mércores, 22 de febreiro de 2012

“As guerrilleiras eran mulleres cun compromiso político inequívoco”

Montse Dopico

“Os fascistas nunca nos poñerán no lugar que corresponde, sempre nos rebaixarán. As guerrilleiras eramos como todas as mulleres e nada tiñamos que ver coa imaxe que tiñan de nós. Sabiamos cal era a nosa loita. Eramos donas dos nosos actos e non tiñamos que darlle explicacións a ninguén". Quen fala así é Consuelo Rodríguez López, ‘Chelo’, unha das protagonistas do ensaio de Aurora Marco ’Mulleres na guerrilla antifranquista galega’ (Laiovento).

Consuelo Rodríguez López coa autora do libro en Ile de Ré (Francia), agosto de 2010. 
Enlace e guerrilleira do monte coa Federación



Os golpistas chamábanlles as ‘queridas’ dos ‘bandoleiros’. E exercían sobre elas unha sorte de represión que engadía á absoluta brutalidade empregada cos homes un elemento patriarcal, do que a máxima expresión era o abuso sexual. Querían escarmentar a unha caste de mulleres que desafiaban o réxime coa súa liberdade. Que transgredían o rol tradicional na que o franquismo quixera confinalas.
Chelo ía armada. Camiñaba durante horas cargada co macuto como os seus compañeiros en días de intensas nevadas
Chelo ía armada. Camiñaba durante horas cargada co macuto como os seus compañeiros en días de intensas nevadas. Vivía nos chozos da Cidade da Selva, en Casaio, no medio da precariedade. Ela e a súa irmá Antonia foran enlaces desde que os seus irmáns se botaran ao monte no 1939. E chegou un momento no que tivo que escoller entre subir ela tamén ou morrer. E historias como a de Chelo hai máis. Só que non foran contadas. A profesora Aurora Marco decidiu, entón, romper co silencio. Co esquecemento. E durante catro anos realizou unha investigación cuxos froitos recollen o libro ‘Mulleres na guerrilla antifranquista galega’ e o documental ‘As silenciadas’, dirixido por Pablo Ces.
A participación das mulleres na actividade da guerrilla, fose da natureza que fose, era un acto de resistencia política. Eran comunistas, anarquistas, socialistas, republicanas sen filiación política concreta, ou non definidas ideoloxicamente pero non dispostas a consentir coa inhumanidade que alicerzaba o réxime
Marco ten claro que a participación das mulleres na actividade da guerrilla, fose da natureza que fose, era un acto de resistencia política. Independentemente das relacións familiares e/ou sentimentais que puidesen unilas cos homes. Eran comunistas, anarquistas, socialistas, republicanas sen filiación política concreta, ou non definidas ideoloxicamente pero non dispostas a consentir coa inhumanidade que alicerzaba o réxime. O perigo que entrañaba calquera apoio á guerrilla -familias enteiras foron fusiladas por facelo- obriga a descartar, segundo a autora, a imaxe que delas quixo proxectar a ditadura, como “amantes” dos guerrilleiros. “Eran mulleres cun compromiso político, e público, inequívoco”, sinala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario