Miguel Cabo Villaverde,
Lourenzo Fernández Prieto
Xosé Ramón Veiga Alonso
A historia que lembramos e nos lembran comezou o 15 de xuño de 1977, votando homes e mulleres maiores de 21 anos. A historia, máis ou menos coñecida, ten un fito moi recoñecido: o de 1933, coa traballada conquista do sufraxio feminino que, por certo, no Estado español se logrou ben antes que en Francia ou Italia. A historia pouco coñecida remóntase a 1868 co sufraxio universal masculino. Pero hai unha historia descoñecida –máis que a Idade do ferro– que comeza hai pouco máis de douscentos anos. Moi do gusto español esquecer o século XIX para remontarse a Atapuerca.
O 19 de novembro de 1933 celebráronse as primeiras eleccións xerais co sufraxio feminino en España. A revista Estampa publicou daquela unha reportaxe sobre como se votaba en municipios pequenos, afastados das grandes cidades.
O afouto liberalismo revolucionario español (1810-1875)
A historia electoral ata a implantación do sufraxio universal masculino do Sexenio Democrático, resúmese nun inicio no que todo deus (logo explicámolo) ten dereito de sufraxio, segue cun up and down (5% da poboación en 1844 ou 1854 VS. 0,8% en 1846) e remata no punto medio, cun 2,6% da poboación con posibilidade de votar en 1866. A historia do voto reflicte con xeito un período que alborexa cunha intensa mobilización popular revolucionaria en 1810 e logo deriva nunha posrevolución flutuante entre gobernos e leis electorais de moderados e progresistas que, no medio, olla o desenvolvemento dun terceiro en discordia representado por unha unión liberal responsábel da reforma de 1865 que produce ese 2,6%. Poucos votan nesa fórmula de sufraxio censatario liberal, non si? Mais que nos di a historia comparada? Pois que estas porcentaxes aturan ben a comparación cos principais países europeos e que mesmo vencen aos puntos.
Na Francia de 1831 ou 1846 tiña dereito a voto entre o 0,5 e o 0,7% da poboación, no Reino Unido de 1832 a porcentaxe sobe ao 3,3%, mais no neonato Estado dos belgas só o fai na mesma data o 1,1%, e no veciño Portugal aínda en 1845 non chegaran ao 1%. O caso francés, co establecemento do sufraxio universal masculino logo de 1848 (algo trampulleiro: usouse nos plebiscitos, mais nas eleccións ordinarias a teórica universalidade caía entre un 30% e un 70% polas condicións de residencia esixidas), lonxe de ser o modelo a seguir foi a excepción, e xa que logo apenas serve como criterio de comparación.
No segundo terzo do século XIX pouco se avanza en Europa; de fixármonos en Bélxica (1,8% en 1865), Italia (2,2% en 1861), nos Países Baixos (2,7%, en 1870) ou Portugal (menos do 2%), ese 2,6% hispano de 1866 non desentoa ren. Valorar o 10% do Reino Unido de 1868 esixe, para non facer trampas, ter en conta que aquí o voto seguía a ser público, o que supoñía un condicionamento importante por máis que os seus defensores o presentasen como expresión da franqueza british (os radicais cartistas non pensaban igual: un dos puntos da súa Carta foi sempre o voto segredo). O que realmente diferenza os ingleses –o seu Brexit no sufraxio–, non é ese 10% senón a xenerosa socialización pública das contendas electorais, con meetings e confrontacións públicas de candidatos case descoñecidas noutros lares.
Nos comicios de finais de 1821 os 16 deputados por Galiza elíxenos, xuntiños na Coruña, só 43 compromisarios
Mais todo o anterior apenas supón rabuñar nunha parte da historia, pois o realmente importante é saber o que facían co seu voto os privilexiados (só homes), así como valorar a resposta ás presións que lles chegaban para dirixir a papeleta en determinado sentido. Votar, desde as seminais eleccións de 1810, sempre foi un xogo de forzas e intereses no que, en orixe, interviña o mesmo deus (de aí o comezo deste relato): non outra cousa significaba a man inocente que, entre os tres candidatos finais, sacaba ao elixido, unha sorte de ordalía xustificada na intervención da vontade divina que algúns, como o liberal Valentín de Foronda residente na Coruña, criticaba por ser o chou o que ao final decidía.
Nas eleccións de 1810, 1813, 1820 e 1821, a lexislación que se aplica define un sufraxio universal masculino, mais indirecto en varios chanzos, que nos remite na súa fasquía ás fórmulas de primarias e caucus que asociamos á tradición norteamericana cando, en realidade, están reflectindo a precocidade e continuidade dunhas prácticas que, en orixe, se partillaban a ambos lados do Atlántico. O conto era así: os veciños varóns maiores de idade e con casa aberta, elixen nas parroquias os seus compromisarios, un proceso que se repite nos seguintes niveis electorais coa correspondente xibarización no número de electores até derivar en que, por exemplo, nos comicios de finais de 1821 os 16 deputados por Galiza elíxenos, xuntiños na Coruña, só 43 compromisarios.
Os resultados amosan que, cunha lexislación semellante, a clave dos resultados está nos intereses e nas influencias que turran no proceso. Por iso, nas eleccións de 1813 eclesiásticos e realistas mobilizados logo de verlle as orellas ao lobo coa lexislación gaditana, case fan pleno ao sacar 15 deputados da súa corda dos 16 que corresponden a Galiza (curiosamente, a ovella fóra do carreiro por liberal foi… un crego), no en tanto que nas de 1821 todos os deputados, sen excepción, resultan liberais. En 1813, os contrarios á obra de Cádiz botan man do seu capital relacional e acadan, dende as eleccións parroquiais, compromisarios a prol dos seus principios que se reproducen nos seguintes chanzos do proceso, cos constitucionais na inopia confiados na bondade das súas ideas; en 1821 uns liberais xa avisados fan o propio e, ademais, inauguran unha estratexia chamada a converterse en clásica: pór os recursos administrativos no proveito dos seus candidatos.
Óleo de Salvador Viniegra, pintado en 1912, que recrea o momento no que as Cortes de Cádiz promulgan a Constitución de 1812, «A Pepa». (Museo Histórico Municipal, Cádiz).
O período que vai do Estatuto Real de 1834 (unha lei electoral «para la convocación de las Cortes Generales») a 1868, contén varias lexislacións electorais diferentes, todas con sufraxio censatario masculino, directo e en xeral con distritos de deputado único, que explican os abaneos porcentuais verbo do corpo electoral. Unha análise simple e simplista, pero moi estendida, ao constatar que as eleccións gáñaas o goberno que as convoca, deduce a presenza dunha maquinaria que pon e quita deputados segundo os desexos do goberno de quenda, sen capacidade civil de réplica. Á marxe doutras consideracións, esa ollada ignora as complexas negociacións que entre os ministros da Gobernación encargados do tema electoral e os notábeis (os poderosos, «influentes», os «amigos», os «caciques» se se quere) dos diferentes distritos, se tecen para acordar candidatos do agrado das dúas bandas.
O goberno dispón dos seus recursos, cada vez máis, pero como viñan dicir uns electores do Valadouro: nós non somos uns pobriños que poidades asoballar (que para iso pagaban, como mínimo, 400 reais en impostos), afirmando que lles sobraba «independencia para apoiar candidatos diferentes aos patrocinados polo goberno». O mesmo viña dicir un votante soriano ao falar de que as palabras ían para o gobernador (o Estado) e os votos para o bispo (o notábel local). Así, un recordman de reeleccións consecutivas, o cordobés Martín Belda (dez veces elixido entre 1846 e 1868), confesaba que o segredo do seu éxito estaba en atender os seus votantes, «ya promoviendo sus intereses locales, ya los particulares de cada uno».
O ideal –a proba do algodón dos gobernadores civís–, era atopar individuos «arraigados» no distrito e, ao tempo, predispostos a apoiar o goberno, algo non sempre doado. E a clave para manter unha boa relación entre uns e outros, os favores e servizos, particulares ou derivados dun emprego privativo de bens públicos, que garanten a continuidade das adhesións clientelares (ou como mínimo, xeran a expectativa, a esperanza, dunha recompensa futura). Fraude había nas listas electorais manipuladas, nos mortos que votan ou no «pucheirazo», mais tamén corrupción con votos intercambiados por favores (ou directamente mercados), unha fórmula que, estilizada ao pasar dos agraviantes beneficios particulares a uns colectivos máis presentábeis, e mediada por formulacións ideolóxicas e pola imprescindíbel ampliación do sufraxio, estará nos alicerces da progresiva democratización do sistema, aínda que soe mal escoitalo. Pero esa xa é outra parte da historia.
Xura da Constitución pola raíña rexente María Cristina en 1897 (obra de Jover Casanova e Sorolla y Bastida. Fondo: Senado).
Aínda que outra volta efémero, o seguinte chanzo no avance do sufraxio universal (masculino) deuse na Revolución «Gloriosa» de 1868, que puxo fin ao reinado de Isabel II. O Goberno provisorio liderado por Prim convocou eleccións a unhas Cortes constituíntes nas que puideron votar todos os maiores de 25 anos, independentemente do seu nivel de contribución. Aquel dereito democrático que estendía o sufraxio á cidadanía (masculina), deixaba atrás o modelo de eleccións censatarias anteriores, e quedou establecido na Constitución de 1869. A evolución do Sexenio democrático que empezara rematou nunha ditadura republicana, en 1874, cun xeneral Serrano equiparable ao Presidente MacMahon que aniquilou a Comuna de París.
Agroman agora as primeiras experiencias de socialización popular do proceso electoral que non deixaron de causar inquedanza naqueles afeitos a traballar con electorados pequenos e homoxéneos
O máis interesante desta etapa está nas lóxicas tensións que introduce o sufraxio universal masculino que, se dunha banda permite resultados tan impresionantes como as máis de 20 capitais de provincia con maioría republicana nas municipais de decembro de 1868 (na onda mobilizadora das xuntas revolucionarias), doutra contempla tamén a continuidade das clásicas manobras de intromisión electoral gobernamentais no proveito dos seus candidatos, evidentes por exemplo nas organizadas por Sagasta en 1872. O brutal incremento do electorado, sumado á axitada conxuntura do Sexenio, obriga a rápidas readaptacións da aprendizaxe electoral iniciada en 1810.
A merca de votos ou as presións aos economicamente dependentes desenvólvense con intensidade, mais tamén agroman agora as primeiras experiencias de socialización popular do proceso electoral que non deixaron de causar inquedanza naqueles afeitos a traballar con electorados pequenos e homoxéneos. Como deixa dito con temor un axente electoral lugués, das loitas contra as quintas e os consumos «algo queda» nas urnas. A votar e a valorar a forza do sufraxio apréndese nun proceso cheo de impurezas, sen liñas rectas, sen camiños empedrados e con moitos imprevistos á volta de cada esquina que as elites políticas do intre non tiñan claro poder manexar, e de aí súa aposta pola volta ao máis manexable sufraxio censatario a partires das eleccións de 1879.
Longa continuidade da Restauración á República (1876-1936)
En 1876 restaurouse a monarquía borbónica e a vida electoral –coa volta do sufraxio restrinxido– retomou durante década e media algúns patróns anteriores ao Sexenio: reparto dos escanos agora entre dous partidos da quenda, restrición do dereito de sufraxio a unha minoría considerada capacitada, ausencia de neutralidade dos órganos administrativos… Todo isto no marco dun territorio dividido en distritos uninominais, agás algúns urbanos (A Coruña e Lugo, no caso galego). A lei electoral de 1890 supuxo un cambio fundamental ao restablecer o sufraxio universal (masculino), un dereito con potencial dabondo para alterar o xeito de exercer e entender a política pero que non tivo efectos de envergadura ata que se combinou con outra corrente de fondo da Galicia da época: a mobilización asociativa, vencellada ao agrarismo, ao obreirismo, á acción dos emigrados, ás actividades de ocio, da cultura, o deporte e un longo etcétera. O xurdimento das primeiras sociedades agrarias no litoral pontevedrés e ferrolán na derradeira década do XIX tivo moito que ver coa transcendencia que gaña o voto dos labregos, revalorizado polo seu peso numérico mais condicionado por mecanismos de dependencia (usura, foros, etc.) ou mediación cos que o movemento agrarista buscaba rachar e superar.
A expansión do agrarismo deuse, a partir de 1907, con organizacións que aspiraban a actuar na escala galega (Solidaridad Gallega, Unión Campesina, Directorio de Teis, Acción Gallega). Foi tamén ese o ano en que o reformismo conservador de Maura se plasmou na lei electoral de 1907, encamiñada na teoría ao «descuaje del caciquismo». Entre as súas cláusulas, dúas contraditorias: o voto obrigatorio (art. 2), que buscaba fomentar a participación e a conciencia cidadá, e o famoso artigo 29, que establecía que cando nun distrito houbese o mesmo número de candidatos que de postos a cubrir a proclamación fose automática. O artigo 29 atopou chan fértil en Galicia, onde chegou en ocasións a aplicarse a case o metade dos deputados electos e ata acabou facéndose un oco de honra no refraneiro coa famosa expresión «o carallo 29».
Nunha significativa minoría de casos a aplicación do «carallo 29» non debe interpretarse como síntoma da fortaleza caciquil, senón da súa debilidade
Tal éxito converteuno a ollos dos observadores na proba da idiosincrasia caciquil de Galicia. Os trucos dos grupos locais de poder –liberais e conservadores– para impedir a presentación de candidaturas hostís e lograr sacar os seus «polo carallo 29» deron lugar a un anecdotario infinito: xuntas electorais reunidas ás agachadas, reloxos coa hora adiantada para que expirase o prazo, coaccións… E, con todo, nunha significativa minoría de casos a aplicación do 29 non debe interpretarse como síntoma da fortaleza caciquil, senón da súa debilidade: ameazados polo fortalecemento de opcións alternativas, normalmente de base agrarista, os poderosos deberon pactar con eles e cederlles a entrada nas corporacións municipais a cambio de non presentar candidatos a Cortes.
A proliferación de asociacións combinada co sufraxio universal masculino derivou nun proceso de alta socialización na política, coa celebración de campañas electorais dignas dese nome (mitins, programas…) que ademais amplificaban o seu alcance a través da vizosa prensa local. O dereito de voto, concibido desde a teoría política liberal como un dereito estritamente individual, por mor das características da Galicia rural da época acadou unha fasquía comunitaria. Non foi infrecuente que as sociedades agrarias decidisen en asemblea previa o sentido do voto, acudisen en procesión á mesa e depositasen a papeleta en grupo, con escaso respecto (aparente) para un segredo do voto a penas protexido pola normativa vixente, podendo mesmo multar ou expulsar aos que non respectasen a consigna establecida.
A violencia ao redor dos actos electorais choca a un observador contemporáneo, pero a historiografía coincide en interpretala como un signo de debilidade das forzas de quenda: o recurso á coacción física era o derradeiro chanzo, cando desafíos con forte arraigo social xa deixaban de funcionar. Aínda que sexa paradoxal, a politización da sociedade na Restauración tivo moito que ver tamén coa habilidade coa que os grupos de poder souberon imitar os métodos dos seus adversarios, creando sociedades afíns, cabeceiras de prensa que enfrontasen as campañas de republicanos ou agraristas e complementando a lóxica do favor persoal, insuficiente en tempos de sufraxio universal, coa do ben colectivo (obras públicas, medidas de cambio técnico na agricultura…).
A ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) supuxo unha paréntese na dinámica electoral, non sendo polo simulacro de plebiscito (1926). Pero curiosamente, sería a Ditadura a que faría a primeira concesión ao sufraxio feminino, recoñecido nos Estatutos Municipal (1924) e Provincial (1925) impulsados por Calvo Sotelo. As eleccións municipais eran unha longa e demorada eiva á que o liberalismo hispano non lograba poñerlle remedio dende as disputas entre progresistas e liberais nos albores do século XIX.
Como é ben sabido foron unhas eleccións locais, en abril de 1931, as que desembocaron na caída da monarquía. Fuxido o Rei, o goberno provisional ordenou repetir os comicios alí onde se impuxeran candidaturas monárquicas (en moitos casos na derradeira aplicación do infausto 29). Agás uns poucos concellos en 1933, xa non habería máis eleccións municipais durante toda a República, compensadas con xestoras nomeadas desde os gobernos civís en aplicación dunha lóxica partidista en outubro de 1934 e doutra diferente tralo trunfo da Fronte Popular. Inutilizouse deste xeito unha vía primordial para a aprendizaxe democrática.
Nas eleccións a Cortes, o desexo de distanciarse do sistema restauracionista e de que primasen as ideas sobre as personalidades levou á opción polas circunscricións provinciais con listas abertas. A socialización na política democrática acelerouse, malia a continuidade de todas as impurezas dos procesos electorais, que non se poden nin agochar nin esaxerar. Algunhas estaban causadas porque os antigos opositores ao sistema restauracionista non eran necesariamente inmunes a caer nas mesmas tentacións cando eran eles os que tiñan o control dos resortes de poder. Outras debíanse en cambio ao fervor e as esperanzas que se depositaban na política como instrumento para levar á práctica as esperanzas de amplos colectivos sociais que agora tiñan plenamente voz e voto nos asuntos públicos a imposición. O grao de politización, mobilización e conflitividade acadou nos anos trinta niveis semellantes aos doutras democracias europeas e americanas. A diferenza veu do golpe de 1936 e, sobre todo, da posterior e anómala supervivencia do franquismo despois de 1945 que puxo fin a unha traxectoria que, ata ese momento, pouco diferira da seguida na maior parte de Europa.
Con Franco votabamos mellor!
O franquismo, declarado como réxime totalitario polo ditador antes de que a previsible derrota dos seus socios e inspiradores na II Guerra Mundial o levaran a inventarse a nominal democracia orgánica, non tiña previsto votar como pode supoñerse dun réxime nacido dun golpe de Estado (xullo de 1936) contra o resultado dunhas eleccións (febreiro). Precoz en tantas cousas, tamén o foi no uso do referendo como medio de lexitimación que, despois dunha persecución kafkiana e unhas matanzas identificables como «holocausto español», só podía saír ben para un réxime orwelliano que convertera o territorio español nunha inmensa cadea. En 1947, en pleno xuízo de Núremberg e coas Nacións Unidas que gañaran a guerra a Alemaña, Italia e Xapón discutindo sancións, peche de fronteiras e retiradas de embaixadores, o franquismo convoca o referendo para aprobar a Ley de Sucesión en la Jefatura del Estado. É dicir, para converter España nunha monarquía en diferido.
Toda a coalición gañadora da guerra en 1939 mobilizouse como un só home a prol daquel referendo. Foran falanxistas, católicos conservadores, monárquicos arrepentidos, alféreces provisionais ascendidos ou carlistas recalcitrantes, íalles a vida polo sangue derramado, á Igrexa e todos os seus ministros tamén. O resultado non podía ser outro que o que foi: a favor 12.628.983 (89% dos votantes) en contra 643.501 (11%). E así ata o final: o referendo para aprobar a Ley para la Reforma Política de 15 de decembro de 1976; polo medio democracia orgánica, Cortes corporativas a partir de 1943, para as que se sometía a elección un terzo chamado familiar. Municipais dende 1948, co mesmo sistema de terzos.
