sábado, 21 de setembro de 2019

Entre cines: Emilio Baños, Arturo e Cesáreo González




Ana Cermeño

Na casa non se mercaban caramelos, pero eu sabía do agocho onde coller un de cando en vez. Ao saír da escola, moitas tardes, quedaba a cargo da porteira Angelita ata que a miña nai volvía dos recados. O baixo do edificio no que viviamos era o almacén da distribuidora de cine Baños Films, de Emilio Baños, e alí custodiaba as cintas un home cuspidiño a Allan Thompson, o contramestre do mercante Karaboudjan das aventuras de Tintín. Naquelas tardes de portal eu asomaba a cabeza polo almacén e, sempre curiosa, lía os títulos nas latas de película ás que chegaba coa vista. O Allan deste filme, home serio e ben coñecido polos veciños, deixábame pasar coa condición de non tocar nada. Enriba da mesa gardaba un bote de caramelos que eu miraba larpeira. «Escolle un, pero pensa ben cal queres, porque só podes coller un». Ese par de minutos que me duraba a lambonada na boca era xusto o tempo que tiña para ler os títulos; cando se consumía, mandábame de volta con Angelita.


Allan Thompson, un dos personaxes de serie As aventuras de Tintin. Na súa primeira aparición, en El cangrejo de las pinzas de oro é o contramestre do mercante Karaboudjan.

Baños Films foi o meu primeiro contacto coas películas. E cos caramelos. O vigués Emilio Baños pasou a vida ligado ao cine: representante de actores, asesor en cintas rodadas en Galicia… Comezou o seu negocio en 1953 como distribuidor dun lote de catro títulos que lle cedeu o ourensán Arturo González, de Regia Films. Arturo e Cesáreo González foron pioneiros na distribución e produción: dous irmáns de Nogueira de Ramuín que fixeron máis polo cinema galego que todas as campañas institucionais xuntas.


Emilio Baños.

No catálogo de Arturo González había títulos tan diferentes como El bueno, el feo y el malo (1966), de Sergio LeoneMaruxa, a historia duns pastores galegos dirixida en 1968 por Juan de Orduña; a multipremiada Españolas en París (1971), con Ana BelénLaura ValenzuelaEnma Cohen e José Sacristán; ou o policial estadounidense French Connection (1971). As súas películas empezaban coa cruz da Orde de Santiago seguida da lenda: «Arturo González presenta». Daquela, para min esa cruz era a das tortas de améndoa de Santiago, e por iso sorría ao ver no cine algo tan familiar. Co tempo, a cruz dos filmes de Regia Films aparecía no escudo dun cabaleiro ao galope vestido de branco que daba paso ás letras de Arturo González a toda pantalla.

https://luzes.gal/wp-content/uploads/2019/04/videoplayback-1.mp4?_=3
https://luzes.gal/wp-content/uploads/2019/04/videoplayback.mp4?_=4

Máis me facía vibrar na butaca a cabeceira das películas de Cesáreo González, as de Suevia Films: un fermoso plano da ría de Vigo sobre a que ondeaba a bandeira da cidade. Cesáreo era un afeccionado ao cine que decidiu investir na produción da comedia El famoso Carballeira (1940), aventura romántica dun conserveiro galego que casa cunha aristócrata. Prestoulle e deixouse convencer por Florián Rey para meter un millón de pesetas en ¡Polizón a bordo! (1941), unha cinta que tocaba o tema da emigración, que Cesáreo vivira. A experiencia foi tan boa que aquel mesmo ano fundou Suevia Films, produtora coa que emocionou contándolles historias aos emigrantes galegos, sen deixar de financiar títulos imprescindibles como Muerte de un ciclista (1955) e Calle Mayor (1957), de Juan Antonio Bardem. Contratou a grandes daquel tempo, como a mexicana María Félix e a popularísima Lola Flores –con quen asinou un contrato por cinco películas–, pero tamén a outros que comezaban coa etiqueta de prodixios, caso de Joselito e Marisol. Nos anos 50 era o empresario cinematográfico máis importante do país e o seu nome ocupaba as pantallas das salas de Bós Aires, Nova York, México e París. O seu último proxecto xuntouno con Luis García Berlanga en 1968, para rodar catro películas que xa non puido producir.


Cesáreo González xunto a Lola Flores, Carmen Sevilla e Paquita Rubio en El balcón de la luna (1962).
Cesáreo González con Joselito e Marisol.

Estaba a ler sobre Emilio Baños e descubro que comezou no cine Fraga de Vigo vendendo caramelos. Se cadra por iso no seu almacén de películas gardaba aquel bote grande. Se cadra por iso sabía o valor de elixir, de ensinarme a escoller só un con moito mimo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario