venres, 26 de outubro de 2018

A presión da sociedade evita outra ocorrencia do Sr. Feijoo

XOSÉ Mª DIOS DIZ
MÉDICO ESPECIALISTA DE ATENCIÓN PRIMARIA DO CONCELLO DE OUTES

O día 22 de Outubro do 2018 salta a noticia de que a Consellaría de sanidade meteu pola porta de atrás, na Lei de Acompañamento dos Orzamentos do 2019, unha modificación da categoría de Pediatras, creando o que chaman “Persoal Facultativo Especialista de Pediatría de Área”, cuxo traballo se realizará tanto en Atención Primaria como en Atención Especializada. A norma recollía que Pediatra de Primaria e Facultativo Especialista “se consideran a extinguir”.
Segundo o SERGAS, tería como finalidade ter dispoñibilidade de profesionais, ampliar a cobertura dentro dunha mesma Área Sanitaria e dar unha atención coordinada entre Atención Primaria e Especializada (malamente pode coordinarse nada se o Pediatra de Primaria non existe, por certo). Agruparíanse os Pediatras en cabeceiras de comarca e nos hospitais.
Como todas as medidas do PP destinadas a desmantelar o Sistema Sanitario Público Galego, faise con escurantismo e aproveitando unha Lei que nada ten que ver directamente co tema dos Pediatras. Por que fai isto o Sr. Feijoo? Coma sempre, para que o Sistema Sanitario Público cada vez funcione peor, non poñendo os medios para evitar o deterioro día a día e así ter a desculpa para logo desmantelalo ou pasarllo directamente á sanidade privada.
Que desaparezan os Pediatras de cada concello levaría consigo a interrupción de conceptos tan importantes como a Atención Continuada, a libre elección de especialista e o tan socorrido “Programa do Neno”, ao cal lle sacaron bo rendemento electoral.
Coma sempre no PP a desculpa que din para non ter especialistas é de mal pagador, pois tempo tiveron para solucionar a falta de persoal sanitario. Póñense os incendiarios á fronte do apagalumes e agora solicítanlle ao goberno central (vaia, vaia...agora) que aumente a dotación de especialistas vía MIR.
Os nenos hospitalizados no Cunqueiro dispoñen xa de quince ...
As organizacións sociais preguntámonos que por que non se lle pon freo á falta de especialistas. Os gobernos do Partido Popular deixaron que os profesionais sanitarios estivesen con cupos moi grandes, con soldos de miseria, contratos por horas cando traballan días, contratos de luns a venres cando se vai estar máis tempo na praza e acumulando cupos co agobio para os profesionais que o padecen e coa perda de calidade na asistencia. Estas si son, entre outras, as razóns de que non teñamos especialistas e os que formamos (con moito esforzo e cartos) marchen a outros lugares onde a profesión é considerada dignamente e as condicións laborais e salariais son mellores que en Galicia.
Dous días despois desta ocorrencia, a propia consellaría emitiu un comunicado dicindo que paralizaba a medida despois da xuntanza que tiveron coas Sociedades de Pediatría e ante a oposición radical dos sindicatos e da sociedade civil. 
É a mobilización a única forma que ten o PP de non facer as cousas máis lesivas para a cidadanía? 
Como pode tomar unha medida tan impopular e pouco eficiente, sen contar con ninguén e en contra de todos?
O desmantelamento do Sistema Sanitario Público Galego é evidente, e día a día vemos como se deteriora. Como se privatizan servizos a través de empresas multinacionais (Medtronic) e como os cidadáns van percibindo que o ben máis prezado que temos, que é a saúde, está en perigo polas políticas do PP e do Sr. Feijoo.
Pedir a dimisión ou cese de Jorge Aboal, Director Xeral de Asistencia Sanitaria, que explicaba cal foi o motivo desta rectificación: "No hay consenso en esta medida, ha habido controversia y no consideramos adecuado seguir con ella", sería un brindis o sol.. .porque o responsable é o sr. Núñez Feijoo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario