David Lombao
Xa van alá case dous anos dende que Alberto Núñez Feijóo aproveitara unha entrevista de verán para anunciar que subía ao carro que puxera a andar UPyD en Madrid e que dirixía con entusiasmo a daquela presidente da rexión madrileña, Esperanza Aguirre. Ao abeiro do lugar común de que "sobran políticos" o presidente da Xunta anunciaba a inmediata posta en marcha dunha reforma da lei de eleccións para reducir os escanos do Parlamento de Galicia de 75 a 61 para aforrar. Tras esa pirotécnica declaración sucedéronse as reaccións que cualificaban de "pucheirazo", "amaño" ou "golpismo" unha reforma que o PP prevía sacar adiante en solitario antes das eleccións autonómicas. Ese mesmo verán Feijóo tivo que decidir entre recorte parlamentario ou adianto electoral e optou polo segundo, incluíndo a tesoirada no seu programa electoral. Na nova lexislatura o recorte parlamentario xa entrou e saíu varias veces da axenda de prioridades dos conservadores, que agora admiten que tampouco o aprobarán antes do verán.
A última ocasión en que a reforma da Lei de Eleccións se presentou como prioritaria foi no inicio do presente período de sesións, o pasado febreiro, cando o partido que sustenta o goberno iniciou a tramitación en pleno da normativa. Daquela os populares xa deixaran nun segundo plano o argumento dun aforro -apenas 1 millón de euros ao ano- que sería máis doado de conseguir na propia institución pola vía, por exemplo, da rebaixa salarial. Esa recuperación do proxecto, defendida por Pedro Puy nun desapaixonado discurso, traía consigo un horizonte temporal: o plan era que a lei estivese aprobada antes do mes de xullo que está a piques de empezar. Así, a norma seguiuse tramitando durante os seguintes catro meses ata que o pasado 20 de maio foi designada o relatorio correspondente e, xa en xuño, o PP asumiu que xa non dará tempo a aprobala neste período.
Tras presentalo como prioritario en febreiro o PP di agora que "non hai présa" e relega o recorte a depois do verán
Esta dilación acontece nun contexto no que o partido que sustenta o Goberno é o único valedor da reforma. AGE nin sequera designou representante no relatorio, o BNG abandonouno tras a primeira xuntanza e o PSdeG permanece nel para tentar pactar outros aspectos, pero dende o rexeitamento á redución de escanos. Mentres, segue sendo Puy quen ten o encargo de defender o plan do presidente en público, agora non como unha vía de aforro, senón como "un exercicio de responsabilidade para lexitimar e reforzar as institucións autonómicas, contribuíndo á súa simplificación sen alterar os principios básicos de representación". Onde antes había présa agora réstalle "importancia a que non dea tempo" a aprobar a reforma neste período de sesións: "non hai especial présa" porque, admite, non terá efectos reais ata as vindeiras eleccións autonómicas.
Coas emendas opositoras de máis callado abocadas ao fracaso Puy ataca o resto de grupos, especialmente a Alternativa e Bloque, por "criticar" o plan popular mentres "presentan emendas e reformas de máximos tanto da lei electoral como do Regulamento" da Cámara "que xa foron rexeitadas polo pleno do Parlamento -polos votos do PP- e que si producirían unha mutación significativa do sistema electoral galego". Con este modelo de Parlamento minguado "o único que facemos é axustar todo para que o nivel de proporcionalidade sexa o mesmo" e de paso, empequenecer a institución para "emitir unha mensaxe de reforzo" da mesma, mantén.
Os resultados das europeas
O enésimo atraso da reforma electoral produciuse tras o pau sufrido polo PPdeG nas eleccións europeas,cuxa caída de 200.000 votos supuxo o seu peor resultado en vinte e cinco anos en territorio galego. Este castigo electoral é o que leva a AGE a interpretar que os de Feijóo tentan amarrar coa reforma unha "maioría absoluta que non teñen na sociedade" e ao BNG a falar abertamente de "pucheirazo". Pola banda socialista José Luis Méndez Romeu observa tamén ánimo de "cercenar a vontade" cidadá mentres Puy insiste en que apenas mudaría nada. Malia á evidente diferenza entre procesos electorais non deixa de ser rechamante a extrapolación das votacións europeas a unhas eleccións autonómicas, na que entre outras cousas entra en xogo o efecto distorsionador das circunscricións provinciais.
Os resultados das europeas deixarían o PP sen maioría absoluta con 75 e con 61 escanos
Nun Parlamento con 75 escanos o reparto de votos decidido pola cidadanía o 25-M deixaría o PP con 35 escanos, a 3 da maioría absoluta. Da outra banda estaría un PSdeG con 20 escanos, dous máis que na actualidade, AGE tería 8, un menos que agora, Podemos irrompería con 6 escanos e ao BNG corresponderíanlle 6, un menos que na actualidade.Realizando o cálculo co lexislativo recortado os conservadores tampouco lograrían manter a maioría absoluta, xa que ficarían en 29 escanos, a dous da maioría. Os socialistas tamén sería neste caso a segunda forza, con 16 escanos, AGE tería 7, o BNG tería cinco asentos e Podemos, catro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario