domingo, 28 de maio de 2017

As feministas consideran o arquivo do caso Baltar un feito propio da “repugnante tradición machista”

A Plataforma Feminista Galega de Ourense denuncia o sobresemento da causa por presunto suborno e acoso sexual e considera que esta decisión deixa en "situación de indefensión" ás mulleres.


http://www.galiciaconfidencial.com/

Plataforma Feminista Galega de Ourense reaccionou moi duramente contra o sobresemento provisional e arquivo das actuacións seguidas por presunto suborno e acoso sexual contra o presidente da Deputación, José Manuel Baltar Blanco (PP); o seu pai e antecesor no cargo José Luís Baltar; o xefe de persoal da Deputación e alcalde de Monterrei José Luís Suárez e a muller que denunciou ao primeiro deles por un presunto delito de acoso sexual. As feministas manifestan a súa "indignación e vergoña ante un novo feito inscrito na repugnante tradición machista", denuncian.
O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar (PP)
O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar (PP)

A plataforma, que pide xuíces "independentes" nesta materia, lembra que "a muller denunciara a Baltar por prometerlle un posto fixo na Deputación a cambio de favores sexuais entre os anos 2010 e 2012, que se dixo se produciron polo menos nunha ocasión no Hotel Francisco II". A denunciante, que tamén foi imputada, aportou unhas gravacións efectuadas no despacho do presidente da Deputación, ademáis de diversas mensaxes de texto, que a xustiza non considerou "concluíntes", subliñan as feministas.
Dende a Plataforma Feminista Galega de Ourense entenden que "unha actuación así non se pode permitir de ningunha maneira, por diversos motivos". En primeiro lugar, "pola situación de indefensión en que deixa ás mulleres (posibles vítimas de violencia machista en calquera das súas formas) á hora de denunciar este tipo de feitos, onde, como se pode ver neste caso, pasan rapidamente de ser vítimas a investigadas, restándolle credibilidade ao seu testemuño, criminalizandoas, etc.", argúen.
Ademais, lembran que na propia Lei de Prevención da Violencia de Xénero se recoñece como unha forma de acoso sexual “a solicitude de favores de natureza sexual na que o suxeito activo se prevale dunha situación de superioridade laboral.”. Neste punto, subliñan que "semella curioso que non se vexa acreditada a relación de dependencia entre a denunciante e o presidente da deputación".
"O acoso sexual, a violencia machista (en tódalas súas formas e manifestacións), non son cuestións persoais nin domésticas, constitúen un grave problema social e como tal deben ser tratados", advirten as feministas.
A Plataforma Feminista Galega de Ourense advirte de que seguirá "loitando" para que "se esclareza calquera circunstancia que poida estar relacionada con denuncias sobre violencia machista, xa que a minimización desta problemática acarrea consecuencias terribles". 

Ningún comentario:

Publicar un comentario