O sabugueiro, unha árbore moi abundante no país, agocha unha morea de historias. A nosa tradición foi facendo del usos diferentes: é curativo, misterioso, poético, e... Cómese! A súa face gastronómica revalorizouna Carabuñas, unha pequena empresa de Vilar de Santos que o converte en marmelada, cervexa e licor. Nelson, un dos seus creadores, desvela aquí os segredos desta árbore multiuso.
Uxía Iglesias
http://www.galiciaconfidencial.com
Se ben hai algo que caracteriza ao ser humano é a súa capacidade para aproveitar os recursos da natureza. E precisamente o sabugueiro é unha árbore da que se pode sacar moito proveito: tanto a súa flor branca que agroma a finais da primavera, coma as súas bagas moradas que madurecen ao remate do verán, e tamén a súa madeira, son empregadas para cuestións moi diversas. Quizais, a cara menos coñecida dela é a gastronómica... Ten fama de tóxica, mais das súas bagas ou flores saen marmeladas, xalea, cervexa e licores moi saborosos. Xusto a isto é ao que se dedican Nelson e Eva no proxecto "Carabuñas", a primeira empresa galega que sacou ao mercado este tipo de produtos elaborados co sabugueiro.
A flor do sabugueiro | Fonte: Carabuñas
Os dous son bos coñecedores das propiedades desta planta, moi venerada ao longo da historia non só en Galicia, senón tamén no resto de Europa. "Todos tiñan un sabugueiro á beira da casa porque era coma ter unha farmacia", comenta Nelson. Ao seu uso medicinal súmase o seu uso para crear instrumentos. E ademais, esta árbore deu moito xogo a grandes poetas coma Noriega Varela ou Bouza Brey, que lle adicaron fermosos versos. Como non, o uso máxico tamén está ligado de raíz ao sabugueiro: alguén imaxina de que estaba feita a variña máxica de Harry Potter?
CARA A: A ÁRBORE "GOURMET"
"A flor do sabugueiro distínguese pola súa suavidade aromática. Con ela facemos xalea que serve para darlle un toque de aroma aos queixos, aos xeados... Polo outro lado, o froito, que sempre se debe comer maduro e cociñado, pode parecerse ao arándano ou á mora, pero cun gusto moito máis suaviño". Con especial delicadeza Nelson describe os diferentes sabores da árbore. É "delicada" no tratamento, pero dá moito de si. Co seu froito, Carabuñas crea o licor e a cervexa. "No resto de Europa elaboran o licor coa flor, pero nós queriamos saírnos do que xa había e empregamos o froito mesturado con augardente galega". O resultado? Suavidade e aroma "impresionante".
No caso da cervexa, quixeron ver que lle podía aportar o sabugueiro a esta bebida tan demandada. Sen perder a súa esencia, conseguiron darlle un "toque afroitado" e unha "cor moi bonita", di Nelson. No proceso de creación manteñen sempre un coidado ecolóxico esmerado e agora mesmo contan con 700 pés de sabugueiro. A súa aposta pola innovación e por emprender proxectos no rural deu os seus froitos: o premio ao sabor máis orixinal no certame Innofórum e o Premio AGADER 2018 na categoría de sector agrogandeiro. "Estando no rural xogamos noutra liga, así que este tipo de iniciativas só sairán adiante se temos apoio. Precísase ilusión e un pouco de chifladura, pero tamén soporte económico", di Nelson, convencido de que "ata que non se nos tome como parte da solución do rural, non haberá cambios".
Marmelada de sabugueiro sobre queixo | Fonte: Carabuñas
CARA B: A ÁRBORE CURANDEIRA
Os remedios caseiros que aínda hoxe seguen preparando as avoas e os avós sempre fixeron efecto, ben polo agarimo co que se preparan, ben polas súas certeiras propiedades medicinais. O sabugueiro ten unha morea delas. "As infusións das flores emprégase para curar os catarros e as gripes", conta Nelson. Tamén serve como laxante suave ou para aplicar sobre queimaduras ou conxuntivite. "O froito adoita botarse nas feridas porque ten propiedades funxicidas". O certo é que cada lugar de Galicia ten cadansúa receita. Mesmo se emprega para prever enfermidades dos animais: "cóllense as ramas e quéimanse dentro das cortes para limpalas".
CARA C: A ÁRBORE SAGRADA E FEITICEIRA
Todas estas propiedades curandeiras intensifícanse, segundo a tradición, cando San Xoán as bendice. Por iso, esa noite máxica do 23 de xuño, moitas persoas collen as flores recén nacidas do sabugueiro para botar no cacho, ese recipiente cheo de herbas de San Xoán coas que cadaquen lava a cara á mañá seguinte para se liberar dos maleficios das meigas e dos trasnos. "Ás veces tamén se fan conxuros coas ramas do sabugueiro para botar fóra as enfermidades", relata. "En Alemaña e en Inglaterra, igual ca aquí, era tradición ter un á beira da casa. Así, cando un bebé nacía, pasábase por baixo do sabugueiro para darlle a benvida. E cando alguén morría, tamén se levaba á sombra da árbore antes de ir para o cemiterio".
A esta planta, sagrada no mundo celta, tamén lle hai que ter certo respecto: segundo din as lendas, queimar as súas pólas é perigoso. E ademais, na antiga Inglaterra, disque os poderosos meigos utilizaban as varetas da árbore para se faceren invencibles. Sendo así... de que ía estar feita a variña máxica de Harry Potter? Pois como non, de sabugueiro. Se a variña considerada a máis poderosa do mundo estaba construída con esta madeira, como non ha de servir tamén para instrumentos musicais?
CARA D: A ÁRBORE PARA A MÚSICA
O seu valor na música está presente ata na mesma raíz da palabra: o nome de sabugueiro Sambucus procede do grego sambuké, que significa frauta. O Consello da Cultura Galega ten recollidos os usos musicais que se lle deron á árbore. As súas canas teñen un furado interno natural que lles aporta a forma de frauta, e nese tubiño adoitan practicarse de tres a oito buracos tonais polos que, ao soprar, sae un son característico. Este tipo de frautas son propias dos cativos, e tamén son empregadas como instrumento de aprendizaxe para futuros gaiteiros. Pero máis alá da frauta, o sabugueiro tamén serve para confeccionar gaitas de fol. Pénsase que estas son moi semellantes ás primeiras que apareceron no mundo e, antigamente, era a rapazada máis interesada na música quen construía estas gaitas de sabugueiro con fol.
CARA E: A ÁRBORE NO MUNDO DA POESÍA
"Sabugueiro da folla repinicada / polo maio estralando de brancas frores / collereiche un ramallo na madrugada / pra facer un feitizo prós meus amores (...) Pra este amor, sabugueiro, que me entolece / túas frores segura menciña son, / que ti tamén froreces cando frorece, / vermelliño de rosas, meu corazón". Estes versos son do poeta Fermín Bouza Brey, que adicou unha das súas creacións á árbore do sabugueiro. E deixou así constancia do poder feiticeiro e menciñeiro da planta. Mais Bouza Brey non é o único, nos versos de Noriega Varela tamén aparece a miúdo un sabugueiro, un espiño ou un piñeiro solitario. O escritor Xabier López Marqués chegou a dicir que"o celme da poesía ten a substancia do sabugueiro". As cantigas populares tampouco libran: "Á túa porta, meniña, / hai un pé de sabugueiro; / cada vez que vén o cuco / elí ten o paradeiro".
Non se pode negar que o sabugueiro non teña rendementos. Mais o certo é que, en definitiva, todo ten tantas caras - tantas perspectivas, tantas posibilidades - como cadaquén lle queira dar. A chave está en saber buscalas. E Carabuñas, esa empresa incipiente en levar o sabugueiro ao mercado, é o exemplo de quen pensou e atopou novas maneiras de aproveitar os nosos recursos e facer vida no noso rural esquecido. Iniciativas así tráeno á memoria.
O porte maxestuoso dun sabugueiro vello | Fonte: Carabuñas
Ningún comentario:
Publicar un comentario