xoves, 19 de marzo de 2020

5º día

5º día de confinamento, mantemos constantes vitais agardando que esa curva tenda a aplanarse...
Antes cavilaba mentres o semáforo cambiaba a verde, debo seguir.
Agora a cavilación é de terraza, bendita terraza (aínda que unha cadela...), temos tantas terrazas como tipos de persoas, hainas cheas de cachifallos que non saben da utilidade, as de coidados e coloridos xardíns onde coros de paxaros amenizan o silencio, maioría son as dos tendais, outras improvisan zona de lectura almorzos e cea, as que amosan bandeiras, as que amparan reivindicacións, as das palmas ou caceroladas... Con todo tipo de vistas, o veciño ou veciña cachas de enfronte, as que miran o parque desde onde escoitar a banda sonora infantil, as de patio onde murmurar as miserias alleas. Debo seguir.
Recluído trala varanda indiscreta, pregúntome polos círculos cércanos... si, primeiro persoas, logo as empresas e se tal o sistema financeiro, ninguén poderá salvarse se non se salvan todas... Estar recluídos pode que nos sirva para recuperar recordos e afectos, para querernos un pouco máis, para vivir máis a modiño, para gozar da vida e coidarnos máis. Debo seguir.
Boto en falta as carreiras por corredores de fluorescentes... dunha sanidade pública á que hoxe, cada noite aplaudimos dende as nosas terrazas. Una sanidade pública repleta de pequenas e constantes loitas, duns profesionais solidarios e xenerosos, que seguen loitando a pesares de recortes e atrancos, que nunca se resignaron, que seguen tecendo redes de solidariedade e coidados coa naturalidade, espontaneidade e gran xenerosidade cos caracteriza.
Que sería da loita contra do coronavirus cunha sanidade privatizada e baleirada con único obxectivo o beneficio empresarial?
Animo compañeiros! Debemos seguir.
O impacto da pandemia global sobre a economía pode ter efectos negativos que a súa vez incidiran sobre un próximo brote. A pobreza é un factor que favorece a expansión de moitas enfermidades. Nalgunhas das grandes cidades dos países menos desenrolados, conviven millóns de persoas sen vacinar, sen acceso a unha sanidade adecuada, auga potable ou sumidoiros. Ese ambiente é un caldo de cultivo perfecto para a aparición de enfermidades que logo poden chegar ó resto do mundo. Debemos seguir.
Tocounos vivir unha situación excepcional, pero isto non pode impedir que fagamos deste momento único, como de calquera outro, porque a globalización e súas consecuencias non van deixar de existir e as persoas esperemos que tampouco... o sitio máis seguro agora mesmo é o domicilio, quedar na casa. That's the Spirit!
Con esperanza

Ningún comentario:

Publicar un comentario