xoves, 23 de agosto de 2018

Galicia rexistra novos casos de silicose todas as semanas

A doenza, que non ten cura nin tratamento específico, prodúcese pola contaminación con pó de sílice que sofren os traballadores da lousa e o granito
Manuel Rey
https://www.gciencia.com/


Explotación de carbón a ceo aberto, onde era habitual que se produciran casos de silicose. Imaxe: Jennifer Woodard Maderazo - CC BY 2.0.
Ao comezo, o po de sílice é un inimigo invisible. A través das vías respiratorias entra no corpo e, paseniño, vai invadindo os pulmóns, xerando unha pasta mesta e tóxica. Cando o afectado empeza a sentir que algo vai mal (falta de aire, tose persistente, fatiga, malestar xeral) xa é tarde; a silicose é irreversible e, no mellor dos casos, lastrará aos doentes de por vida. Non hai unha cura ou tratamentos específicos, alén do subministro de osíxeno, os medicamentos contra a tose, os broncodilatadores e os antibióticos contra as posibles infeccións pulmonares.
Pulmón dun mineiro afectado por silicose e tuberculose. Imaxe: Museo Vasco de Historia da Medicina e as Ciencias.
Pulmón dun mineiro afectado por silicose e tuberculose. Imaxe: Museo Vasco de Historia da Medicina e as Ciencias.
A enfermidade asociouse, sobre todo, coa minaría de carbón en Asturias. Chegou a ser unha auténtica epidemia, con preto de 600 mortos todos os anos durante os anos 60, segundo datos do fondo de compensación de pensións. Pero en Galicia o seu impacto tamén foi, e aínda é, bastante salientable. Nas canteiras de granito do Val da Louriña, no sur de Pontevedra, e nas explotacións de lousa no CourelLemos e Valdeorras hai centos de traballadores afectados debido á súa exposición á sílice en suspensión.
Interior dunha fábrica de lousa. Foto: Clúster da Pizarra.
Interior dunha fábrica de lousa. Foto: Clúster da Pizarra.
Juan Carlos Giráldez tiña só 35 anos cando lle diagnosticaron silicose. Levaba media vida, desde os 18, traballando nunha canteira de granito na provincia de Pontevedra. As medidas de seguridade eran escasas. “O mellor obreiro era o que menos se queixaba, o que non pedía máscaras para protexerse do po, o que pasaba máis tempo exposto”. Mozos, case nenos, hipotecando o seu futuro e a súa saúde a peito descuberto. Case vinte anos así, ata que nun recoñecemento médico, a Giráldez, como a tantos outros, detéctanlle silicose en primeiro grao.
Hoxe, con só 50 anos, Juan Carlos cánsase como un ancián. “Subir á planta de arriba da miña casa é como subir seis pisos”. A silicose xa é de terceiro grao, e a súa capacidade pulmonar está limitada ao 50%. E coma el están moitos compañeiros da mesma xeración. “Case todos os que traballabamos expostos ao po naquel tempo temos hoxe silicose”. Para axudalos, e para evitar que se sigan repetindo casos coma o seu, Juan Carlos preside OSílice, unha asociación que conta con máis de 200 sociostodos enfermos de silicose.  A súa base de operacións está en Porriño, e reúne, sobre todo, a extraballadores do granito, aínda que tamén prestan apoio aos afectados pola minaría de lousa.
A CIG ten constancia de 17 casos todas as semanas en Galicia
“Non hai semana na que non teñamos unha declaración de ‘non apto‘ por silicose, e só contando aos nosos afiliados”, denuncia Anxo Pérez, técnico en Prevención de Riscos Laborais e membro da Confederación Intersindical Galega (CIG). Só entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2017 (cando se redactou este artigo) o sindicato tramitou 27 consultas, das que se diagnosticou silicose en 17: 10 casos de 1º grao, 6 de 2º e 1 de 3º.
Os datos aportados no último decenio polo Instituto Nacional deSilicose (INS) no referente a Galicia corroboran unha situación canto menos preocupante. Entre 2008 e 2012, os diagnósticos aumentaron nun 91,18%. De 34 novos casos en 2008 pasouse a 65 en 2012. Porén, neste último ano houbo un importante retroceso respecto ao 2011, cando se detectaron 90 novos enfermos. Así, o aumento do 2008 ao 2011 foi dun 164,71%. (40 en 2009 e 61 en 2010). E dentro destas cifras non están os diagnósticos feitos directamente polas mutuas, segundo advirten desde a CIG.
