Francisco Rego, técnico xubilado da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), explica como se debe actuar nos viñedos danados estes días polas xeadas
Francisco Rego
http://www.campogalego.com/
Tras la helada, esta vid ha sido repodada a ras, para que brote el cono secundario, cuya yema ya se puede obsevar. Foto: Paco Rego
O primeiro que aconsellaría facer é esperar un días a que pasen as choivas anunciadas para este domingo e para a semana que ven comezar a podar ou a repodar as cepas danadas polas xeadas.
O que imos tentar coa poda ou coa repoda é reconstruír o esquema de poda invernal, evitar que se propaguen as netas e tratar de que agromen os conos secundarios que están latentes, co que incluso poderíamos obter algo de produción de uva para esta campaña.
A poda ou repoda dos pámpanos queimados será ante todo unha medida hixiénica para que os gromos que saian de novo non se vexan obstaculizados.
O punto de partida debe ser avaliar se na viña están afectados a maioría dos acios dos pámpanos ou non. Se só están queimadas as puntas dos pámpanos pero a base segue verde e os acios non están na súa meirande parte queimados pola xeada, o que debemos é podar as puntas.
A continuación recoméndase aplicar abono foliar con aminoácidos e, sobre todo, funxicidas que leven folpet, materia activa cicatrizante.
Pasadas unhas semanas, sairá nesa zona unha vasoira de netas, das que só deixaremos unha para que sirva de guía, substituíndo ao ápice.
Se practicamente todos os acios dos pámpanos están afectados, entón teremos que proceder a realizar unha repoda. Procederemos a podar case a ras para que se desenvolvan os conos secundarios que están latentes. De aí, a recomendación de agardar uns días para que estes conos tamén se aprecien mellor.
Hai que proceder con moito coidado para non danar as xemas, incluso podemos facer unha primeira poda a rentes e logo repasar. De non realizar esta poda o normal é que saian moitas netas.
En definitiva, con esta repoda do que se trata é de recuperar o esquema de poda invernal, evitar que saian netas e que si agromen os conos secundarios, co que, a parte de ter poda para o ano que ven -algo fundamental-, incluso poderíamos ter algo de colleita de uva este ano, pois estes conos secundarios si xerarán acios.
De feito, nun ensaio realizado na Evega cara o ano 1997 na variedade Godello, que tamén fora queimada pola xeada, brotaron os conos secundarios e posibilitaron ter arredor do 50% da produción de uva dun ano normal.
A continuación, recoméndase aplicar abono foliar con aminoácidos e, sobre todo, funxicidas que leven folpet, materia activa cicatrizante.
Por último, lembrar que en Suíza, na Borgoña ou en Alemaña, onde tamén existen estes problemas de xeadas tardías, teñen resolto este problema coa instalación de ventiladores e de rego por aspersión ou mediante nebulizadores, esta última unha medida moi eficaz.
En Galicia, o feito de que as xeadas serodias sexan cada vez máis escasas , quizás explique o desleixo á hora de instalar estes sistemas de protección do viñedo contra as xeadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario