Por abc
No traxecto cara a primavera outro inverno. Despois da caída da folla, aínda sen dixerir tódalas permanencias que un consume no curro, na cea familiar ou nos viños cos colegas que están fora, máis derrubados que fundidos, xa na costa arriba de xaneiro, que non trouxo o ‘tablet’ onde mirar para que coño serve a mirra. E vendo como vai mudando a etiqueta, do 20 ao 30 e do 30 ao 50 %. Non é crises, son as rebaixas. Importamos o que nos paguen, pero xa non mercan: verbas de saldo. Co inverno chegou o recorte e un home que non sabe de ónde veñen as cancións, cando harmonía e maña son básicas para seguir adiante e, como a poesía ven dun lugar ambiguo que ninguén pode conquistar, un 'neno' que entende e interpreta con curiosidade o mundo, curtido en mil batallas co frío inverno se cadra vaise, coa lentitude de quen degusta o tempo, non o consume, un tipo que entendeu que no recuncho onde moitos se creen e creron deuses, aínda que fosen da escaleira B tamén se soña e se ten esperanza. Outro, un máis no recordo dos bos.
Non chove, pero a primípara rompe augas. Os pobres parados xa non foden os sábados… fano o luns por aburrimento, o martes por non ter que facer, o xoves… viven por enriba das súas posibilidades, as horas nos bancos de madeira ou vendo obras foron trocadas por sexo. Síntome con ese sentimento que soporta un cando fai cola en NovaGalicia Banco e por un momento, en vez de protestarlle na xanela pola comisión da Euro 6000, cavilo se me toparei coa perda do 50% da carreira profesional, ocórreme o mesmo cando chego a consulta do medico e dime: ímoslle mirar a tensión. O desemprego é como o sexo: oral, non falamos doutra cousa sustituindo ás chavalas polas preferencias de cando traballamos en Alemaña. Non queda outra que nadar contracorrente, río arriba, a auga esta xeada e outra vez subiron as cañas de cervexa, os das canteiras xa non fan horas extras… A nos métennos o medo no corpo, os departamentos de recursos humanos cáganse, pero chámanlle gastroenterites ao cagallón laboral, o que ten ser da sanidade. Os mercados eructan de pracer. Van días que non vexo a televisión, non podo cos telexornais. Na feira do dia seis séguese a regatear, é a única mellora posible. Hai quen di, temos os gobernantes que merecemos. Eu non son desa opinión, os que gobernan en ausencia de lobos teñen un bo rabaño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario