luns, 19 de marzo de 2012

A forza máis poderosa



Un dos momentos máis temibles na historia de calquera país prodúcense cando á xente empezan a parecerlle aceptables ou incluso normais certas medidas ou leis que non son tal, e de todo punto inaceptables. Soen vir pouco a pouco, logo aceléranse. As primeiras non soen ser gordas –aínda que inxustas, caprichosas e sen sentido- e por iso case ninguén se rebela.
Pero custa crer a estas alturas que logo das primeiras viran outras  peores, e que por iso hai que denuncialas por inofensivas que parezan, non consentilas.

A Folga Xeral do 29 vai a ser a de todos. Á convocatoria inicial da CIG para ese día fóronse sumando outras centrais e, por fin, tamén CCOO e UGT mandaron o carallo a margarita (“sí, non; si, non,…”) e fortalecer a convocatoria ese mesmo día FOLGA XERAL en todo o Estado. O órdago que supuña o chamamento en marcha, a importante participación nas manifestacións convocadas, a presión das súas propias bases, a radical negativa do Goberno de sentarse a negociar nada, fíxoos baixarse do carro da concertación, o consenso, o amagar e non dar e anotaronse á dinámica da confrontación defendida pola maioría.

A Reforma Laboral non ten nada que ver, absolutamente nada, coa creación de emprego, senón con outras intencións moito menos nobres. Seu obxectivo é favorecer a desestruturación dos cadros de persoal e a man de obra e, por outro lado, esgotar en gran medida a actividade e negociación sindical, minando os dereitos e poder dos sindicatos.
Por medio da flexibilidade laboral (horarios, soldos, funciones, mobilidade,..), da portas abertas o despido e seu abaratamento, do aumento da precariedade, da penalización das baixas médicas, etc…, quérese converter ós traballadores en man de obra “kleenex”, en papel de cociña multiuso, usar e tirar, á par que facer do empresario un señor feudal con dereito de pernada laboral. 
Di San Ambrosio –un é ateo, pero ante verdades como Cátedrais- “el que es rico, o es ladrón, o es hijo de ladrones” o Goberno está favorecendo un proceso de enladronamento dunha moi miúda minoría a costa da gran maioría social. E sendo isto así, o ministro do Interior, en vez de mandar a Policía a golpear a os estudantes valencianos, debía enviala a deter a toda esa banda de Alí Babás e seus 35 do IBEX, auténticos responsables da actual crises e do secuestro social que nos rodea. E o ministro de Xustiza debería poñer á Fiscalía trala súa pista, en vez de inhabilitar a xuíces ou dedicarse a recuperar a medieval cadea perpetua e negar o dereito das mulleres a decidir libremente sobre o seu corpo.

Si tan só a décima parte das duras condicións laborais existentes nos centros de traballo e centésima das que quere implantar o PP coa súa reforma se aplicaran no Congreso a seus principais grupos (absentismo, produtividade,…), o despido e expedientes de regulación de emprego farían estragos no hemiciclo. A derradeira enquisa feita polo I.N.E. constata unha vez máis que, tralo desemprego e a situación económica, a clase política é o terceiro motivo de preocupación da poboación. Vese que o paro e a precariedade agudizan o olfacto da xente.


Ningún comentario:

Publicar un comentario