mércores, 24 de maio de 2017

“Os galegos son amantes do seu país, bos soldados e excelentes mariñeiros”

Así retrataba Galicia a monumental Enciclopedia Metódica de 1782, a da Revolución Francesa, continuadora de Diderot e D´Alembert

Romería galega nun gravado do século XIX.

Eduardo Rolland
http://www.gciencia.com/

Enciclopedia (L’Encyclopédie) é un fito na historia da Humanidade. Este colosal monumento editorial foi publicado entre 1751 e 1772 baixo a dirección de Diderot e d´Alembert. E nela colaboraron os grandes pensadores do seu tempo: MontesquieuRousseauVoltaire… Concibida como un ‘Dicionario razoado das ciencias, das artes e dos oficios’, non era unha idea orixinal: 23 anos antes aparecera en Inglaterra a ‘Cyclopaedia’. Pero non pode compararse pola ambición e o empeño dunha obra formidable: a francesa tivo 17 volumes de texto, outros 11 volumes de láminas e catro suplementos. En total 72.999 artigos, que chegaron a abarcar uns 20 millóns de palabras con 2.885 ilustracións.
Enciclopedia Metódica de 1782.
Enciclopedia Metódica de 1782.
Un dos seus últimos editores foi Charles-Joseph Panckoucke, que lle engadiu catro novos tomos. Para, posteriormente, crear outra enciclopedia monumental propia: a Enciclopedia Metódica, que compilaba o saber da Humanidade agrupado por temas. Comezou a publicarse en 1782 e rematou, xa baixo a dirección da súa filla, en 1832 cun total de 166 volumes.
Como a de Diderot e d´Alembert, a Enciclopedia Metódica, coas súas ideas científicas, liberais e laicas, supuxo unha conmoción que a enfrontou ao poder da súa época. E tivo tamén que editarse ás veces na clandestinidade. Aínda así, chegou a España, onde estivo en principio prohibida pola Inquisición.
Os tomos de xeografía mundial supoñen unha obra titánica. E neles atopamos referencias a Galicia. Con algúns tipismos sorprendentes para o lector de hoxe: “Os galegos son en xeral de mediana estatura, robustos, esforzados, traballadores, sufridos, sobrios e económicos, fieis aos seus soberanos; amantes do seu país e tenaces en conservar os seus costumes; son bos soldados e excelentes mariñeiros, e teñen moita disposición para o estudo, pois son reflexivos e saben reter o que unha vez aprenden”.
“Os galegos son amantes do seu país, bos soldados e excelentes mariñeiros”
Tamén asombra a descrición das galegas: “As súas mulleres son agraciadas, festivas, agasalladoras, moi inclinadas ao baile e ás cancións propias do país, e particularmente na costa das provincias meridionais, conservan fermosa cor e cute moi fina”.
Os enciclopedistas franceses definen o clima de Galicia: “frío e chuvioso na parte do Norte, amornado no centro, e quente (ás veces con exceso) nos vales que caen ao Mediodía, atopándose xeralmente a súa costa exposta á incomodidade dos impetuosos ventos que carrexan densas e nocivas néboas”.
Hai máis de dous séculos, o país ten vales vizosos, que producen “trigo e cebada, fabas, garavanzos, chícharos, millo, patacas, viño, liño e algún aceite nas ribeiras dos ríos Sil, Quiroga e Miño, e nalgúns vales das provincias de Ourense e Tui, sen que tampouco lles falte algunha seda, que puidese aumentarse considerablemente nos vales de Monforte e Manzaneda de Trives“. A mención ao aceite desmente a crenza de que non existían xa oliveiras en Galicia a partires dos Reis Católicos.
Mapa francés de Galicia no século XVIII.
Mapa francés de Galicia no século XVIII.
“A colleita de castaña é abundantísima, e particularmente nos fondos vales por onde corren os ríos. Hai froitas de todas as especies, e de exquisito gusto, sen que falten as máis delicadas, como son laranxas doces e agres, limóns e cidras, que noutro tempo formaban parte dun ramo de comercio que agora pasou ao veciño Reyno de Portugal. Os legumes son dos máis finos e os nabos de extraordinario tamaño”, apuntan os autores da primeira Enciclopedia, previa á Revolución Francesa.
Como é lóxico, os montes galegos están libres de piñeiros e eucaliptos. “Hai carballos, castiñeiros, nogueiras, cerdeiras, bidueiros, érbedos, acivros… e algunhas aciñeiras, lentiscos e faias. Nas ribeiras dos ríos: chopos, salgueiros, amieiros e abeleiras”. Abunda tamén o toxo, “sen que falte variedade de herbas medicinais, de que están cubertos os seus montes e cañadas”.
Por estas paisaxes dunha Galicia virxe, pasea o oso e deixa a súa pegada o lobo, ademais do ‘lobo cerval’, que non é outra especie que o lince boreal. Nos ríos tampouco hai encoros e abundan “xeralmente de troitas, anguías e peixes, e nas súas bocas e rías de salmóns, reos, múxeles e lampreas”.
O mar xa é unha fonte de alimentación de primeira orde. “Nos mares que rodean a costa de Galicia péscanse igualmente case todas as especies coñecidas de peixes, e amphibios, pero con abundancia de congros, abadexos, pescadas,, raias e polbos, que se despachan dentro e fóra do país, salgados e curados, pero sobre todos é tan abundante e delicada a sardiña desta costa, que conducida aos países máis distantes, forma un dos principais ramos do comercio dos seus habitantes”.
Tampouco era estraño, hai dous séculos, toparse cos grandes mamíferos mariños: “aínda que non tantas como noutro tempo, aínda se deixan ver de cando en cando algunhas baleas, e outros cetáceos, e moitas bandadas de toniñas e golfiños”.
Galicia conta con sete provincias e 101 vilas. A cidade máis grande é a finais do século XVIII a de Ferrol, seguida de Santiago de Compostela.
Charles-Joseph_Panckoucke.
Charles-Joseph_Panckoucke.
“O alimento ordinario do Pobo Galego é no interior do país o pan de centeo, as castañas, nabos e as carnes salgadas e chacinas. Na costa, o pan de millo só ou mesturado con centeo, as fabas, a sardiña e os mariscos, e todo xénero de legumes. A bebida ordinaria é a auga, ben que nas súas festas e romarías non escasea o viño e os licores”.
Os herdeiros de Diderot e D´Alembert teñen boas palabras para a nobreza. “A nobreza gallega (que na súa maior parte vive polo común nas súas casas de campo) é agasalladora e hospitalaria cos forasteiros, e ama a sociedade e a diversión. Ten bastante cultura e aptitude para o estudo, e aínda para as ciencias exactas, como o acreditan varios oficiais empregados no exército e a mariña”.
E permítense algúns apuntamentos sobre a historia galega, destacando (dun xeito algo pintoresco) que foi o primeiro reino en constituírse. “Os suevos formaron en Galicia ‘o primeiro Reyno da Monarquía Española’ e estendendo as súas conquistas polo Oriente ata as marxes do Ebro, e dilatando o seu dominio polo Occidente ata as ribeiras do Betis, e recibiron finalmente a relixión católica pola predicación de San Martiño Dumiense“.
En definitiva, así facían o retrato de Galicia os autores da Enciclopedia. En toda Europa os seus lectores podían así informarse sobre o Finisterreeuropeo. E o retrato daquela obra monumental permítenos viaxar ata a Galicia de hai máis de dous séculos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario