domingo, 28 de outubro de 2018

Os datos dos CIS para Galicia revelan unha gran preocupación pola situación da sanidade e o ensino

Manifestación en Vigo a prol da sanidade pública, este 12 de abril
Manifestación en Vigo a prol da sanidade pública, este 12 de abril

Marcos Pérez Pena
http://praza.gal/

Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicou este xoves o seu barómetro do mes de outubro. Por vez primeira o instituto público ofrece os datos segmentados por comunidades autónomas, o que permite contar con informacións individualizadas para Galicia. Con todo, o propio barómetro lembra no seu encabezamento que os datos da mostra, ao fragmentarse por territorios, ofrecen unha fiabilidade moi inferior, incrementándose notablemente as marxes de erro, sobre todo nas comunidade menos poboadas. No caso de Galicia, por exemplo, a mostra componse de 196 entrevistas (moi por debaixo do mínimo necesario para a realización dunha enquisa confiable), o que eleva a marxe de erro superior ao 7%. Isto fai que os datos ofrecidos polo CIS só se poidan analizar como tendencias.
A preocupación pola saúde e o ensino en Galicia duplica a que semella existir no conxunto do Estado
En calquera caso, entre as informacións que inclúe o barómetro chama a atención a gran diferenza existente entre os asuntos que os entrevistados e entrevistadas galegas sitúan como os "principais problemas" e os datos para o conxunto de España. Así, en Galicia o paro sería o máis importante (o 66,8% dos e das entrevistadas o citan entre os tres maiores problemas, fronte a unha media do 77,6% no conxunto do Estado), pero inmediatamente despois aparece a sanidade (27% en Galicia e só 13,2% en España), por diante dos problemas de índole económica e a corrupción (segundo e terceiro problema no Estado). Así mesmo, a educación é o quinto problema máis sinalado por galegos e galegas, aparecendo no 18,9% das respostas, moi por riba da media española (8,5%).
A preocupación pola saúde e o ensino en Galicia duplica a que semella existir no conxunto do Estado, á vista destes datos. Algo que é coherente coas numerosas mobilizacións que nos últimos tempos se veñen repetindo na nosa comunidade en relación coa situación da sanidade e a educación públicas. De feito, o pasado ano as manifestacións pola sanidade multiplicáronse por seis no noso país. Galicia foi, de feito, a comunidade autónoma con máis marchas convocadas por este tema, máis dun terzo do total das realizadas en España.
Os datos do CIS deben ser analizados con cautela, dada a escasa representatividade da mostra
En calquera caso, os datos do CIS deben ser analizados con cautela, dada a escasa representatividade da mostra. Como exemplo, á hora de preguntar pola intención de voto nunhas hipotéticas xerais, o barómetro situaría a PSOE (27,6%) moi por riba de PP (21,9%) e Ciudadanos (12,8%), ficando En Marea cun 6%. Con todo, tamén o recordo de voto nas eleccións de 2016 amosa a escasa fiabilidade dos datos ofrecidos a este nivel e da mostra escollida: o 21,4% das persoas entrevistadas afirman ter votado ao PSOE e só o 6% a En Marea, cando en realidade as dúas formacións tiveron un resultado semellante (22,25% e 22,18%). Cómpre lembrar igualmente que a nova metodoloxía empregada polo CIS á hora de ofrecer estimacións de voto (na que non emprega cociña e só aplica un multiplicador fixo aos datos de intención declarada, ignorando o voto oculto) está a recibir unha crítica xeralizada por parte de expertos.
Advertencia metodolóxica ofrecida polo CIS
Advertencia metodolóxica ofrecida polo CIS

Ningún comentario:

Publicar un comentario