David Lombao
O modelo sanitario galego está a piques de cambiar. Farao en canto entre en vigor a Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias, que este martes foi aprobada no Parlamento só cos votos do PP e que estará en marcha dentro de, aproximadamente, dous meses. A nova normativa, que tivo enfronte durante a súa tramitación non só aos grupos da oposición parlamentaria, senón tamén a gran parte de colectivos e profesionais ligados á sanidade, é presentada como a garantía definitiva de que ninguén esperará máis do que debe para recibir atención no Servizo Galego de Saúde. Pero o seu texto abre de parte en par unha vía de transvasamento de pacientes cara á sanidade privada.
Segundo o texto avalado pola maioría absoluta conservadora de agora en diante o Sergas non demorará as intervencións cirúrxicas máis de 60 días e ninguén terá que esperar máis de 45 para unha consulta externa ou proba diagnóstica, sempre e cando Sanidade non mude estes prazos para "adecualos á realidade sanitaria" ou aos "indicadores socioeconómicos". Isto implicaría, atendendo ás últimas estatísticas oficiais, rebaixar nunha media de case 40 días a lista de espera cirúrxica e en arredor de 8 días a de consultas externas. Estas cifras permiten augurar un futuro inmediato de non cumprimento dos obxectivos marcados e aí é, precisamente, onde entra en xogo a sanidade privada.
Se a Xunta incumpre o prazo establecido pode derivar o doente a un centro privado
"No caso de que a espera prevista supere o tempo máximo establecido", di a lei, o Sergas "deberá ofertar a realización da prestación noutro centro da rede pública ou nun centro concertado". E, que pasa se o cidadán ou cidadán non desexa que o atendan nun centro privado, aínda que sexa pagado con fondos públicos? En caso de "rexeitamento do centro ou centros alternativos ofertados para a realización de asistencia", "quedarán sen efecto as garantías" establecidas na propia lei. E, se non houbo "oferta" alternativa? O doente pode ir directamente á sanidade privada e adiantar os cartos, que o Sergas "reembolsará" posteriormente.
Unha "arma de destrución masiva"
Preceptos coma estes levaron a oposición en pleno a rexeitar a norma, "unha arma de destrución masiva da sanidade pública", en verbas da voceira do BNG, Montse Prado. O seu paralelismo bélico, ao afirmar que a nova lei "impacta de cheo na cidadanía como o fixo a Lexión Cóndor [na Guerra Civil] en moitos cidadáns indefensos", valeulle á nacionalista a enésima reprimenda da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo quen, unha vez máis, deu en retirar do Diario de Sesións as verbas da oposición. "Somos todos moi pacifistas" e as palabras de Prado "atentan contra o decoro", asegura.
"Pon en igualdade de condicións a sanidade privada e a pública"
Censuras á marxe, coa súa "metáfora" Prado viña criticar que esta lei de garantías "non garante nada", agás a aposta por "poñer en igualdade de condicións a sanidade privada", que deixa de ser "subsidiaria" da pública. O sector sanitario privado, engade Eva Solla dende AGE, "aplaude coas orellas" ante a perspectiva de poder coller "os casos máis rendibles economicamente" mentres "a pública queda coas enfermidades crónicas e as intervencións máis custosas". A cidadanía, lamenta, enfróntase á "coacción" de ir á privada ou ficar sen atención "en tempo e forma", unha "barbaridade" que afonda na "progersiva perda de recursos na sanidade pública.
A oposición cre que a Xunta "coacciona" a cidadanía para ir á privada, o PP defende a "valentía" da norma
Mentres o PP defende, a través de Miguel Santalices, que este é o proxecto máis importante da lexislatura a socialista Carmen Acuña concorda, pero só parcialmente: "é o proxecto máis importante para a sanidade privada". Prometida dende hai un lustro, a norma "tomba a sanidade pública" e só "pretende privatizar e precarizar o noso sistema público". Coa folga xeral sanitaria pairando sobre o debate Santalices teima en que a normativa responde non só á liña política do PP, senón, sobre todo, ás "demandas da cidadanía".
Finalmente, os conservadores fixeron valer a súa maioría absoluta para saciar adiante "unha lei valente" que fará que "as listas de espera pasen a un segundo plano", di Santalices. Polo camiño ficou a práctica totalidade das emendas da oposición, mesmo aquelas que instaban o Goberno a non redactar a lei só en masculino e tamén as que se opuñan a que a información das listas de espera deixe de publicarse trimestralmente para facelo cada seis meses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario