Miguel Pardo
Once anos despois da catástrofe e catro meses despois de concluír o xuízo, o vindeiro mércores 13 de novembro lerase na Coruña unha das sentenzas máis esperadas en Galicia. Non foi sen tempo. Será o día no que se determinen as responsabilidades civís e penais pola catástrofe do Prestige, un dos maiores desastres marítimo e medioambiental da historia e que provocou unha enorme marea negra que afectou de cheo o país, pero tamén a outros puntos da costa do Estado e de Francia.
A sentenza lerase no 11º aniversario da catástrofe e tras nove meses de xuízo
O maxistrado da sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña e presidente do tribunal, Juan Luis Pía, decidiu engadirlle aínda máis simbolismo ao ditame deste macroxuízo que durou uns nove meses ao facer coincidir a sentenza co 11º aniversario do inicio do desastre. É o mesmo maxistrado que, ao concluír o xuízo, non dubidou en asegurar que botara de menos "máis implicados" nun proceso que unicamente sentou no banco dos acusados o capitán do buque, Apostolos Mangouras; ao xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos; e o ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors. Un cuarto acusado, o primeiro oficial Ireneo Maloto, non foi xulgado ao non ser atopado. "É obvio que hai máis xente implicada no sinistro, tanto responsables políticos como non políticos", asegurara, tras referirse en concreto ás persoas da contorna do buque.
Estes imputados saberán, xa que logo, se a Audiencia da Coruña os condena ou absolve dos delitos contra o medio ambiente e danos nun ditame que será lido ás 11 da mañá no TSXG. No entanto, non haberá cadea para ningún deles logo das peticións do fiscal e dos avogados de varias acusacións. Pero para que a contorna empresarial que controlaba o Prestige responda economicamente polo desastre é necesaria a acusación contra o capitán, xa que a súa condena é a única opción de que o armador e a aseguradora do buque asuman cando menos parte das indemnizacións e fagan fronte á totalidade da póliza de 1.000 millóns de dólares que teñen subscrita. A Fiscalía reclama máis de 4.000 millóns.
A incógnita do ditame é se a Audiencia condena os tres imputados, aínda que ningún irá á cadea, e quen terá que pagar as indemnizacións
Será o momento de saber tamén se a Xustiza condena ou non ao Estado, representado unicamente por López-Sors, pola controvertida decisión de afastar o buque da costa, o que provocou maiores danos e a estensión da marea negra por toda a costa galega. A súa condena marcaría un antes e un despois, aínda que sexan moitas as acusacións que coinciden en que o ex director xeral da Mariña Mercante é só un dos moitos (e máis altos) responsables políticos que deberían ter sentado no banco dos acusados. A súa condena sería, cando menos, exemplarizante e unha advertencia para os gobernos no caso de verse en situacións semellantes.
Ademais, chegará a hora de saber quen paga a factura da enorme marea negra. No proceso figuran como responsábeis civís directos a aseguradora The London Steam-Ship Owners Mutual Insurance Association Limited e o Fondo Internacional de Indemnización de Danos Debidos á Contaminación por Hidrocarburos (Fidac). Ademais, como responsábeis civís subsidiarios atópanse as entidades Mare Shipping Inc, Universe Maritime LTD e o Estado español. En concepto de responsabilidade civil, o Ministerio Público reclama 4.328 millóns de euros de indemnizacións polos danos do chapapote.
A condena ao Estado, representado só na figura de López-Sors, sería cando menos exemplarizante para os estados
A armadora, Mare Shipping, non quere pagar máis dos 22 millóns de euros que depositou no xulgado de Corcubión tras o accidente e insiste en se acoller ao Convenio de Responsabilidade Civil por derrame de hidrocarburos de 1992, o que limita a responsabilidade das navieiras no accidente en caso de demostrarse que non actuou neglixentemente.
Ningún alto responsable político no banco dos acusados
A lectura da sentenza será o punto final dun proceso longo, criticado e tardío. Máis de 2.000 partes persoadas, problemas nas peritaxes que dificultaron a investigación, atrancos no xulgado de Corcubión e unha causa que implica a unha morea de entes de todas partes do mundo. Tardou dez anos ata que se celebrou o xuízo e nove meses en concluír. E son maioría os que botan en falta moitos máis acusados e con maiores responsabilidades.
Ningún dos altos responsábeis políticos sentou no banco dos acusados e todos eles ascenderon ou continuaron coa súa carreira política
Recordouno a plataforma Nunca Máis, recordouno logo tamén Greenpeace e varias das acusacións particulares. Os responsables políticos da catástrofe do Prestige non só non foron sancionados xudicialmente, senón que ascenderon ou continuaron coa súa carreira política, incluso acadando postos de responsabilidade máis altos que os que tiñan hai once anos cando a marea negra de chapapote tinguía as costas e o mar galego.
Refírense, nomeadamente, a cinco cargos políticos que daquela tomaron decisións fundamentais na xestión da catástrofe: Mariano Rajoy, daquela vicepresidente, ministro da Presidencia e voceiro do Goberno e agora presidente do Executivo; Francisco Álvarez-Cascos, que chegou a ser presidente de Asturias e que foi durante o desastre ministro de Fomento; Miguel Arias Cañete, antes ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, igual que agora; Arsenio Fernández de Mesa, daquela delegado do Goberno en Galicia e agora director xeral da Garda Civil; e Jaume Matas, ministro de Medio Ambiente durante o naufraxio do Prestige e agora imputado e metido nunha morea de procesos xudiciais que o obrigaron a deixar a política.
Todos eles ascenderon na súa carreira política malia que as súas xestións -e algunha das súas polémicas declaracións- durante o desastre do Prestige serán para sempre lembradas. E non polos seus bos resultados, senón polas súas nefastas consecuencias e polas masivas manifestacións que provocaron, o que contrastou coa escasa mobilización social durante o xuízo e que foi criticada polo avogado de Nunca Máis. "Este é un dos aspectos máis lamentables do xuízo. Recoñezo que non se pode manter unha conciencia cívica masiva cando pasa tanto tempo, pero daquela contestación de hai unha década a esta sería moi desexable para nós, os últimos de Nunca Máis, que tivesemos tido un certo apoio social que foi case inexistente", dixera Pedro Trepat.
Ningún comentario:
Publicar un comentario