sábado, 26 de decembro de 2015

A unión dos votos de En Marea e NÓS restaría un escano ao PSOE e deixaría fóra a Ciudadanos

David Lombao
http://praza.gal/

Case sobra dicir que o que vai ler a continuación é pouco máis ca un xogo xornalístico e matemático, un exercicio de política-ficción que non pondera posibles cambios de comportamento do electorado nun escenario diferente. Ao coñecer os resultados destas eleccións xerais non foron poucas as persoas que, no ámbito da esquerda e do soberanismo en Galicia, matinaron en torno a unha pregunta? Que pasaría se, nalgún momento do pasado outono, fraguasen as conversas en torno á tan traída e levada confluencia? Ou, o que é o mesmo, cal sería o resultado se os votos de En Marea e NÓS-Candidatura Galega, no canto de iren por separado, tivesen que ser contabilizados conxuntamente?
Esa hipotética unidade afianzaría a posición que acadou En Marea como segunda forza no conxunto de Galicia, con máis de 478.000 votos e a uns seis puntos porcentuais do PP. Alén do evidente, esa suma de sufraxios produciría un efecto derivado da Lei d'Hondt, que regula o reparto de escanos e que premia a unidade e penaliza a dispersión. Así, esa virtual coalición lograría dous escanos máis que os logrados por En Marea, ata chegar a 8, quedando só dous por tras do PP.
Un dos prexudicados desa operación sería o PSdeG, que co resultado acadado este domingo lograría un deputado menos e ficaría en 5. No entanto, o maior prexuízo sería para Ciudadanos, cuxos 147.000 votos non lle servirían, nese caso, para acadar escano ningún.
Con esa imaxinaria concentración de votos Ciudadanos ficaría fóra do reparto na Coruña e os socialistas perderían un escano por Pontevedra
Todos eses movementos daríanse nas provincias atlánticas, toda vez que tanto en Lugo como en Ourense a agregación dos votos de En Marea e NÓS daría como resultado o mesmo que logrou na realidade a plataforma encabezada por Anova, Podemos, e Esquerda Unida, un deputado por cada circunscrición fronte a 2 do PP e 1 do PSdeG. No entanto, na Coruña o escano de Ciudadanos caería do lado desa imaxinaria confluencia ata chegar aos 3, tantos como o PP, mentres que os socialistas ficarían cos 2 que realmente tiveron.
En Pontevedra, pola súa banda, esa concentración de voto restaríalle un escano aos socialistas, que pasarían de 2 a 1. Mentres a suma de En Marea e NÓS lograría un escano más que os conseguidos por En Marea, igualando os 3 do PP.





Ningún comentario:

Publicar un comentario