caza y Pesca La Viguesa chegaba coas súas escopetas nos anos 50 do século XX

A mediados do século XX, o declive total da poboación de Cíes espertou o interese das clases acomodadas de Vigo. E de feito a creadora do ‘turismo’ ás Illas Sicas foi a Sociedad de Caza y Pesca La Viguesa, que converteu as súas excursións en habituais. Chegaban en grupos de dúas ducias de persoas e, mentres os homes saían ao monte coas súasescopetas, as mulleres quedaban a xogar ás cartas na taberna de Chuco, que era o centro de reunións na época, onde paraban tamén os mariñeiros que descansaban da faena.
Un daqueles pioneiros das visitas a Cíes era Emilio Fernández, hoxe propietario do cámping e memoria das últimas décadas das illas, que acudía co seu pai ás excursións. O coello era a especie cinexética fundamental dun couto espontáneo para a Sociedade de Caza La Viguesa.
Excursionistas, no primeiro peirao de Rodas.



Co tempo, a caza foi esmorecendo. En especial, despois de que a familia Freire crease Vapores de Pasaje e comezase o servizo regular coas illas, promovendo mesmo construír un parador de turismo, que quedou no restaurante do peirao de Rodas. A caza pasa definitivamente ao esquecemento cando, en 1968, entra en servizo o‘Illas Ficas’, construído en estaleiros de Asturias. É un barco de luxo para a súa época, con máis de 500 prazas. Aínda que o seu nome se debese a unha errata: o funcionario do rexistro puxo unha ‘f’ onde debía ter posto unha ‘s’, de Sicas. O certo é que, con este buque, o turismo comeza xa a ser masivo.
En 1980, ano en que as Cíes son declaradas Parque Natural, o Goberno central xa dita unha orde prohibindo a caza en Cíes. A Xunta de Galicia, que nacería un ano máis tarde, en 1981, prorroga a veda ata os nosos días.
Pero houbo un tempo en que as Cíes eran un couto de caza. Hoxe é un auténtico refuxio de coellos, que campan ao seu gusto polas tres illas, como sabe calquera campista que deixe algo de comida pouco gardada.
Unha familia, de excursión nas illas Cíes en 1931.

Ningún comentario:

Publicar un comentario