Montse Dopico
http://praza.gal/
“Cando unha boa parte dos urbanitas de hoxe”, lendo os textos de Gustav Henningsen ou de calquera outro etnógrafo, “se atopa coa imaxe da ruralía galega que el describe, van tirar a idea de que aquela era unha sociedade atrasada e irracional, propia de individuos de mentalidade prelóxica”, mais “por debaixo desa aparente falla de rigor, hai toda unha lóxica (por veces asombrosamente sutil) mediante a que os galegos non urbanos reflexionan sobre os problemas que a vida lles presenta e, ao tempo, elaboran estratexias para liberarse deles”. Con palabras coma estas, o antropólogo Marcial Gondar introduce o seu texto no catálogo de Galicia máxica. Reportaxe dun mundo desaparecido, a exposición de fotografías de Gustav Henningsen que pode verse ata o vindeiro 17 de xaneiro no Museo do Pobo Galego.
“Comprendín que o meu primordial obxectivo como investigador das crenzas populares tiña que ser o que a xente fai e pensa, non o que di”, comentaba Henningsen a primeiros dos anos 70, despois de comprobar que as preguntas directas non eran o mellor xeito de achegarse aos seus informantes galegos. Chegara a Galicia no 1965, encamiñado por Julio Caro Baroja, coa intención de estudar as crenzas na bruxaría nunha poboación rural. Quedou 20 meses, nos que fixo traballo de campo polas catro provincias galegas e polo occidente de Asturias.
En Ardemil, parroquia de Ordes, realizou a maioría das entrevistas. Se lles preguntaba abertamente aos veciños e veciñas se crían nas bruxas, negábano terminantemente. Mais despois explicaban os remedios máxicos que lles axudaban a lidar coas enfermidades dos animais e coas propias. Gañou a sú confianza facéndolles fotos que despois lles agasallaba. E, alén da bruxería, acabou analizando o xeito de vida do rural galego e as transformacións que estaba a ter. “Cincuenta anos máis tarde de seren tomadas, a revisión destas fotografías testemuña a evolución e o cambio social en positivo que experimentaron as comarcas do interior de Galicia”, subliña o Museo do Pobo Galego no seu comunicado sobre a mostra.
"Cincuenta anos máis tarde de seren tomadas, a revisión destas fotografías testemuña a evolución e o cambio social en positivo que experimentaron as comarcas do interior de Galicia"
O museo recibiu en maio de 2015 os negativos fotográficos de Henningsen, en depósito temporal. Os seus responsables souberan do arquivo de imaxes do folclorista danés a partir dun traballo que o Instituto da Lingua Galega estaba a facer coas gravacións deste mesmo investigador, que non obtivo, nun principio, o tipo de respostas que agardaba dos seus informantes. “Moito máis interesantes eran os resultados que ía obtendo consonte falaba cos seus interlocutores dos aspectos máis ordinarios da vida cotiá naquelas parroquias afastadas, mal comunicadas e carantes aínda de servizos elementais”, subliña o Museo do Pobo Galego no catálogo.
“Non podemos cualificar o traballo en Ardemil, na comarca de Ordes, como un traballo de antropoloxía visual e tampouco de foto-etnografía. Pero non debemos negar a fecundidade do traballo de Gustav Henningsen como experiencia complexa e completa para elaborar un repertorio informativo no que o etnógrafo se desdobra para ocupar diversas posicións de observación e para se adaptar, segundo os casos e as circunstancias, ás esixencias documentais que presenta o fenómeno tratado e a complexidade de actitudes e comportamentos dos e das informantes”, explica Xosé Carlos Sierra, do Museo do Pobo e do Museo Etnolóxico de Ribadavia, no catálogo da mostra.
Non podemos cualificar o traballo en Ardemil, na comarca de Ordes, como un traballo de antropoloxía visual e tampouco de foto-etnografía
A colección fotográfica de Henningsen, -engade o mesmo autor-, “percorre moitos dos escenarios que dan vida ás xentes da comunidade estudada. O traballo agrario, as diferenzas de xénero e os desequilibrios derivados duns tempos de emigración aparecen como relacións cruzadas nas fotografías que tratan este tema. A vida familiar, a composición sociodemográfica dos grupos na aldea e a infancia e a vellez asoman en numerosas imaxes”, indica.
“A paisaxe inmediata, coas leiras cultivadas e os casais dos grupos domésticos están presentes como lugares e como espazos no sentido dado por Kirsten Hastrup á trama de significacións que consta na escrita etnográfica, pero que emerxe igualmente nas imaxes obtidas”, matiza. Da mesma maneira, a festa e a relixiosidade “están fotográficamente documentadas, como o están as condutas e manifestacións de prácticas ceremoniais ligadas ao ciclo vital e, necesariamente, aquelas outras que motivan a investigación deste etnólogo danés: o curanderismo e a medicina popular”.
O apartado Camiños, casas e interiores mostra carreiros de terra, a casa tradicional, hórreos e palleiros, labregos e labregas traballando… Aínda que é evidente que non se trata de fotografía artística, non lles falta ás imaxes beleza forza, nin ás veces certa espontaneidade. En Tarefas domésticas as mulleres lavan a roupa, moen o millo, amasan o pan, fían, aran… mentres toda a familia participa nos traballos da matanza ou os zoqueiros tallan a madeira. A esta sección da exposición pertence unha das mellores imaxes: unha señora camiñando co arado e o xugo ás costas. En Feiras, diversións e pasatempos pódense ver vendedores de cantares de cego, xogos, bailes, gaiteiros, sesións de contos… En Estacións e festas anuais imaxes do Entroido, da Semana Santa, o San Xoán… En O ciclo da vida, a infancia, o casamento, o velorio… En Curacións máxicas os rituais da medicina popular…
Ningún comentario:
Publicar un comentario