martes, 10 de decembro de 2013

A trampa da Xestión Clínica (2)

Por Pablo Vaamonde 
Médico de familia


O último artigo sobre “A trampa da Xestión Clínica” tivo certo impacto. Seino porque recibín bastantes críticas e menos loanzas. Tentarei explicar máis polo miudo, nesta segunda entrega, a miña lectura dos feitos. O relato que tentei construir é o seguinte:

Estamos gobernados, aquí e en Madrid, por un grupo de liquidadores dos servizos públicos, por unha facción ideolóxica que segue con entusiasmo o credo ultraliberal e que se aplica con dilixencia no desprestixio e desmontaxe do público, coa entrega a mans privadas de parcelas de orzamento cada vez máis cuantiosas. Para este fin empregan, na sanidade, todos os medios posibles: a privatización total dos hospitais (mediante as concesións tipo PFI), a derivación masiva aos centros privados e a externalización crecente de servizos sanitarios e parasanitarios. 



Este grupo dirixente minte e  engana acotío. Romperon todas as promesas da campaña electoral. Unha vez gañadas as eleccións comezaron o seu labor de demolición. Núñez Feijóo xa advertiu que privatizaría todo o que non fose estrictamente sanitario. Pero a conselleira vai máis aló: “no nos queda otra que aplicar fórmulas de colaboración público-privada”. A utilización do BOE para publicar normas (incrustadas en leis referentes a outras materias) é unha táctica tramposa que utilizaron en diversas ocasións. Que empreguen este medio para a creación das Áreas de Xestión Clínica (AXC), coa posibilidade de laboralizar aos sanitarios acollidos ao Estatuto Marco, fai desconfiar das intencións do executivo. Nada bó están a preparar cando pretenden agochalo dese xeito. 



Alí onde aplicaron as receitas neoliberais (que comezaron hai tres décadas no Reino Unido) as consecuencias foron catastróficas para a sanidade pública e para os seus traballadores. Nas comunidades gobernadas polo PP, onde máis teñen adiantadas as medidas privatizadoras, chegaron a un severo deterioro da calidade asistencial e das condicións laborais, provocando ademáis un incremento no gasto sanitario que sitúa a esas autonomías na quebra. Os gobernantes de Galicia, a pesar das evidencias, seguen o mesmo camiño. As consecuencias para os profesionais son severas: reducción drástica dos orzamentos da sanidade, desartellamento das Xerencias de Atención Primaria, amortización de prazas, precarización do emprego, suspensión da xornada de tarde nos hospitais, exilio dos profesionais novos. Tamén a poboacion sofre as consecuencias no aumento das listas de espera e o desvío masivo cara os centros concertados. A aposta pola privatizacion é rotunda; entregaron a empresas externas a plataforma informática, a renovación tecnolóxica, a central de compras, o subministro de material sanitario etc. A proposta de creacion de AXC non é senon un chanzo máis para privatizar, neste caso, o núcleo duro dos centros sanitarios: o labor asistencial.
Feito este longo preámbulo lembremos o sucedido nestes últimos tempos:


-O goberno de Madrid publica no BOE, con nocturnidade e alevosía, unha norma que promove a creación de AXC e facilita a laboralizacion do persoal sanitario.
-O goberno galego leva ao Parlamento unha proposta para crear AXC en Galicia (que xa viñan impulsando nos últimos meses nos hospitais, sen que existise norma legal algunha). É moi probable que o PP galego impoña en Galicia os criterios propostos deste Madrid. As promesas de soberanía feitas polo seu portavoz ofrecen pouca garantía.
-Rocío Mosquera comparece diante da prensa en compañia dos conselleiros de Valencia e Madrid, máximos expoñentes do furor privatizador do PP. Afirma que é preciso modificar o sistema retributivo para vinculalo ao rendemento (facendo entender que actualmente non existe implicacion no traballo nin se conseguen obxetivos).
-Poucos días despois, en sede parlamentaria, afirma que a Consellería vai impulsar o “autocoidado” e a atención telefónica. En resumo: pechan camas, eliminan servizos, amortizan prazas, suprimen a actividade de tarde e pretenden que os pacientes se coiden a sí mesmos e, cando non cheguen, que chamen por teléfono. 

estratexia é clara (desprestixio do público, reducción dos orzamentos e da actividade dos centros, e introducción da xestión privada nos hospitais) e os actores están identificados (os actuais mandatarios do PP que, no futuro, poderán pasar, mediante a porta xiratoria, a xestionar as áreas que agora privatizan). Os perdedores desta batalla tamén son coñecidos: os profesionais (que están a perder dereitos laborais de forma acelerada) e os usuarios da sanidade pública (que ven medrar as demoras para recibir a atención e os copagamentos aos que deben facer fronte). 

A forza dos feitos é tan contundente que non podemos permitirnos o luxo de ser inxenuos nin é posible ollar para outro lado. Os partidos da oposición teñen que saír do seu letargo para tentar frear, por todos os medios, esta demolición programada da sanidade pública. As forzas sindicais deben  recuperar a belixerancia de antano  para facer fronte común diante da liquidación dos servizos públicos. De non facelo así, xa e todos xuntos, quedarán na historia como cómplices do maior ataque contra o estado de benestar perpetrado desde o poder.

La trampa de la Gestión Clínica (1): 

Ningún comentario:

Publicar un comentario