Outros estudos do INS centrados en Galicia amosan cifras pouco tranquilizadoras. En 2005, nas canteiras do Porriño, o 17,5% dos traballadores que se someteron a un exame médico (77 de 440) foron diagnosticados con silicose. En Valdeorras, en 2007, diagnosticáronse 25casos nun total de 398 persoas estudadas (6,3%). Ademais, noutros 98 traballadores detéctanse alteracións radiolóxicas que poderían anticipar a aparición da doenza en próximos anos. Dous anos despois, en 2009, outro estudo en Valdeorras amosa 14 casos de silicose entre 103 traballadores (13,6%), e 22 máis con alteracións radiolóxicas.
O Instituto Nacional de Silicose non achega datos da doenza desde 2012
Non en tanto, non se pode saber nada sobre os últimos cinco anos xa que non hai datos. A pesar de varias peticións de información desde GCiencia, e tal e como confirman sindicatos e asociacións de afectados que tamén os solicitaron, o INS non publica as súas estatísticas anuais desde 2012.
Porén, a CIG fixo públicos desde entón os datos das consultas e os diagnósticos que xestionaban desde o sindicato. Apuntan que entre 2015 e 2016 enviaron ao Hospital General de Asturias, en Oviedo, onde está o centro de referencia para a doenza, a 100 traballadores para pasar consulta. “Temos constancia de que en máis dun 40 por cento os casos diagnosticouse silicose“. As cifras reais, non en tanto, poderían ser peores: “Nin todos os traballadores nos contan o resultado do diagnóstico, nin o feito de que este ano non estean diagnosticados quere dicir que non lle atopen a doenza ao ano seguinte”, explica Anxo Pérez.
Gumersindo Rego, neumólogo nacido na Fonsagrada, é, segundo a xente que coñece de preto a doenza, unha das persoas que máis sabe de silicose. Atendeu a moitos afectados durante decenios, xa que traballou media vida no Hospital General de Asturias, a onde chegaban mineiros aínda mozos cos pulmóns xa desfeitos pola sílice. Desenvolveu investigacións que se publicaron en revistas como o Journal of Occupational and Enviromental Medicine. Hoxe, xa xubilado, segue axudando no que pode aos afectados.
Rego lembra que “cando comezamos a investigar sobre a silicose, non había nada feito; os traballadores enfermaban, pero ninguén sabía que había que facer nin como había que tratalos”. Co seu labor tamén conseguiu que as autoridades sanitarias puxeran tamén o foco na lousa e no granito. Antes, apenas se tomaban precaucións nestas industrias. “Descubrimos que nas canteiras había formas avanzadas de silicose que estaban pasando desapercibidas”.
“O organismo non ten mecanismos de defensa contra a sílice”, explica Gumersindo Rego
Neses casos xa era tarde, porque o po de sílice contaminara moitos pulmóns. Explica Rego que as partículas máis finas son “as máis agresivas”. A sílice é un elemento contra o que o organismo non ten mecanismos de defensa. Só se pode expulsar a través do sistema linfático, coa expectoración, pero a nivel celular, o organismo perde a batalla.
O po máis groso tropeza coas paredes do aparello respiratorio e sae de novo ao exterior antes de chegar aos pulmóns pero o microscópico segue o seu camiño. “As partículas son neutralizadas polos macrófagos, unhas células do sistema inmune, e pasan aos lisosomas”, explica Rego. Estes son uns orgánulos que deberían ‘dixerir’ e destruír este corpo estraño. Pero non son capaces.
Deste xeito, “o macrófago acaba destruído e libera nos pulmóns unhas enzimas e uns radicais que aumentan a inflamación”, conta o doutor. Estes últimos xeran novos radicais oxidantes e outras enzimas que non son quen de destruír a sílice, e que ademais lesionan o tecido pulmonar. Así, acelérase o deterioro no interior do órgano, e aparece a fibrose. Ao mesmo tempo – sinala Gumersindo Rego – aumenta o risco de padecer cancro de pulmón e tuberculose.
O aspecto dun pulmón danado pola silicose é, de xeito paradoxal, semellante ao dunha rocha de granito, tal e como se pode ver na imaxe que encabeza estas liñas. O órgano endurécese, perde capacidade para incharse e desincharse para recoller osíxeno, facer a respiración celular e pasar o osíxeno ao sangue. As consecuencias, son por tanto, bastante graves.
Ante esta situación, traballadores e sindicatos reclaman que se facilite a concesión da incapacidade permanente para os enfermos, así como medidas máis contundentes de prevención nos lugares de traballo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario