sábado, 23 de novembro de 2013

Quen nos protexe dos cazadores?

Marcos Pérez pena
A caza provoca cada ano máis mortos que os accidentes de tráfico en Galicia. Así o denuncia a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), e así é en termos relativos. En 2012 ao redor de 120 persoas perderon a vida nas estradas galegas, e faleceron dúas persoas (en Vila de Cruces e Vilalba) por disparos relacionados coa caza, un número de vítimas moi semellante ao que se vén rexistrando nos últimos anos. Porén, se se ten en conta o número de permisos de conducir (1.800.000) e de caza (50.000) e que esta actividade só está autorizada xoves, domingos e festivos entre o 20 de outubro e o 6 de xaneiro, a cifra de mortos resulta moi elevada. Neste 2013 xa se rexistraron dúas vítimas mortais, en Rubiá e Ribas de Miño.

Neste 2013 xa se rexistraron dúas vítimas mortais, en Rubiá e Ribas de Miño
Alén destes sucesos, a entidade ambientalista denuncia que esta actividade, cunha serie de perigos inherentes polo uso de armas de fogo, incrementa a súa perigosidade por mor das malas prácticas ou da ausencia de control e de medidas de seguridade, tanto para protexer os cazadores como a persoas alleas.
A entidade pide que o Goberno galego "non autorice a realización de batidas con munición de bala os días de maior afluencia de cidadáns aos montes: festivos e fins de semana"
A SGHN sinala que "resulta de todo punto incomprensible que non se obrigue a sinalizar a realización de actividades moito máis perigosas como as batidas con munición de bala en todolos camiños, pistas e estradas de acceso á zona onde se está levando a cabo". Ademais de solicitarlle á Xunta a correcta sinalización desta actividade, a entidade pide que o Goberno galego "non autorice a realización de batidas con munición de bala os días de maior afluencia de cidadáns aos montes: festivos e fins de semana".
Critica que os lugares onde se realizan batidas de caza maior empregando munición de bala "non están en absoluto sinalizados" e "calquera cidadán pódese poñer en liña de fogo inadvertidamente". E salienta o paradoxeo de que en moitas probas deportivas, por exemplo, carreiras pedestres ou ciclistas, rallies..., "é habitual o despliegue de medidas de seguridade como anuncios en medios de comunicación, valados, sinais, corte da circulación en rúas e estradas e presenza de protección civil, policía local ou garda civil".
De igual xeito, demanda que se "comece a realizar de inmediato controis de alcoolemia e sustancias psicotrópicas entre todos os cazadores". Xa en marzo a entidade dirixira unha serie de preguntas á Xunta e á Garda Civil pedindo información "sobre o número e os resultados dos controis efectuados a cazadores para comprobar os niveis de alcoolemia e consumo de estupefacientes ou substancias psicotrópicas" así como se cumprían “os requisitos esixidos” e dispoñían dos “oportunos permisos”.
De igual xeito, demanda que se "comece a realizar de inmediato controis de alcoolemia e sustancias psicotrópicas entre todos os cazadores"


Segundo os datos recibidos da Garda Civil a porcentaxe de infractores da Lei de Caza "é moi elevada", xa que presentou denuncias contra 1 de cada 5 persoas identificadas, case dúas mil persoas dun total de dez mil, pero non indica nada respecto aos controis de alcoolemia e sustancias psicotrópicas. Segundo a Dirección Xeral de Conservación da Natureza os controis de alcoolemia a cazadores "non se empezaron a levar a cabo porque aínda non se ten desenvolvida a normativa regulamentaria correspondente". A SGHN preguntábase se "admitiría a sociedade que a Garda Civil de Tráfico non perseguese aos conductores bébedos ou drogados? Resultaría acaso menos perigosa unha persoa nesas condicións armada cunha escopeta ou un rifle?".

Ningún comentario:

Publicar un comentario