Celia Fernández
http://praza.gal/
A Eurocopa deste ano comezou co escándalo da operación Torbe e a suposta implicación no caso de xogadores de fútbol, e en especial a do porteiro da selección española De Gea. Este caso, coma outros tantos, pon de relevancia a hipocrisía que sobre cuestións como a explotación sexual ou o tráfico de mulleres existe nos medios de comunicación, a aceptación social destas cuestións en España, e o machismo inherente na comunicación en xeral e en particular na deportiva.
Falamos de aceptación social, porque a diferenza de como aconteceu en Francia co caso de Benzema (aínda non condenado e por unha cuestión diferente), no caso de De Gea a situación foi ben distinta. Aínda que temos en conta a presunción de inocencia, De Gea debería abandonar a concentración ata o esclarecemento do tema dada a gravidade da cuestión e máis coa implicación de menores.
Os xornalistas, lonxe de criticar a presenza deste xogador, aplauden, agochan, ignoran ou ata defenden e tentan desprestixiar ás testemuñas protexidas. Segundo as declaracións e mensaxes telefónicas das testemuñas (as que a policía da crédito) supostamente De Gea empregou os servizos desta rede de proxenetismo para organizar “festas” nas que presuntamente el mesmo participou. Para os medios de comunicación en España é máis castigable que Piqué defenda a liberdade das persoas para asubiar o himno español (polo que houbo debate sobre se Piqué debería abandonar a selección), que estar supostamente relacionado cunha rede de proxenetismo. Pero xa sabemos que “Spain is different”.
A hipocrisía é maior cando no grupo Mediaset levan meses cunha campaña contra a trata de mulleres e a escravitude sexual, e resulta que despois en programas como AR ou nos de carácter deportivo non só restan importancia, ademais tentan desvirtuar e desprestixiar ás vítimas. Moitos dos “opinadores profesionais” chegan a presentar ás vítimas como mentireiras ou que teñen algún interese claro en mentir, e entre os argumentos preferidos está o de prexudicar a selección española na Eurocopa, como se todo isto fora produto dun complot e non dunha investigación policial de meses.
Pero como xa dixemos os medios de comunicación colaboraron na invisibilización deste caso empregando a neolengua restando importancia ós feitos e empregando eufemismos para suavizar o tema en cuestión. Algo moi común nos medios en cuestións de xénero. Non se fala de trata de brancas ou tráfico de mulleres senón de “Operación Torbe”, non se fala de violación, senón de relacións non consentidas, non se fala de prostitución ou da presenza de menores tampouco.
Pero tampouco podemos pedir máis responsabilidade aos medios de comunicación que aos representantes políticos. O propio Ministro do Interior en funcións nunhas declaracións impresentables esperaba que este caso “non teña efecto no rendemento da selección na Eurocopa”.
Pero nesta crítica sobre os medios de comunicación non podemos deixar de falar da prensa deportiva, que parece vivir nunha realidade paralela illada de calquera avance na igualdade de xénero. Prensa na que moi a miúdo non se respecta nin a mínima corrección política respecto destas cuestións, exacerbando nos comentarios e nos guións o sexismo, a cosificación da muller coma mercadoría, ou a reprodución de estereotipos cunha naturalidade abafante.
Aínda está na nosa memoria o caso de Rubén Castro, hoxe con condena en firme por violencia de xénero, no que puidemos observar o mesmo proceso na comunicación da cuestión con eufemismos, ou tentando desprestixiar á vítima, restando credibilidade ao seu relato. Tamén falamos da presenza constante dos chamados “micromachismos” en forma de chistes ou “sexualizando” a compañeiras e deportistas. O xornalismo deportivo normaliza a subordinación da muller, reproduce a “mística da feminidade” a través de estereotipos de xénero trasnoitados propios dunha tasca escura de séculos pasados.
Os medios de comunicación son unha institución de socialización secundaria de importancia vital polo seu carácter masivo, e polo tanto pola capacidade que teñen para transmitir e reproducir metamensaxes que son interiorizados nese proceso de socialización e polo tanto interiorizados como parte da “cultura”. Cultura entendida como todos aqueles elementos que conforman o xeito de entender o noso entorno, o modo de proceder e as interaccións sociais, incluíndo as relacións de “poder” entre homes e mulleres.
Empregar no cotián a través dos medios unha linguaxe sexista ou non inclusiva, aceptar ou restar importancia social a feitos coma a Violencia de xénero, reducir a estereotipos ás profesionais, deportistas o en xeral ás mulleres, favorece a permanencia do actual sistema sexo- xénero sustentado no patriarcado tradicional. Os medios de comunicación social teñen unha responsabilidade e un papel importante na construción dunha sociedade máis igualitaria, máis democrática e sen machismo.
"A longa escravitude das mulleres é a páxina máis negra da historia da humanidade". (Elisabeth Cady Stanton, sufraxista estadounidense).
Ningún comentario:
Publicar un comentario