luns, 10 de febreiro de 2020

Aurora Sola: “A xente do rural non está disposta a perder máis servizos”

Aurora Sola Sanidade


PABLO SANTIAGO


Entre as 12 e as 14 horas do 17 de decembro, escoitáronse desde o Parlamento os berros de centos de persoas. Malia que os deputados e deputadas do Partido Popular estaban no edificio e os berros ían cara a eles, non saíron. Mais tiveron que aguantar e escoitar. Ao redor dun milleiro de persoas procedentes de Verín, do Salnés e doutros puntos de Galiza rodearon o Parlamento galego esixindo que a Xunta deixe de desmantelar os hospitais comarcais. Os últimos servizos pechados foron as urxencias pediátricas e a sala de partos do Hospital de Verín.
Un mes despois, o 18 de xaneiro, o SERGAS recuou e anunciou que cubrirá as dúas prazas de pediatría e reabrirá o paritorio.
Ese día falabamos cunha das activistas en defensa da sanidade pública da comarca de Monterrei, Aurora Sola.

Nas mobilizacións facedes fincapé na mala situación dos servizos sanitarios no rural. Credes que hai unha intención política de desmantelar os hospitais comarcais?A decisión do Partido Popular de desmantelar os hospitais comarcais é evidente. O que se pretende é rendibilizar os hospitais das cidades á conta dos desprazamentos da xente do rural.
Di Feijóo que non hai pediatras, sen dar máis alternativa. É certo?Nun principio dixeron que pechaban por seguridade, incluso dixeron que por falta de nacementos, que os profesionais perdían a técnica... Todo responde a non ter argumentos. Eles desexarían pechar o hospital sen máis e dixeron o dos pediatras como podían dicir outra cousa, pero o único motivo é seguir coa estratexia de desmantelar os hospitais das comarcas para atender nas cidades. Eles que tanto defenden as potencialidades da Galiza baleirada, van provocar que en moitas comarcas non haxa xuventude. Se non hai servizos, quen vai quedar nas vilas?
Feijóo defende que a súa dona quixese parir nunha privada, nós queremos que as nosas mulleres pairan onde queiran
Estades demostrando que no rural, cando vos tocan, reaccionades. A Xunta confiaba en que ficarades caladiñas?A Xunta non contaba con esta reacción, pensaban que despois da manifestación todo ía ficar como estaba pero non se deron conta que ficou o máis sagrado, que son os nenos e as futuras nais. A xente de Verín e do rural dixo basta e xa non está disposta a perder máis servizos, de feito esiximos a reapertura do paridoiro e das urxencias pediátricas, pero tamén un servizo de dermatoloxía, paliativos, dotar de máis internistas... Non é casualidade que haxa tanta xente na rúa, a xente estaba xa moi farta co desmantelamento do hospital comarcal de Verín.

Diciades nun manifesto: “Nacemos onde queremos e despedímonos onde desexamos”.Igual que Feijóo defende que a súa dona quixese parir nunha privada, nós queremos que as nosas mulleres pairan onde queiran, que poidan parir no seu hospital comarcal. Aquí hai un hospital que contaba cuns servizos e uns profesionais de calidade, tamén no paridoiro. Non hai xustificación para isto.

Ata cando pensades seguir pechadas no hospital de Verín?O peche vaise manter. Levamos dezaseis días pechadas, por quendas, e imos seguir pechadas e mobilizándonos de diferentes xeitos, indo aos plenos, manifestándonos... Pouco a pouco.

*Esta entrevista foi publicada na revista do Salto de xaneiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario