Suso de toro
Unha muller é
dona do seu corpo e non, como quere este Goberno, propiedade dun Estado
autoritario e ultracatólico
Os “Homo Sapiens” somos unha especie tremenda,
probablemente os nosos antepasados comeron outros seres humanos, os de “Neandertal”,
do mesmo xeito que agora nós comemos porcos, vacas, ovellas e demais. Por esta
parte non adoitamos comer cans nin gatos, todo é poñerse, e quen teña a man a
algún destes mamíferos, se ten un momento de atención, comprenderá que, aínda
que non falen, teñen pensamento.
Unha vaca é un animal espléndido, custa crer que alguén
que se deteña a contemplala non se admire ante esa manifestación da vida, pero
criámolas para explotalas e matalas. Somos os descendentes dos cazadores e
sabemos cómo matar. Non sabería opinar agora sobre o trato que lle damos os
humanos, concretamente na cultura occidental, aos animais. Implica demasiadas
cuestións para dar unha resposta simple, pero o debate está aberto. Polo menos
noutras sociedades onde non se alardea dos malos tratos animais nin se fai diso
patrimonio nacional.
A corrección a ese rol é o feminismo, probablemente a
transformación cultural máis radical na historia da humanidade. O feminismo
simplemente di que a muller é un espécime da especie humana, non unha res. Non
un animal para estabular, para ser explotado nos traballos polo home e para
dedicar á produción de crías.
Esa escravitude ao home vémola de forma brutal nalgunhas
formas de prostitución vixentes e, na práctica, toleradas: mulleres
secuestradas e encerradas como reses para o desafogo masculino en verdadeiros
postos de inseminación. E, aínda que máis velado, vémola tamén nas formas máis
sectarias do islamismo, do xudaísmo e o cristianismo.
Pero o avance do humanismo occidental ha ir humanizando
tamén algo o cristianismo, especialmente o catolicismo, aínda que dentro se
parapeten seitas que continúan defendendo esa concepción da muller non coma un
ser humano autónomo, senón coma unha propiedade doutros.Esas seitas integristas
están a lexislar neste momento no reino de España a través deste Goberno, que
non para de reconstruír por decreto un franquismo que regresa ás nosas vidas.
Non dialoga, non pacta e reprime a liberdade de expresión porque non é un
Goberno democrático, é sectario.
Até finais dos anos setenta, unha muller non podía abrir
unha conta corrente, pechar un contrato ou saír de España sen autorización dun
home, esa é a súa España. Pero, a pesar daqueles franquistas e destes, as
cousas foron cambiando. Cos seus graves problemas e limitacións, esta sociedade
é outra e, para a moral social actual, a muller é un ser humano completo e
autónomo con toda a súa dignidade. Para nós hoxe unha muller é dona do seu
corpo e non, como quere este Goberno, propiedade dun Estado autoritario e
ultracatólico.
O aborto e os seus dilemas é un asunto complexo, pero a
lexislación actual adecúase bastante, tanto aos problemas das mulleres
españolas como ao que pensa e sente a cidadanía. Este ministro escurantista
está a lexislar conscientemente contra as persoas que existen en nome da
ideoloxía.
Pode ser lexítimo que unha persoa decida someterse e
entregarse a outra até o extremo de permitirlle dispor do seu corpo, pode ser.
Pero vostedes non teñen dereito a dispor do corpo das mulleres ao seu antollo. Elas
teñen o dereito de ser libres e non dubiden de que lembrarán os seus nomes e
apelidos, os de quen lles quitan a súa dignidade e a súa liberdade. Vostedes
serán lembrados, pasarán á historia por moitas cousas, por iso tamén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario