Marcos Pérez Pena
A Campaña Roupa Limpa vén de publicar un novo informe sobre a situación das traballadoras e traballadores do téxtil, desta volta centrado nas factorías que as multinacionais teñen en Europa do Leste e Turquía. A investigación, centrada en Bulgaria, Ucraína, Macedonia, Croacia, Romanía, Bosnia Herzegovina, Xeorxia, Moldavia, Eslovaquia e Turquía, onde se levaron a cabo máis de 300 entrevistas a traballadoras, destaca que todas as fábricas que producen para as marcas máis importantes de Europa (como Zara, Hugo Boss, Adidas, H&M ou Benetton) pagan soldos que están por baixo do limiar da pobreza, e moitas das persoas que traballan nelas teñen que recorrer á agricultura como traballo complementario. Calcúlase que en Turquía ao redor de dous millóns de mulleres traballan na industria téxtil (medio millón de forma estable e legal), e nos restantes países a cifra total supera o millón.
Estes países funcionan como patio traseiro da industria téxtil proporcionando man de obra barata ás marcas e empresas de roupa da Europa occidental
É dicir, estes países funcionan como patio traseiro da industria téxtil proporcionando man de obra barata ás marcas e empresas de roupa da Europa occidental, a pesar de que os países do antigo bloque socialista teñen unha longa historia no campo da produción téxtil e conta con man de obra altamente cualificada. O documento destaca que en moitos destes países se emprega o sistema Lohn, polo cal reciben as pezas precortadas, para ser cosidas e devoltas a Italia ou Alemaña, onde se rematan. Deste xeito, aprovéitanse os baixos salarios desta zona, pero se protexen as industrias propias e os beneficios dos territorios ricos.
O informe revela que os salarios mínimos legais soamente cobren entre o 14% (Bulgaria, Ucraína e Macedonia) e o 36% (Croacia) dun salario digno básico. Lémbrase, igualmente, que un do cinco obxectivos de Europa 2020, a estratexia da UE para un crecemento "intelixente, sustentable e integrador", é reducir a pobreza sacando un mínimo de 20 millóns desta situación. "O pago dun salario digno nas fábricas de roupa e zapatos é unha medida moi concreta con capacidade de afectar a un gran número de persoas e mellorar de forma decidida os seus medios de vida", destácase.
As xornadas son longas, ademais, e as condicións mesmo empeoraron nos últimos anos. Christa Luginbühl, unha das autoras deste informe, destaca que "a pesar de que marcas como Zara e H&M obteñen uns beneficios cada vez maiores, as condicións laborais dos países produtores da rexión investigada víronse deterioradas especialmente desde 2008 e 2009”. Bettina Musiolek, outra das autoras do informe, sinalan que “chegamos a dar por feito que as traballadoras do sector téxtil de Asia son explotadas e cobran salarios baixos traballando nunhas condicións pésimas", pero engade que nestes países, en principio cunhas condicións mellores, non as traballadoras non teñen unha calidade de vida aceptable, igualmente.
Así mesmo, os sindicatos non teñen capacidade para loitar polos seus dereitos máis básicos, como destaca unha sindicalista croata, entrevistada na investigación: “Os sindicatos non teñen a opción de pelexar por uns salarios máis altos, xa que teñen que loitar constantemente contra as prácticas ilegais, como as horas extraordinarias sistemáticas e a falta de pagamento das cotizacións sociais ou a falta de pagamento de salarios”.
A Campaña Roupa Limpa esixe que "se acabe co mito de que pagar máis pola roupa ou proverse en Europa garante unhas condicións laborais decentes"
A Campaña Roupa Limpa esixe que "se acabe co mito de que pagar máis pola roupa ou proverse en Europa garante unhas condicións laborais decentes". Sinala que "as marcas teñen que dar pasos claros e demostrar un compromiso real na súa propia cadea de subministración para garantir que todas as persoas que traballan para elas, indistintamente do lugar no que vivan, cobren un salario digno". Activistas, sindicatos e traballadoras da rexión demándanlles ás marcas europeas investigadas que se aseguren, como primeiro paso inmediato, "de que as traballadoras reciban un salario basee neto de polo menos o 60% da media salarial nacional". "Os prezos de compra débense calcular sobre esta base e deben permitir realizar subidas salariais", engaden.
A explotación, non só en Asia
O pasado mes de abril a Campaña Roupa Limpa, que en España coordina SETEM, presentou o informeSalarios Dignos, que analiza o trato que 50 das multinacionais máis importantes de Europa, entre elas Inditex, ademais de Desigual ou Mango, lles dan ás súas traballadoras, situadas principalmente no continente asiático. O informe concluía que a maioría das traballadoras da industria téxtil global non pode permitirse unha vida digna, xa que non gañan máis que 6 euros ao día (con xornadas por riba das 48 horas semanais) nunha industria que move máis de 34.000 millóns de euros en Europa.
En todos os países analizados, existe unha gran diferenza entre o salario mínimo legal e o salario digno mínimo estimado. Esta diferenza é aínda maior nos países europeos que ofrecen man de obra barata que en Asia, polo custe máis elevado da vida en Europa
Este informe facía fincapé na situación das traballadoras en varios países do sur de Asia, como China, Indonesia, Cambodia, India, Bangladesh ou Sri Lanka. Porén, esta nova investigación deixa claro que a explotación laboral non se produce só neste continente, e que tamén en países europeos, algúns mesmo pertencentes á UE, as mulleres que traballan nestas factorías teñen uns salarios e unhas condicións laborais moi lonxe dos niveis aceptables. En todos os países analizados, existe unha gran diferenza entre o salario mínimo legal e o salario digno mínimo estimado. Esta diferenza é aínda maior nos países europeos que ofrecen man de obra barata que en Asia, polo custe máis elevado da vida en Europa. De feito, a campaña esíxelles aos Gobernos destes países e ás institucións relevantes da UE que aumenten inmediatamente o salario mínimo legal até polo menos o 60% da media salarial nacional e que permitan unha suba progresiva do salario mínimo legal cara ao salario digno estimado.
A investigación chama a atención sobre algunhas situacións concretas, especialmente graves. É o caso de milleiros de traballadoras de orixe siria ou kurda, que en Turquía traballan en factorías que producen para Inditex e H&M. Entre o 30 e o 40 por cento son ilegais, traballan máis de 50 horas por semana e cobran pouco máis de 200 euros. A campaña esíxelle a estas dúas multinacionais que resolvan as ilegalidades que se producen neste lugar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario