martes, 9 de maio de 2017

Investigan o xefe de persoal da Deputación de Ourense nunha operación contra a fraude en cursos de formación

David Lombao
David Reinero
http://praza.gal/

José Luis Suárez, alcalde de Monterrei e xefe de persoal da Deputación ourensá
Web do centro de estudos investigado, actualmente non operativa
Nova operación contra unha presunta fraude en cursos de formación e novo foco xudicial sobre a Deputación de Ourense. A Policía detivo nos dous últimos días en Ourense cinco persoas e citou como "investigadas non detidas" -antiga imputación policial- outras dúas como presuntas integrantes dunha fraude en cursos de formación de diferentes Administracións públicas que chegou a obter, segundo a investigación, máis de medio millón en subvencións da Xunta, do Concello e da Deputación de Ourense e mesmo da UE entre os anos 2005 e 2012. Un dos investigados é o xefe de persoal da entidade provincial ourensá, José Luis Suárez, tamén alcalde de Monterrei polo PP.
A orixe desta operación, na que se investigan delitos de falsidade documental, branqueo de capitais, estafa, suborno, contra a Facenda Pública e mais contra a Seguridade Social e a Administración Pública, remóntase a unha denuncia presentada ante a Policía no ano 2015. Este primeiro movemento "destapou unha trama ideada polo responsable" do ourensán Centro de Estudios San Pablo -unha academia privada actualmente pechada- para a "obtención fraudulenta" das subvencións "mediante falsidades e enganos". O detido contaría coa colaboración "activa" da súa esposa, funcionaria da Xunta cuxo "cargo de responsabilidade" lle permitía "ter acceso a un selo de compulsa persoal" co que facer pasar por "válidos" diversos "documentos falsificados". Ambos foron detidos.
Sempre segundo a investigación, a devandita academia era unha das pólas da presunta trama fraudulenta e a outra, unha asociación sen ánimo de lucro, AEXPA, isto é, a Asociación de Alumnos e Ex-Alumnos do Centro San Pablo. As pescudas policiais dan por "acreditado" que esta entidade foi impulsada pola propia academia e mantivo unha "actividade ficticia" durante unha década, ata 2015, durante a cal "falsificou actas e sinaturas", chegando a incluír como membros da asociación a "persoas que o descoñecían" para simular unha actividade que realmente, indican, só consistía na "recepción de ingresos públicos".

Documentación validada cun selo da Xunta

Sobre a base da academia e mais da asociación os investigadores sosteñen que as persoas investigadas cometeron "diversas irregularidades" para "xustificar os gastos vinculados" aos cursos subvencionados, tales como achegar "facturas falsificadas" con "cantidades desmesuradas" en concepto de compra de material ou "copias de documentos bancarios" con "supostas transferencias" a empresas e persoal. "Pagamentos de locais" ou de servizos "asesoramento" que "non existen" formaban parte tamén, segundo a Policía, dun xeito de operar que obtiña apariencia de "veracidade" mediante a "compulsa das fotocopias" co selo oficial da Xunta.
A devandita funcionaria da Administración autonómica está agora acusada de utilizar ese selo de xeito irregular, o que implica valerse "do seu posto de traballo de responsabilidade no edificio administrativo" da Xunta na capital ourensá para validar "documentación fraudulenta". Aos dous membros do matrimonio a Policía atribúelles tamén a apertura e peche de "numerosas contas bancarias" para "dificultar o control dos movementos bancarios realizados ao nome da asociación ficticia".

Contacto coa Deputación

"Varias declaracións" recollidas pola Policía "fan referencia" a "un contacto" na Deputación que "lles ofrecera" traballo a cambio de cartos
Xunto á xustificación de cursos non realizados, cuxos presuntos impulsores pasaron este venres a disposición xudicial e quedaron libres tras prestar declaración, a presunta rede corrupta realizou tamén "contratacións fraudulentas de alumnos". É neste punto onde a Policía ubica a ligazón directa coa Deputación, alén do "engano" do que tamén foron obxecto o resto de Administracións. "Varias declaracións" recollidas polos investigadores "fan referencia", segundo a Policía, a que o considerado cerebro da trama "tiña un contacto" na entidade provincial, que utilizaba para "introducir neste organismo a determinados alumnos", varios dos cales "indicaron que lles ofreceran unha praza na Deputación" a cambio do "pago de determinadas cantidades de diñeiro", que a Policía cifra en "ata 12.000 euros". Dous deles "conseguiron contratacións temporais", segundo a investigación.
O xefe de persoal nega relación coa academia investigada e Baltar anuncia un expediente contra o tamén alcalde de Monterrei, co que mantén unha tensa relación
Neste contexto o xefe de persoal da Deputación, quen agora depende dunha directora xeral cuxo nomeamento formalizou José Manuel Baltar en xuño de 2016, confirma que foi citado para acudir á Comisaría de Ourense este xoves, onde non declarou por estar ausente ao seu avogado. Cuestionado ao respecto pola edición ourensá de Faro de Vigo Suárez negou ter relación co Centro San Pablo, do que di ademais descoñecer se recibiu axudas públicas. O rexedor de Monterrei, a quen a Policía atribúe agora presunto suborno, está tamén sendo investigado -antiga imputación- na causa que un xulgado de Ourense instrúe contra Baltar polo presunto ofrecemento dun posto de traballo na Deputación a cambio de sexo cando a entidade provincial aínda estaba presidida polo seu pai, tamén imputado.
Despois de transcender as detencións e investigacións neste caso, sobre o que pesa o segredo de sumario, a Deputación de Ourense emitiu un comunicado asinado por Baltar no que di recear da "información publicada" por ser "inconcreta e xenérica", se ben anuncia a apertura dun expediente informativo para "determinar se existe algunha relación" entre a Deputación e os feitos nos que "aparece presuntamente implicado" o xefe de persoal "no exercicio das súas funcións". Suárez e Baltar manteñen unha tensa relación dende hai anos por, entre outra razóns, o papel clave do actual alcalde de Monterrei na condena a Baltar pai por 104 enchufes na Deputación.
Documentación estatutaria da asociación presuntamente fraudulenta, á que tivo acceso Praza.gal
Documentación estatutaria da asociación presuntamente fraudulenta, á que tivo acceso Praza.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario