Miguel Pardo
“Galicia está de saldo”. Esa é a frase que se repite desde a oposición e a impresión que boa parte da sociedade ten tras a confirmada venda de Novagalicia Banco ao grupo venezolano Banesco, o que confirma a morte do sistema financeiro galego e que se une á perda de empresas claves do país nos últimos anos, agudizada pola crise.
Á evidente perda de dereitos e o esfarelamento do Estado de Benestar xúntanse nos últimos meses noticias continuadas sobre empresas e sectores claves que trasladan o seu poder de decisión desde Galicia ás máis variadas latitudes. Os restos das antigas caixas son o último exemplo, pero antes foi Fenosa, non hai moito os estaleiros de Barreras e recentemente Pescanova, nun camiño que semella non ter fin.
"Si que se pode dicir que Galicia está de saldo; os prezos son moi baixos e os capitais de fóra aproveitan unha pésima situación"
Economistas como Manuel Lago cren que “si se pode dicir que Galicia está de saldo”. “O deterioro do valor das empresas españolas en xeral, pero galegas en particular, provoca que os seus prezos tan baixos sexan unha opción interesante para países emerxentes e con mellores contornas”, destaca quen cre que “non é unha anécdota” que nun breve espazo de tempa coincida a venda de Barreras a unha empresa estatal mexicana e a de Novagalicia a un banco venezolano. “É unha transformación poderosa; comprar o estaleiro por cinco millóns e a entidade financeira por 400 agora e outros 600 que sairán dos seus beneficios evidencia con claridade que os prezos son dun saldo extremo e que os capitais de fóra están a aproveitar unha pésima situación”, insiste.
Nos últimos tempos, Galicia perdeu as caixas, o Banco Pastor e o Banco Gallego
Logo de cinco anos de crise, o sistema financeiro galego quedou practicamente borrado do mapa. Despois dalgunha perda e absorción anterior, o país que chegou a contar con dez entidades propias non ten xa ningunha. Ou ten dúas, certo é, que manterán a súa sede e marca en Galicia, pero a propiedade do futuro Etcheverría-Banesco está en Venezuela e a empresa de telecomunicacións R será a primeira que sufra as consecuencias dos desinvestimentos anunciados. Tan só Caixa Rural Galega, cooperativa con sede en Lugo, permanece -e solvente- no país.
Milleiros de millóns de aforros de galegos que marchan da terra, malia as inxentes axudas públicas que, como no caso de NCG, recibiron as entidades arruinadas. O FROB vendeu Novagalicia como antes fixera co tamén nacionalizado Banco Gallego, neste caso regalado por un euro ao Sabadell tras a inxección de máis de 320 millóns por parte do Estado.
Antes, hai agora máis de dous anos, era o Banco Pastor o que acababa absorbido polo Banco Popular a cambio de 1.400 millóns de euros e logo de que esa mesma entidade decidise integrar o Banco de Galicia na súa matriz. A entidade coruñesa, que mantén marca e sede na Coruña, e a viguesa, que xa non ten nin marca, tamén voaron.
O estaleiro Barreras acaba nas mans dunha empresa estatal mexicana e NCG nas dun banco venezolano, "e iso non é unha anécdota"
E ao tempo que voaba o sistema financeiro voaban tamén empresas simbólicas, claves e fundamentais na recente historia de Galicia. O acordo estratéxico entre Xunta e Pemex non asegurou aínda os floteis prometidos, pero si acabou coa compra do 51% do estaleiro Barreras por parte da compañía estatal mexicana, o que dá aire ao maltratado sector pero remata co control galego dunha compañía fundada hai máis de 120 anos en Vigo.
O caso de Pescanova é moito máis complicado. Abofé que si. Pero a súa enorme crise -chámenlle estafa- semella rematar tamén coa perda da compañía, que acaba en mans do grupo catalán Damm que, coa apoio de Luxempart, evitará a liquidación inxectando 250 millóns de euros para se facer co 51% da empreesa. O resto queda en mans da banca, tras asumir unha quita achegada ao 80%, aínda que os accionistas minoritarios xa impugnaron o plan da cervexeira. Antes, fora Fenosa a que quedara en mans doutra compañía catalá, Gas Natural, que levou tamén o poderío hidroeléctrico dun país queu produce moito pero paga máis có resto.
"Galicia é un país desestruturado que non ten resposta colectiva, nin do seu capital nin do poder político, para impedir o que está a suceder"
"Somos un país desestruturado"
Manuel Lago cre que toda esta perda se debe “fundamentalmente a fenómenos económicos”, pero evidencian tamén “unha falta de resposta colectiva da sociedade galega, do seu capital e do seu poder político para impedir que isto suceda”. Como é posible que a estrutura empresarial do país e o seu goberno non sexan quen de artellar unha solución para cubrir os 400 millóns que custou comprar Novagalicia?, pregútanse moitos. Tamén o economista, que lembra que “a fortuna máis grande de España é galega e moitas veces vemos nos xornais que gasta eses cartos para comprar un edificio en Nova York”.
Manuel Lago cre que toda esta perda se debe “fundamentalmente a fenómenos económicos”, pero evidencian tamén “unha falta de resposta colectiva da sociedade galega, do seu capital e do seu poder político para impedir que isto suceda”. Como é posible que a estrutura empresarial do país e o seu goberno non sexan quen de artellar unha solución para cubrir os 400 millóns que custou comprar Novagalicia?, pregútanse moitos. Tamén o economista, que lembra que “a fortuna máis grande de España é galega e moitas veces vemos nos xornais que gasta eses cartos para comprar un edificio en Nova York”.
Porque non estamos a falar, como lembrou a oposición tamén, dos 9.000 millóns de cartos públicos que o Estado puxo en Novagalicia, senón de 400 millóns, aproximadamente o importe da Cidade da Cultura. “Denota un país desestruturado e que, ante a crise, non ten unha resposta colectiva nin tampouco por parte das súas institucións nin das súas elites”, engade.
“A fortuna máis grande de España é galega e gasta os cartos que custou Novagalicia en comprar un edificio en Nova York”
Lago aclara, no entanto, que a entrada de capital de fóra de Galicia para investir na comunidade “non é malo, nin moito menos”. O problema é cando eses investimentos “non achegan nada novo e só supoñen quedar cos bens”. En canto aos efectos para os cidadáns, tamén hai diferenzas. Non é o mesmo o caso particular dunha empresa como Barreras que os dunha eléctrica como Fenosa ou dunha entidade financeira da que son clientes o 405 dos galegos e que financia a maioría das empresas.
Agora, o proceso de toma de decisións está fóra e iso implica que estas teñan menos que ver coa realidade do país e co que este precisa. “Se a empresa está aquí, sempre tomará decisións máis achegadas ao territorio e, normalmente, máis beneficiosas”, continúa Lago, que ilustra cun exemplo. “A un empresario de Minnesotta dálle igual pechar un centro de traballo de Galicia, pero non sería o mesmo se este señor se apelidase Martínez e fose de Oleiros ou Redondela”, remata.
Ningún comentario:
Publicar un comentario