Cando despois da derrota dos fascismos todo o mundo democrático experimentaba a explosión do sufraxio universal masculino e feminino e un boom económico, no Estado español construíase un sistema trucado e caciquil de coacción. Paradoxalmente, a primeira historiografía democrática atribuirá esas prácticas vividas e coñecidas directamente non ao franquismo, senón á herdanza histórica do liberalismo decimonónico e da Restauración e mesmo buscaría en pasados remotos o que o franquismo construíu ex-novo.
Cando a memoria é tan potente a historia ten aínda moito que indagar sobre as eleccións no franquismo, e as rupturas que os máis novos –axiña opositores– abriron dende os anos sesenta dentro do réxime en Cataluña ou no País Vasco e Navarra, mesmo en Madrid. En Galicia menos: a consigna familiar de non significarse era unha lancha de salvamento doméstico botada nos estaleiros das matanzas discriminadas de 1936 e 1937. Conta un dos nosos pais, nomeado vocal dunha mesa electoral para unhas eleccións ao terzo familiar a mediados dos anos sesenta no concello de Narón, como a mesa recibiu a visita do alcalde para explicarlles –«cun mitin falanxista»– cales dos candidatos ían saír elixidos. E nótese que todos os candidatos xa eran do réxime.
Cando o franquismo quixo renovarse facendo o seu terceiro referendo (o citado da Reforma Política) demostrou que a súa sucesivamente renovada maquinaria seguía intacta e por iso a Lei tivo 16,5 millóns de votos a favor (un 94,17% que melloraba o de 1947 e só quedaba algo por baixo do 95,6 de votantes a favor do Referendo da LOE de 1966). Coitado franquismo. Aquilo foi un espellismo de tal calibre que o que pasou seis meses máis tarde –as eleccións de 15 de xuño de 1977– aínda non acabou de ser entendido nin explicado polos protagonistas nin polos seus herdeiros. Os 16,5 millóns de votos logrados a prol da reforma franquista minguaron ata os 7,8 millóns para un franquismo repartido entre a minoritaria AP e unha UCD que mesmo incorporaba antifranquistas. O resto, e polo tanto a maioría dos votos, foi parar á esquerda 7,8 –con claro dominio do PSOE– e os nacionalistas –vascos, cataláns, canarios– 1,1 millóns.
Ben sabemos que o relato da Transición vén sendo outro. Pero vistos os resultados o certo é que a xente –a cidadanía– cando puido votar outra vez –non por primeira vez–, con capacidade para elixir entre varias opcións, mesmo nunha liberdade relativa e con partidos aínda ilegalizados, sen igualdade de acceso aos medios e recursos públicos e co franquismo do Movimiento controlando todo o aparato do Estado –non só os gobernos como antes de 1936– demostrou de sobra que sabía que facer co voto. Pode que votase coa memoria da guerra e co medo do golpe pero tamén con moita bagaxe electoral herdada.
A demoscopia de 1977, aínda ao servizo case exclusivo do Réxime non o prognosticou e a Ciencia Política nunca o explicou. Non todo foi doado, o franquismo saínte en demócrata popularizou daquela o seu particular concepto de voto «libre e secreto» convencendo –presionando?– a moitos votantes de que o voto era un segredo tan secreto e non se podía –estaba prohibido– dicir. Outro axuste máis dos poderosos aos efectos do sufraxio universal no longo decorrer dos tempos.
Todo o que pasou despois non imos contalo pero non está de maís repararmos na capacidade de uso do voto dos nosos devanceiros. A súa práctica creou cultura familiar e retranca política e por iso nunca quixeron desenganar os mozos, actores da Transición, que seguen convencidos de que nos trouxeron a primeira democracia.
Miguel Cabo Villaverde, Lourenzo Fernández Prieto e Xosé Ramón Veiga Alonso
Os autores son profesores do Departamento de Historia da Universidade de Santiago e investigadores do Grupo HISTAGRA.
Ningún comentario:
Publicar un comentario