luns, 14 de decembro de 2015

As derradeiras enquisas auguran unha caída histórica do PP en Galicia

David Lombao

http://praza.gal/
14/12/2015


Feijóo, este domingo en Pontevedra pedindo o voto para RajoyFeijóo, este domingo en Pontevedra pedindo o voto para Rajoy CC BY-SA PPdeG
Fin dos datos. Ás cero horas deste martes entrará en vigor a censura aos datos de enquisas que establece a lei orgánica do réxime electoral xeral para os cinco días previos ás eleccións. Deste xeito, e alén de que El Periòdic d'Andorra vaia retratar de novo a obsolescencia da normativa española ao seguir publicando en internet datos de intención de voto ata a xornada de reflexión, o certo é que a difusión masiva de inquéritos remata este luns. O retrato que debuxan os derradeiros inquéritos amosa un PP en cabeza pero que sofre unha notabilísima caída mentres se axustan as posicións no segundo e terceiro posto. No caso galego todos os inquéritos coinciden, malia á disparidade de cifras, en augurar unha histórica caída dos populares.
Catro anos despois de facerse folgadamente con máis da metade dos sufraxios do electorado galego as enquisas anticipan unha caída duns 15 puntos dos de Alberto Núñez Feijóo, o que suporía que achegarían ao grupo parlamentario de Mariano Rajoy entre 3 e 6 escanos menos que hai catro nos, cando lograron 15 dos 23 que se elixen en Galicia. O escenario menos malo para os conservadores galegos é o que bosquexa o inquérito de GAD 3 para ABCque lle asigna ao partido 11 escanos e o sitúa ao bordo do duodécimo, limiar marcado pola dirección conservadora porque suporía o mantemento da maioría absoluta da representación galega. 
Os inquéritos indican que os de Feijóo perderían entre 3 e 6 escanos e auguran unha disputa pola segunda posición entre o PSdeG e En Marea
O peor prognóstico para os intereses da formación da gaivota é o de Sigma Dos para El Mundo, que vai un chisco alén do CIS e dálle ao PP 9 escanos por Galicia, o que suporía o peor resultado da formación dende que existe coas súas actuais siglas nunhas eleccións xerais en Galicia. NC Report para La Razón, pola súa banda, indica que os de Feijóo caerán 5 escanos, ficando en 10. Sondaxe para La Voz de Galicia sobe o prognóstico ata os 11 e a enquisa de Infortécnica para La Región dálle unha franxa de entre 10 e 12.
Como no conxunto do Estado as enquisas tamén anticipan un escenario novidoso para Galicia no resto de posicións, incluíndo unha disputa polo segundo posto entre o PSdeG, aos que os diversos estudos lle dan entre os 6 escanos actuais e unha baixada ata 4, e En Marea, que emerxería con entre 5 e 6 escanos, o que suporía rachar co reparto a dous que tradicionalmente se vén producindo nas circunscricións do interior. Todas estas enquisas coinciden, ademais, en outorgarlle dous deputados polas circunscricións galegas a Ciudadanos -o que suporía a entrada no Congreso do cabeza de lista pola Coruña, que se nega a asistir a debates e a responder preguntas- e a deixar fóra do reparto a NÓS-Candidatura Galega malia superar o limiar do 3%, mínimo fixado pola lei para optar a escanos.





O panorama xeral que anticipan todas estas enquisas é o dun Congreso dos Deputados moito máis plural no que o PP seguiría sendo o grupo máis numeroso, pero tras un abrupto devalo que deixaría a Rajoy cuns 60 escanos menos tras caer preto de 20 puntos a respecto dos comicios de 2011. Os inquéritos manteñen o PSOE en segunda posición, pero seguido de cerca por Ciudadanos e Podemos.
Metroscopia indica agora que Rajoy podería perder ata 80 escanos e o PSOE estaría a só 4 puntos dos populares
Neste sentido, a principal novidade da derradeira xeira de enquisas é a que este luns chega dendeMetroscopia para o xornal El PaísTras meses amplificando as posibilidades electorais do partido de Albert Rivera o diario de PRISA indica desta volta que o PP chegaría ao novo Congreso co 25% dos votos e uns 109 escanos, case 80 menos que hai catro anos, e que o PSOE o seguiría só 4 puntos por tras. Podemos, segundo este inquérito, tería iniciado unha remonta que lle daría o terceiro posto e a cuarta posición sería para Ciudadanos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario